A praza das festas
Xiz, Xulio - martes, 10 de octubre de 2006
O Xeral-Calde esqueceu o antigo nome en cambio non traumático que nin se notou.
Co mesmo vello nome de reminiscencias bélicas, queda a praza na que se xuntan os rapaces por milleiros como en tempos pasaban a centos os seminaristas. Na que antes as referencias eran os seminarios e hoxe -ampliada- vai desde a casa de cristal escuro ata as que xa se coñecen como torres xemelgas ou lucus pelotazo center, á que hai que rebautizar urxentemente para evitar que os lucenses o fagamos de xeito impropio.
Nos meus tempos festeiros, Santa María era o lugar perfecto para concertos. Medraron os escenarios, medra o número de espectadores, e xa que ninguén se atreve a facer da praza Maior unha María Pita hai que buscar outras ubicacións, e a nova praza parece perfecta. Alí vin a Rosario, e a praza conquistoume. Como festeiro pasivo felicito ó que tivo a idea de facer festas nesta praza.
Na Miña Vilalba hai unha rúa que os vilalbeses bautizaron como Rúa do Xamón. Eu, antes de que os lucenses a bauticen, propoño para esta o nome de Praza das festas. Por se acaso. Porque o pobo cando quere sabe ser orixinal, incisivo e xusto. ¡Quen sabe como poderían chegar a chamarlle!.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora