Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A mocidade do rural

viernes, 19 de febrero de 2016
"Que non te aten", segunda novela de Manuel Iglesias Turnes
Manuel Iglesias Turnes estreouse como escritor en 2012 -cando xa tiña ben cumpridos os sesenta- cunha novela, As rapazas de Xan (1), que A mocidade do ruralnarra a vida nunha aldea de Galicia na primeira metade do século vinte. O relato, que tivo unha excelente acollida (2) reflectía con veracidade as peripecias vitais da xente do rural na época dos pais e dos avós do narrador. Agora entréganos a súa segunda obra, Que non te aten (3), na que fai un acaído retrato do mundo rural galego nos tempos de hoxe desde a ollada da mocidade actual, a que se correspondería coa xeración dos fillos do autor. Volve a sorprender nesta segunda entrega narrativa. Demostra unha boa pericia como narrador e confirma a súa vocación literaria.

Que non te aten, é unha novela de amor e desamor narrada como unha historia lineal na que o narrador/protagonista vai relatando a vida dun grupo de mozos/-as do medio rural. A acción discorre en Cabanas (parroquia do concello de A Baña, terra natal do novelista), con incursións ocasionais en Santiago e Muros. O protagonista da novela, Marcos, é un rapaz indolente de vinteseis anos, que traballa na explotación gandeira da propia familia, dirixida polo seu irmán Daniel e a súa muller Iria. A incapacidade do protagonista para tomar decisións lévao a manter relacións simultáneas con dúas mozas e a vivir envolto nunha trama de mentiras.

A modernidade na aldea
Hai na novela dúas partes ben diferenciadas. Na primeira o narrador retrata a forma de vivir e traballar nunha explotación gandeira A mocidade do ruralactual. O autor coñece ese mundo pois o seu labor profesional estivo sempre vinculado ao campo. Hai unha modernidade no mundo rural que a xente urbana descoñece por completo. Hoxe as ganderías dedicadas á produción de leite están dotadas dunha tecnoloxía punteira que as sitúa entre as máis avanzadas de Europa. A selección xenética das vacas frisonas, o control informático da explotación e da produción, a organización do traballo, o control da alimentación do gando, as zonas de muxir case estériles como quirófanos, os concursos para elixir á mellor vaca do ano: toda esta actividade fai que a vida no rural non teña nada que ver coa que se debuxaba en As rapazas de Xan.

A gandería galega está modernizada (4) e as terras de Cabanas foron pioneiras neste empeño. Nesa contorna viven estes rapaces, instalados na cultura globalizada, algúns deles con estudos universitarios e con inquedanzas intelectuais e políticas. Son nativos dixitais que usan a cotío as redes sociais e teñen contacto co mundo urbano. Pero se os mozos de As rapazas de Xan ollaban para América, estes de agora miran cara Europa como unha posibilidade de futuro.

Os dramas da vida cotiá
Na segunda parte da novela o narrador acelera o ritmo e, con diálogos áxiles e ben trenzados, desenvolve unha trama na que hai traizóns e desenganos, episodios de violencia e unha investigación policial. A tecnoloxía moderna, os medios de comunicación e as redes sociais teñen protagonismo neste tramo do relato, no que ese grupo se ve envolto nunha situación dramática que os fai madurar de golpe. Na novela hai amor e desamor, tensión sexual e compromiso amoroso; homes débiles e inmaduros xunto a mulleres fortes e decididas; amizade e desamparo, ambición e codicia. Hai un mundo rural incorporado á modernidade e unha mocidade culta que chega á idade adulta sen ter claro o seu futuro.

Trátase, pois, dunha novela construída con habilidade; é de lectura fácil e amena e retrata un mundo (a vida rural actual) descoñecido para a maioría dos lectores urbanos. Galicia, que sobreviviu no campo, vive de costas ao mundo rural. Moitos lectores vanse sorprender do cambio experimentado nas aldeas, da modernización das explotacións gandeiras, da forma de vida dos habitantes do agro, e da presenza dunha xuventude comprometida coa terra.

Manuel Iglesias Turnes, nesta segunda novela, mostra a súa madurez como escritor. Só el podería facer unha obra así. Conta a vida do mundo rural coas súas propias palabras, e fai a narración desde dentro porque el tamén forma parte desa aldea na que naceu e da que nunca desertou. A veracidade desta historia ven avalada pola pertenza do autor ao propio entorno. Non se trata da mirada do antropólogo describindo a evolución da vida nas aldeas: trátase dun membro da tribu que relata a historia dos seus.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/


NOTAS:
1. http://pablovaamonde.blogspot.com.es/2012/05/as-memorias-dun-neno-da-aldea.html

2. http://xerais.blogaliza.org/2012/05/25/%C2%ABas-rapazas-de-xan%C2%BB-de-manuel-iglesias-turnes-ruralismo-necesario-critica-de-manuel-rodriguez-alonso/

3. http://www.xerais.es/libro.php?id=4236096

4. http://revistaafriga.com/noticias/hai-unha-xente-moi-preparada-fronte-das-explotacio/

-Presentación en Negreira o 26 de febreiro (Casa de Cultura, 21.00 horas).
-Presentación en Santiago o día 3 de marzo (Libraría Couceiro, 20.00 horas).
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES