Galicia, en todo o mundo
Editorial - viernes, 27 de octubre de 2006
Galicia (antes ensinábase referido a España), limita ó norte co Mar Cantábrico. Pero, no caso das terras de Ribadeo, Galicia limita ó norte con Inglaterra, mar por medio, fronteira imprecisa no físico, entrañable no corazón.
Polo demáis, digamos que por norte e oeste Galicia limitará como parece lóxico co Cantábrico e o Atlántico, polo sur con Portugal tendo no Miño unha perfecta delimitación, e polo leste con Asturias e Castela-León marcando a separación as serras orientais.
O B.N.G., no seu proxecto de Estatuto do pasado ano, abogaba pola integración en Galicia de concellos asturianos e castelán-leoneses, co conseguinte rebumbio político e social.
Agora, Nós-Unidade Popular, que ten como norte a independencia de Galicia, editou un mapa do país que vai moito máis lonxe polo leste “invadindo” as zonas lingüísticas nas que o galego ten carta de natureza.
Nas zonas “invadidas” están que trinan. En Galicia non parece desatarse o problema de forma grave. Pero en algún momento vai haber que definirse, antes de que nos unan a Portugal (a iniciativa anda por ahí), co cal o Miño deixará definitivamente de ser unha fronteira.
Se atendemos ó idioma, Galicia entra en amplas zonas de Asturias, por Vegadeo e Taramundi, en Castela-León por Sanabria, Ponferrada, O Bierzo… en Zamora… En Extremadura, polo Val de Xalima. En Andalucía, onde hai nomes galegos. E xa non digamos en Madrid, Barcelona ou Bos Aires. Se atendemos ó idioma, Galicia ocupa todo o mundo.
Galicia, os galegos, está-estamos, en todo o mundo. Pero como non é cousa de reivindicar todo o mundo para os galegos, tentemos convivir cos veciños convencendo máis ca vencendo, e facendo cada vez máis respectable, máis popular, máis prestixioso e prestixiado o noso idioma.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora