Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Multimillonaria inversión en Rozas ¿do Concello de Castro de Rei? (I)

jueves, 10 de marzo de 2016
Con gozo, e falo só a título persoal, recibín e sigo con sumo interese as informacións que van saíndo con relación ás novas industrias aeronáuticas que se van montar en Rozas (quero crer que do Concello de Castro de Rei, do que son fillo por partida dobre), arredor do seu campo de aviación, como lle chamabamos cando eu era pequeno. El, o campo, é algúns anos, poucos, máis vello ca min.Multimillonaria inversión en Rozas ¿do Concello de Castro de Rei? (I)

A min fixéronme e nacéronme os meus pais polo que lles estou moi agradecido, aínda que cando me miro ó espello sempre penso: Debían ter presa, que non se pararon moito, pero fixeron o que puideron e a quen fai o que pode non se lle debe pedir máis. A el, ó campo de aviación, fixérono os alemáns e paráronse moito máis; que os alemáns son moi repousados e meticulosos, tanto á hora de pensar como á de facer. Teño escoitado dicir que o gran filósofo Kant tiña remontadas as cueiras do pantalón con dobre remonte de pel de percherón de parada sen curtir. Pra ver o repousados que son non hai máis ca fixarse nos andares da Merkel, que parece que nunca ten apuro
.
Hitler e os seus secuaces, -se un mal raio os fendera a tempo…-, tamén foron moi meticulosos na planificación e desenvolvemento do holocausto. Incluso teño oído que un dos demos maiores, disfrazado de xeneral das Allgemeine-SS, lle veu encargar a Himmler un inferno que aínda hoxe funciona mellor ca os que lles encargaron a Stalin ou ó Kukusklan. Un que levaron de España perdía presión por todos os lados. Xa nin o estrearon. Déronlles o que non era. O verdadeiro quedou aquí.

O campo de aviación perece ser que foi feito pra servir ás tres antenas xigantes que foron orgullo da Chaira ou da Valuria, que xa tanto monta. E eu que pensaba que eran as antenas quen servían á aviación… Permítaseme unha palabriña con relación ás antenas. As pobres aguantaron en pé ata hai poucos anos, pero por falta da debida atención deron cos ósos do seu esqueleto metálico no chan. Podían, penso eu, ter aínda algunha utilidade tecnolóxica e seren un atractivo turístico no rural, pero parece ser que desde que se desentenderon delas os alemáns, ninguén as asegurou e só tiñan unha pensión non contributiva, que non é rendible pra coidar a ningún vello ou vella. Vímolas derrubarse os que desde noviños nos afixéramos a fixarnos nelas e vimos como non moveron un só músculo do, por imperativo legal, endurecido rostro, as autoridades in-competentes ó velas tiradas no chan. Pra que? Que máis ten? Total, non mantiñan a naide. Xa hai abondas antenas nos curutos dos montes.

Non é a miña intención, nin a miña competencia, reproducir aquí a historia do que foi campo de aviación e logo aeródromo militar do Exército do Aire e logo o principal aeroporto de Galicia, na teoría, mentres non se acabou de construír o de Santiago, e logo estivo a piques de ser esmendrellado de todo, porque non había quen tirase, e cando non hai quen tire, xa se sabe, nin canonizan ós que xa son santos e adiántanlles pola dereita outros que acaban de chegar.

Os veciños dos arredores que non tiveron que emigar viron como si tiveron que emigrar un dos seus angares, pra Palma de Mallorca, e outro, pra Catro ventos de Madrid, e menos mal que un alcalde de Lugo, Ramiro Rueda, mostrou sensibilidade pra salvar o salvable e promoveu a creación por vía de urxencia dun Real Aeroclub e con esa estrataxema logrou conmover ó ministro do Aire, Lecea, e deuse chegado a tempo pra salvar o terceiro angar e algo máis, e que grazas a iso chegase a funcionar alí unha escola de pilotos.

Supoño que algúns dos que teñen só a metade da memoria histórica, (a do lado dereito do cerebro, porque parece ser que o cerebro traballa ó cruzado), seguindo o exemplo de Madrid, quererán borrar das placas de rúas, se as teñen, a memoria destes dous franquistas, pero da miña memoria non creo que os dea borrado máis ca o alzheimer ou a demencia senil. Claro, dirán os da semimemoria: “Era sabido, cura tiñas que ser e ademais con saudade do nacional-catolicismo”. Despois volverá a pedir perdón a Carmena de turno, e asunto amañado.

Pois, xa despois de tomar carreiriña, direi que tamén fun capelán, ou como queira chamárselle, arredor do ano 80 do século pasado, dun campamento de mociñas e mociños alí en Rozas, promovido por don Jesús Rábade, en paz descansa, que, a pesar de ser moi boa persoa e traballar moito po Lugo, como foi falanxista, é pecado mortal polo civil nomealo en voz alta.

Agora os da media memoria cambiarán de terzo e dirán: “A saber de cantos nenos abusarías, pederasta”.

Deixémolo así que eu quería falar doutra cousa e non botarme moito fóra do rego, pero teño a manía de ceibar varias lebres a un tempo, esquecendo que son coxo e me fallan os folgos, e escápanme todas.

Quen me mandaría meterme en camisas de once varas nin falar da media memoria histórica? Se me deixan, aclaro que teño dado mostras de estar a favor da non tendenciosa memoria histórica; pero nunca se me ocorrería poñen en ridículo a Darío Rivas, cos seus noventa e catro anos, pretendendo darlle unha carta á Merkel en Santiago cando pasaba e sen previo aviso. O que me molesta é que pra desenterrar un morto se bote a terra encima da sepultura do lado por xenreira contra o que ese morto seguramente non fixo libremente. A morte tamén mata as ideoloxías e iguala moito ós mortais. Ademais, por definición, toda memoria é histórica, xa que ninguén pode gardar memoria do futuro. Ou si?

A ver se pró xoves que ven dou pillado tan sequera un lebratiño contra algunha toxeira de Rozas.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES