Representar ás Institucións
Editorial - viernes, 20 de octubre de 2006
En principio é o político, que forma parte dunha entidade partidaria, na que ten uns dereitos e uns deberes, un papel e unhas responsabilidades, que obrigan a poñer por diante o partido de calquera querencia ou vocación persoal. Esto é a teoría, claro está. A práctica é outra cousa.
Ese mesmo político, cando participa nunhas eleccións, vai axeitadamente situado e obtén o favor popular, entra nunha dimensión diferente. Xa non é que o seu sentir persoal estea dominado polo interese da colectividade da que forma parte, senón que por riba desa colectividade está a institución á que accede, e que ten que influír en tódolos seus actos por riba de calesquera outros intereses. Esto, tamén é a teoría. A práctica, a saber.
Non cabe dúbida que o papel institucional dun político é difícil de asumir: deixar de lado todo tipo de prexuizos, para entrar na dimensión do servizo público.
Difícil o papel dun Alcalde-Presidente dunha Corporación para poñerse por riba dos intereses partidarios. Máis difícil aínda o da presidencia dunha Cámara de representantes para contentar a tódolos grupos.
Na Cámara galega, o PP estudia presentar unha “iniciativa de censura” contra a presidenta Villarino por entender que o seu papel é máis partidista que institucional. Posiblemente aínda haxa remedio.
Polo menos o último rifi-rafe rematou con ben, despois de que a presidenta chegase tarde, Santiso Miramontes fixera un comentario en broma, o PP sacase unha nota de prensa, a presidenta se disculpase, e houbese nova nota rectificando a anterior.
Pero se xa o refraneiro di que falando se entende a xente, e o Parlamento é o lugar onde se debe falar absolutamente de todo para que non haxa malentendidos.
Ós nosos representantes encargámoslles unha función e pagámoslles xenerosamente por desempeñala. Teñan a festa en paz, falen todo o que haxa que falar e, á hora de representar ás institucións, lembren que estas están moi por riba dos partidos nelas representados.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora