Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Persecución relixiosa en China (I)

lunes, 14 de marzo de 2016
Os Católicos

Dada a complexidade de China en extensión xeográfica, en cantidade de poboación e en diversidade de crenzas, resulta moi difícil lograr unha radiografía mínima desta nación-continente. O datos aproximados son: 9,6 millóns de Kms2, 1.340 millóns de habitantes, cun 35 a 40 % de agnósticos ou ateos, un 30% de relixións tradicionais chinas, dun 20 a un 30% de budistas, dun 5 a un 7% de cristiáns e un 1,6% de musulmáns. A represión relixiosa da época de Mao desapareceu, mais a China comunista actual mantén un alto grao de vixilancia sobre as igrexas cristiás. De vez en cando nas diversas provincias aparecen intimidacións, arrestos e encarceramentos neste país onde o cristianismo coñece actualmente un crecemento exponencial. Os católicos están premidos entre a súa fidelidade ó Papa e a súa lealdade o poder patrio; as comunidades evanxélicas seducen cada vez máis ós chinos e organízanse de forma clandestina para poder escapar o control do Estado. Noutras palabras, os cristiáns viven entre a tolerancia e a vixilancia.

Unha historia de presións e adaptacións

Unhas pinceladas sobre a situación dos católicos en China. Son uns 12 millóns, mais comparados coa eclosión das comunidades evanxélicas, son unha minoría dentro da minoría cristiá. As relacións problemáticas entre o réxime comunista e as comunidades católicas centrouse desde os tempos de Mao no nomeamento dos bispos que o Partido Comunista quixo controlar e impoñer ó Vaticano. Despois de moitos tira e afrouxa durante os últimos 75 anos transcorridos, hoxe encontrámonos con bispos católicos “lícitos” recoñecidos polo Vaticano e bispos “ilícitos” impostos pola estatal “Asociación Patriótica de Católicos Chinos” (APCC). Esta tensión freou a expansión do catolicismo en China.

Un exemplo concreto recente explica esta situación de tensa convivencia: en xullo de 2012 foi nomeado bispo de Shanghai, Ma Daqin, sacerdote de 43 anos. O día da súa consagración dixo textualmente: “Á luz do que nos ensina a Igrexa debo consagrar toda a miña enerxía o Ministerio Episcopal e a evanxelización. É para min molesto pertencer a Asociación Patriótica de Católicos Chinos, polo que dimito dela”. Os representantes do Partido Comunista alí presentes quedaron desconcertados, mais deseguida déronse conta do que aquelas palabras significaban. Poucos días despois foi relevado das súas funcións de bispo pola estatal Asociación Patriótica de Católicos Chinos e confinado nunha residencia vixiada a uns 50 quilómetros de Shanghai. A Diocese máis grande China está así decapitada desde entón.

Á morte de Mao en 1976, o seu sucesor, Deng Xiaoping, estableceu reformas e liberalizou a economía. Numerosos fieis, sacerdotes e bispos saíron do cárcere, mais a opresión non desapareceu totalmente. Na nova China os católicos teñen que elixir: ou someterse o ditado da estatal Asociación Patriótica fundada en 1957, na época de Mao, ou ben rechazar ese control e entrar na clandestinidade. Naceu así a época das “dúas Igrexas”, unha subterránea, invisible e fiel a Roma; e outra oficial, visible e fiel o Partido Comunista. Hoxe esa fronteira está máis diluída; mais o Partido e Réxime comunista seguen vixiantes sobre os católicos de obediencia exterior, o Papa.

Marxinación sen persecución aberta

Neste intre non se pode falar dunha persecución relixiosa aberta e xeneralizada contra os católicos nin contra outras confesións relixiosas, mais si existe un control e vixilancia mais ou menos estrita; porque o réxime, xa triunfante, ten agora outros métodos máis refinados e sutís, como confrontar os seus propios bispos cos nomeados por Roma. Os bispos, os sacerdotes e o fieis católicos tamén aprenderon a actuar con perspicacia e ambigüidade. O paradoxo está en que despois de 75 anos de comunismo, a sociedade china está máis ansiosa de relixión, pois así o demostra o crecemento exponencial dos protestantes, dos católicos e dalgunhas seitas. Tamén se recuperan os budistas e outras relixións tradicionais de China.

Por mor da brevidade deixaremos para outra achega unhas pinceladas sobre o crecemento exponencial dos cristiáns de confesións protestantes que en 1950, cando Mao acadou o poder, eran pouco máis dun millón; e agora estímase que poden ser xa entre 50 e 100 millóns. Por algunha lóxica e dinámica oculta, que trataremos de albiscar, este tipo de relixiosidade protestante está encaixando ben coas ansias da sociedade china como veremos na próxima entrega.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES