Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ser noticia? Si, pero...

jueves, 17 de marzo de 2016
A discapacidade convértese en fonte de información chegando a ser noticia feitos irrelevantes. Nunha sociedade con prexuízos cara o diferente, interesan máis os aspectos morbosos e sensacionalistas. Pode resultar irritante a naturalidade coa que se mostran as desigualdades. É necesario erradicar os recursos que enfatizan a sensibilidade emocional porque non queremos ser noticia a calquera prezo.

Os medios de comunicación son axentes básicos na difusión e promoción dos cambios sociais. En parte son responsables da imaxe pública e da percepción social de colectivos marxinados. As súas mensaxes axudan a formar opinión e inflúen nas ideas que temos sobre a realidade. Por outro lado, as novas xeracións coñecen o mundo a través dos medios e gracias a eles van formando a súa escala de valores.

Reiterados esforzos realizados desde institucións, particulares ou o movemento asociativo en xeral resultan insuficientes sen unha normalización paralela nos propios medios. Sen embargo, na maneira en que se refiren a veces ás persoas con diversidade funcional non favorecen a tan cacarexada normalización social. Empréganse expresións cunha terminoloxía discriminatoria. O que se fala da diversidade case sempre soa grave, serio, duro… Non se trata só dunha cuestión de estilo.

A Consellería de Educación ven de entregar un “premio extraordinario da ESO ao rendemento académico”. Unha noticia que simplemente pode invitar a congratularse co premiado, pero que ten unha matización especial porque acentúa demasiado as discapacidades. Tería que ser suficiente o término “diversidade funcional” que tanto nos custa ir introducindo. Estou a referirme á concesión do premio a Juan David, un rapaz de Portomarín. Imaxino que provocaría reaccións de alegría, pero tamén escoitei “pobriño, con tantos problemas…” A un premio pódese chegar de varias maneiras, pero o importante é o premio sen necesidade de primar o negativo. A súa irmá expresaba o descontento con estas palabras: “Faise énfase nas discapacidades no canto das competencias e aptitudes polas que acadou o premio. Claro que se deben valorar as dificultades engadidas, pero non basearse nas mesmas”.

De seguro que a familia está convencida de que as leis serven de moi pouco se cada persoa non se converte en axente loitador. Podemos dicir que somos verdadeiros expertos en agudizar o enxeño e desenrolar estratexias para superar a multitude de obstáculos que nos pon, día a día, o noso entorno. Os dereitos non están para quedarse no papel, teñen que estar vivenciados por historias concretas. Se asumimos a diversidade humana como un valor, non é necesario etiquetar algo que se supón forma parte da normalidade. Unhas muletas, unha cadeira… non poden ser máis decisivas que o talento e as capacidades dunha persoa. Recollo palabras significativas da nai: “A discapacidade non está non seu corpo, senón que aparece na relación con nós. Nos nosos prexuízos e ignorancias. Aínda falta conseguir que ao meu fillo o manque máis unha ferida ca unha mirada”.

Sabido é que aínda hai un gran descoñecemento das posibilidades das persoas con diversidade funcional. O verdadeiro cambio non vai chegar coa lexislación ou a tecnoloxía senon da man das formas de entender con sensibilidade a diferencia. Unha visión lastimosa sempre vai dificultar a inclusión social. Cando todos aceptemos que a discapacidade é unha aportación importante dentro da diversidade, teremos un longo camiño percorrido. Resúmeo moi ben o seu irmán: “Non foi fácil, pois ti ías aprender e tocouche terminar ensinando. Eras unha incógnita que se converteu en solución para os que van vir detrás túa”.

Á Administración correspóndelle crer que é posible e, a partir de aí, facilitar os medios necesarios e proporcionar itinerarios formativos que posibiliten igualdade nas condicións de saída. Unha diversidade funcional non implica ter privilexios senón as mesmas oportunidades. Só se necesita compensar as limitacións funcionais para dar opción a unha vida en igualdade. Nunha sociedade plural e moderna a participación debe realizarse coa mesma liberdade para elixir.

Pola miña banda, sentín alegría interna porque sei dos comezos difíciles e da súa loita constante sen poder baixar a garda. Seino e comparto sentimentos que me levan a episodios da miña vida. A modo de exemplo cito cando tiven o primeiro coche. Era todo un acontecemento ir ás agochadas observar o coche e mirarme a min ou viceversa. Xa daquela me preguntaba porque algo normal se convertía en extraordinario. Gustaríame que se parasen a pensar no alcance das palabras que, nalgún momento, chegou a dicir: “los profesores piensan que soy tonto”. Retrocedo de novo ao meu pasado e lembro cando se facía a típica ronda de preguntar que queriamos ser de maiores, a min sempre me saltaban dando a entender que non ía ser nada.

Parabéns Juan David por perder o medo a participar de maneira activa na sociedade, por facer que as barreiras mentais non impidan ou limiten a nosa inclusión. Comparto as túas palabras e remato con elas: “Ogallá chegue un día en que darlle un premio a alguén coma min non lle cause sorpresa a ninguén”.
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES