Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esbozos

martes, 23 de febrero de 2016
Presidente Rajoy
Algo de mecanismo no seu andar. Os brazos como aspas, oscilantes. A cabeza ergueita. Ollado nun ángulo de visión, semella ter un tórax ríxido, como un trisco convexo, rodeado de traxes en cores escuras, sostido por unhas pernas que se lle aprecian febles, que semellan ter como misión unicamente, soportar como un pedestal, esa cabeza grande, algo alongada, de home que se ten por cabal.
Herda do seu antecesor Fraga, o que parece ter o Estado na cabeza. Na súa cabeza, o seu Estado.
Non é difícil imaxinalo en posición ecuestre, pero sen cabalo. Como se rematase de desmontar e se dirixíse á multitude en actitude de derramar sorrisos e palabras graves.
Non sei, despraza unha certa incerteza a quen o coñece só pola súa imaxe nos medios; aparenta un dinamismo escaso para home de acción, que o é. Desde a súa temperá mocidade ocupa cargos de moita responsabilidade política e, lonxe de minguar, creceu ata o máis alto. Non debe ser doado nun sector onde debaixo de cada alfombra poida que se atope un buraco enorme, unha trampa para osos.
Quizais o que traizoa á súa imaxe é o saber que a súa profesión é rexistrador da propiedade. E iso marca. Esa cabeza ten moitos ram na súa memoria.
Tampouco a barba recortada favorécelle. Dalle unha seriedade que non precisa dese adorno. Ven de serie. Nótaselle. Aínda máis, tampouco disimula esa aparencia de estudante chapón, o primeiro da clase, que incomoda tanto aos gamberrillos, por envexa e amolo.
Agora está en funcións. Detrás das súas lentes noto unha sombra como de tristeza contida. Quen podería vivir encima de tantos casos de podremia que choutan polas súas bandas sen sentir noxo? Tocoulle iso.
Con todo atesoura experiencia dabondo como para que non descansen os que pensan na súa relaxación. Leva moito tempo xogando ao póker e sobre a mesa un comodín está inquedo, transita dunha banda para outra e el ten capacidade de atracción, como os planetas do sistema solar.

Pedro Sánchez
Puido ter xogado ao baloncesto, ser galán de serie, xerente dunha pyme ou o seu relacións públicas. Optou pola economía, o seu estudo, o seu ensino e agora o seu desenvolvemento na vida real. Para iso meteuse á política nun partido coas palabras social e obreiro no seu anagrama. Agora ten nunha man a esponxa coa que, se non borrar, esvaecer un anaco ese nome, e na outra un rotulador novo, de cor vermella, máis ou menos intenso, co que cicelar esas mesmas palabras.
Ten algo de lucky man. Velaí ese aceno burlón que amosa ás veces. Encesta de rebote. Cando pode iniciar xogada bloquéano e non chega marcar. De momento. Está a aprender. Ultimamente véselle que domina os esquemas do xogo e xa moveu ficha onde menos estaban a agardar os seus represores papás. Pero, Ai! ata onde tenlle medo ao castigo deses predecesores cuarteados por unha intemperie inclemente, fóra da actividade política, apoltronados nunha comodidade de satrapía? Esta incógnita resolverase deseguida. Sen remedio. Déronlle corda ao reloxo e non deixan de atormentar os seus sonoros pasos de metal.

Pablo Iglesias
Ten iso dos novos profesores, que non queren deixar de ser alumnos e non mudan de vestimenta no seu paso do pupitre ao estrado.
Atrás fican aqueles tempos nos que eses ritos de paso manifestábanse cun sinxelo troco de fondo de armario. Aquel alumno díscolo e algo traste, metíase no seu traxe cruzado e anoaba a súa gravata para entrar baixo o lintel do claustro por vez primeira.
Chámanlles Peter Pan a esa permanencia nunha idade indefinida, como se non quixesen tomar as rendas do seu destino. Algúns así o pensan. Nada máis lonxe. Se hai alguén con tantos desexos de transcender ese salto xeracional da adolescencia á madurez, é este home que leva o corpo protexido coa mocidade do indumento e o acicalar progre do peiteado. A súa coleta é un trazo distintivo, unha especie de bandeira a cuxo paso séguenlle as distintas xeracións amontoadas, revoltas, unidos nunha mesma loita.
Imos decilo xa: Dalgún xeito rachou esas barreiras xeracionais que sempre enfastiaron cos seus distingos. Aglutina a todas as idades, non tanto como quixese, pero dabondo para facerse notar. Cans frautas, Yoyos frautas: neoloxismos nados co intento de vituperar, pero que el e os que son como el, déronlles a volta e xa se consideran denominacións dun certo senso de pensar, de ser e de amosar o descontento.
E isto aprovéitao este home, porque eses votos acadados son abundantes, non tanto para acadar o seu primeiro propósito de ocupar o poder sen paliativos, pero tanto como para presionar no corpo do candidato do xefe do estado para que se incline cara a onde el ponlle a man, o seu punto de apoio.

Albert Rivera
Un neno preparándose para a primeira comuñón. Acicalado. Repeiteado. O seu nó da gravata abraiame, tan preciso ese triángulo perfectamente apertado no seu ángulo máis fino, co estrangulamento xusto para un asomo, pequeno, pero preciso, de rixidez no protocolo. Non sempre. O botón da parte alta da camisa, xusto onde a noz, ás veces está ceibo e dálle ese aire de interclase, de ter valor para todos, que é a súa carta de presentación. É un comodín nato. Quere ser a carta decisiva na gran xogada. Sobre todo agora que ten limitada a súa capacidade de manobra.
A súa mocidade é un espellismo, con só dedicarlle unha ollada un pouco intensa, amosa o neno que leva dentro, o bo alumno, o bo compañeiro, ese co que todos queren xogar, o inofensivo, ao que se lle pasa o brazo polo ombreiro nas excursións de fin de curso.
Os labios torcenselle un anaco cando sorrí, como dicindo si, pero... Ese refregarse as mans pode ser un xesto de impaciencia, pero tamén o agrado de quen atópase no sitio apropiado e quere gozar do momento. Que tal amigos! Por onde empezamos?
Sabe rodearse de xente seria, con currículo, o brillo dos compañeiros desta viaxe acrecenta o dourado esplendor da súa armadura, aínda que ás veces algún dos que forman esa engrenaxe amose a pata e saque esa garra da luva de veludo.
Naceu como pedra no zapato do nacionalismo catalán e non quere disimular esa posíbel coxen. Pola contra, incide na súa postura sen importarlle as consecuencias, se pode ser que chegue a telas. De momento o gran xefe en funcións e el teñense collidos da man nesta cuestión. Mutuamente equilíbranse ao andar, malia que o zapato segue a andar co seu propio pé e sen medo a nada, mesmo ao abismo.
O líder socialista, é, e non é, punto de apoio nesta conxuntura, pois algunha vez está situado ás súas costas e outra diante súa.
Xa dixemos que a este home gústalle que o amigo máis “guay” da cuadrilla póñase asúa banda e lle pase a man polo ombreiro na excursión con tortilla de pataca. Sen fuet. En todo caso, só un pouquechiño, por favor!.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES