O nacionalismo que incita ó odio
Rivas Delgado, Antonio - martes, 01 de marzo de 2016
É que nin a Hitler nin a Stalin os declararon persoa non grata en Pontevedra. Palabras do presidente en funcións Mariano Rajoy. Pero digo eu, por que non pensou desta maneira: Por que me declaran a min persoa non grata e non aqueles ditadores? Se a corporación municipal de Pontevedra o declara non grato, por algo será, non si? Ou foi por capricho? Non; por terrorismo. Que? Por terrorismo. Eu veño a entender que o ministro do Interior (tamén en funcións) así o confesou, aínda que usando outras palabras: Incita ó odio nomear persoa non grata a alguén. Aí está, terrorismo puro e duro. Onde vai xa que confesei que os do BNG, que os nacionalistas son, somos, todos uns terroristas. Calquera opinión destes é tan radical que vai sempre contra natura; terrorismo puro e duro.
O alcalde de Pontevedra confesa que lle doeu tomar unha decisión. Créoo perfectamente. Quéirase que non Rajoy é un veciño pontevedrés. Con maior motivo entón para asegurar que por algo sería o escarnio. Nada, nada, que non se desculpe agora, que se nota a leguas que é un terrorista, está incitando ós seus veciños a que odien a outro veciño cabal, traballador, sincero, incorruptible e gran defensor das ovellas do seu rabaño. Xa se sabe que no seu rabaño non hai ningunha ovella negra.

Rivas Delgado, Antonio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora