Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha fala e unha cultura

jueves, 24 de marzo de 2016
Desde o Preguntoiro: Unha fala e unha cultura

Ante os ataques que se veñen dando ao idioma galego por parte de institucións e persoas moi significativas. Sendo o máis triste de todo que, moitos deles son galegos e nados en Galicia con apelidos ancestrais da nosa aterra. Unha mágoa.
Temos que recoñecer que o testamento é un acto moi persoal e individual. As derradeiras vontades non soamente reflicten os valores materiais, tamén aparecen indirectamente os nosos valores culturais entre eles o noso idioma; tanto é así que, dos meus antergos recibín esa cultura da nosa lingua e non fixo falla que mo deixaran por escrito. Herdanza da que me sinto moi orgulloso dos meus avós por deixarme un idioma que son as ferramentas que temos para comunicarnos e intercambiar os pensamentos, ideas e emocións da nosa terra sendo a nosa lingua o máis grande sinal de identidade. Agora que estamos a vivir unha cruzada en contra das linguas minoritarias do estado español con voces dicindo que o idioma castelán está en perigo e en decadencia. A todos estes agoireiros descendentes de antepasados galegos lles digo que ser galego e falar galego significa respectar ós seus avós, aínda que no testamento só lles deixaran os bens materiais. Ser galego é poder ter a facultade especial de cheirar o mar ao pasar a Canda e o Padornelo cando vimos da meseta e emocionarse ao ollar a neve naqueles fermosos sendeiros nos Ancares. Ser galego é poder sentir e vivir entre montañas sen sentirse pechado, aberto ao mundo. Ollar e escoitar o mar cun sentimento que non atopo palabras para escribir e expresar esas emocións. Galego é sentir que a choiva te limpa e non te molla. Ser galego é ollar con amor a fermosura que temos nos nosos campos cheos de grelos, patacas e outros froitos. Ser galego é alucinar co recendo da herba acabada de cortar. Non se poden sentir todas estas sensacións ao completo se non te expresas falando cos teus compañeiros, amigos ou familiares na nosa lingua galega, sintonizando co mar, co campo e co arredor da terra que te veu nacer falando galego. Agora teño unha oportunidade de facelo por escrito para os meu fillos e netos. Agardo que gocen dos bens materiais que lles poida deixar, estes bens son pasaxeiros, pero o máis importante é a herdanza da nosa lingua, un ben que non se vende nin se compra pero que a poden gozar toda a súa vida. Pídovos, fillos e netos, que xamais esquezades a nosa fermosa terra e a nosa lingua, que transmitades aos vosos descendentes estas dúas cousas: lingua e terra, bens que vos deixo con moito agarimo e conservádeas como se fora un tesouro, o voso mellor tesouro.
Cardalda, Theo
Cardalda, Theo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES