Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Taibo cincuenta anos despois

miércoles, 23 de marzo de 2016
O domingo, trece de marzo, alcanzouse o cincuentenario do pasamento de Victoriano Taibo. Compostelán de nacenza, ao longo da súa longa vida -finou con oitenta anos- viviu en diferentes lugares, mais foi nas terras de Morgadáns, en Gondomar, e nas rúas de Vigo onde pasou o derradeiro treito dos seus días, ata que deixou Palencia 37, en Lavadores, para ir repousar a Pereiró.

Taibo dedicouse en vida á docencia, formándose na Escola Normal de Santiago, e ben pronto comezou a participar do espírito rexionalista primeiro e nacionalista despois. De feito, el foi un dos membros fundadores das Irmandades da Fala en Compostela o 28 de maio de 1916, onde desempeñou o cargo de secretario. Foi por tanto, un membro significado do movemento do que este ano conmemoramos o centenario.

Grande amigo de Cabanillas e moi cordial compañeiro de López Abente, Taibo constitúe xunto a estes un dos vértices do brillante tríade poético das Irmandades. Ao seu estro debemos libros como Abrente (1922) e Da vella roseira (1925), aos que é preciso engadir os recuperados postumamente Abicedo. Cabrinfollas (2008).

Recoñecido como unha das figuras intelectuais máis importantes da Galicia do primeiro terzo do pasado século, en 1926 foi convidado a ingresar no Seminario de Estudos Galegos e en 1930 fíxoo membro o Instituto Histórico do Minho en Portugal.

Mais chegaron os días nos que a estrela de Taibo sufriu a sombra da Guerra Civil. A súa entrega á causa nacionalista fixo que as autoridades o desterrasen a Villalar de los Comuneros e naquelas terras valisoletanas pasou como mestre de 1938 a 1942. Á súa volta a Galicia, reintegrouse ao esforzado labor de soerguemento da nosa cultura e as nosas letras e a súa entrega e valía poética fóronlle recoñecidas co nomeamento como numerario da Real Academia Galega o 3 de febreiro de 1946, institución na que ingresou co discurso Rosalía de Castro, precursora da fala o 15 de outubro de 1948, sendo saudado como recipendiario por Ramón Otero Pedrayo. Aquela lección maxistral acabou publicándose case un cuarto de século despois, en 1972, e hoxe pode consultarse no web da corporación.

Narrador no libro de relatos Da agra aberta (1956), unha parte importante da poesía de Taibo fica aínda espallada por revistas e xornais nos que colaborou dende 1913 ata primeiros dos 60. De igual modo, tampouco se recolleron en libro as súas colaboracións ensaísticas, nas que as dedicadas a temas lingüísticos ocupan un posto non menor, e fican aínda por editar un feixe de textos aos que puxo o título de Contos pequenos e algunhas outras narracións que parece que van ver luz en breve.

O fondo saber de Taibo levouno a redactar páxinas e páxinas sobre Literatura, Historia, Política ou Etnografía e foi unha presenza habitual en relevantes eventos culturais do seu tempo, prodigando o trato amigable cos máis importantes persoeiros da pasada centuria, como Castelao, co que mesmo chegou a conferenciar; Vicente Risco, co que se carteou abundantemente; Villar Ponte, con quen compartiu angueiras de irmán; ou Otero Pedrayo, a quen o uniu unha afectuosa mutua admiración. Tamén nos seus anos vigueses cultivou o faladoiro e no taller de ourivería de Ángel Mareque Cajaraville, na Rúa Carral, ou na Taberna de Elixio, na Canella da Aurora, compartiu animada parola con colegas escritores como Cunqueiro, Castroviejo e Sigüenza, pintores como Laxeiro, Lugrís e Granell ou fotógrafos desta casa, como Bene.

O Instituto de Estudos Miñoranos ha honrar a memoria de Taibo no seu cincuentenario cun acto no que está previsto que, ao chamado de Miguel Anxo Mouriño, participemos estudosos e autores vencellados á súa figura. A xornada servirá tamén para convocar o IX Premio de Poesía que leva o nome do escritor e para lembrar ás autoridades pertinentes que este bo e xeneroso leva medio século agardando que lle dediquemos unha gran festa das letras.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania