Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un concelleiro de Madrid

sábado, 20 de febrero de 2016
Non lembro cómo se chamaba e certamente tampouco é que me interese moito. Compartín uns intres con el e cunha ducia de persoas, hai preto de catro anos, nunha terraza dos "Jerónimos", despois dun acto na Casa de Galicia de Madrid que tivera como protagonistas a Amancio Prada e á memoria de Celso Emilio Ferreiro.

Para que ninguén me deixe mentir direi que a carón daquela mesa estaban, entre outros, o propio Amancio Prada, o director da Casa de Galicia, o actual alcalde de Ourense e daquela conselleiro de Cultura e o mesmo secretario xeral de Cultura que aínda hoxe ostenta o cargo.

Peiteado con fixador dese que marca estilo e que non lle permite unha licenza ó pelo nin cun furacán de forza 4; alto e con porte ergueito, propio de quen semella ter engulido o mastro da bandeira nacional de neno, presentouse como concelleiro do PP no Concello da capital.

Como pode comprender, benquerido lector, non deixaba indiferente a ninguén, tanto polas formas como polas expresións. Falaba de Fraga Iribarne cunha familiaridade tal que resultaba case histriónica. Incluso Alberto Núñez viña a ser para el unha sorte de "colega" -que me disculpe a licenza- de barra americana. Mesmo nos vendeu a moto -galegos que eramos todos- de que gracias a el, "don Manuel" tiña colocado un cruceiro en non sei que simbólica encrucillada madrileña.

Nun intre foi tal a evidencia do seu protagonismo excesivo e da presuntuosa sobreactuación que practicaba, que incluso o diplomático director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega, estivo a piques de perder con el os estribos, mentres o ex-conselleiro e o secretario xeral miraban para el coma os demais, é dicir, cos ollos coma pratos.

Unha xoia!, que diría unha sentencia e que, como dixen ó principio, nin sei quen era nin a qué, agora -perdida polo PP a alcaldía-, se dedica.

Lembreino estes días, despois da dimisión da ex-alcaldesa (el estaba alí en representación da alcaldía), por que me dá a min que era algo así como o prototipo ou o retrato robot dun perfil moi propio do Partido Popular de Madrid. Dese Madrid que mira ó resto do país dende os balcóns do Palacio Real, coma se o resto fose paisaxe.

E lembreino porque, mentres a súa autosuficiencia lideraba o seu monólogo, eu facía cálculos por aquí e por acolá para tratar de ver por algún sitio os fíos que conectaban a aquela “efixie” coas xentes do PP de aquí coas que eu estaba alí, e non lograba dar con eles. Será porque pouco ten que ver ese PP de Madrid co que convive con nós? Pois non o sei. Pero de ser así, pola súa propia supervivencia, empeza a serlles urxente a hora de evidencialo.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES