Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Marcos Abalde Covelo gaña o IV Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

viernes, 04 de marzo de 2016
Este ano veu con poucas neves, pero con moitos bens poéticos. Tal é a impresión se nos deixamos guiar polos certames literarios do país, nos que xa se destaparon títulos que nos vindeiros meses darán moito -e agardo que ben- que falar. O último deles é o Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, que convoca o concello natal do autor do que leva o nome: Fornelos de Montes.Marcos Abalde Covelo gaña o IV Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía
O xurado deste premio -conformado por Luís Cochón en calidade de presidente, Mercedes Queixas Zas e mais eu como vogais e Carmen Carreiro como secretaria con voz e sen voto- reuniuse onte á tarde e, logo da pertinente deliberación, decidiu outorgar por unanimidade o premio deste ano ao poemario presentado baixo o título Exhumación e pseudónimo Cerval. Aberta a plica, descubrimos que o texto resultou ser da autoría de Marcos Abalde Covelo (Vigo, 1982), un autor en alza das nosas letras que conta xa no seu haber con outros galardóns como o Premio Josep Robrenyó (2008) por Canibalismo (Estaleiro, 2011); o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais (2011) por A celebración (Xerais, 2013); o Premio Fiz Vergara Vilariño de Poesía (2014) por Oenach (Espiral Maior, 2015) ou o Premio de Teatro MOME Varela Buxán (2015) por Oito epitafios por Troia.

O xurado salientou en Exhumación o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva.

Posuidor dunha arquitectura moi sólida e tramada, a dicción culta deste poemario convence polo seu poder evocador e a fulguración das imaxes labradas con gran mestría.

Alén da distinción de Exhumación -que verá luz en Xerais o vindeiro 9 de abril- o xurado quixo recomendar tamén a publicación dun segundo orixinal, presentado baixo o título Entullo, pois entende que a calidade deste poemario ben merece que vexa lume.

Sexan parabéns ao premiado e vaia o agradecemento a todos os participantes, na seguranza de que o mellor termómetro da boa saúde da nosa lírica está no seu meritorio labor.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES