Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vaquiña polo que vale

jueves, 18 de febrero de 2016
Supoño que non incurrirei en delito nin irei en contra da Constitución que tiñamos ata hai uns días, se dou publicidades a cartas persoais entre a empresa Viesgo e eu. Digo eu, que tamén digo misa, que persoais serán pola miña parte, xa que unha sociedade anónima non poder ser persoal, ¿ou si?. Se só son persoais pola miña parte, e u non me denuncio a min mesmo, que perigo pode haber?

Salla por donde salla o asunto, vou transcribir a parte fundamental de dous correos que recibín de Viesgo, (“Empresa de generación, distribución y comercialización de energía eléctrica”). E tamén publicarei a miña resposta, porque a miña intimidade contróloa eu e máis o meu teléfono móbil, e, se me animades, habemos chegar ata onde faga falla, aínda que me custe unha leira de fanega e media de labradío.

Viesgo Area Cliente
Feb.12 a las 2,23 PM
Para xosmanuel@........
Estimado cliente,
Te informamos de que tu factura de electricidad nº 00000002108…. correspondiente al contrato nº 00420008….. con importe de 155,26 € no ha sido abonada correctamente.
Por ello y para facilitarte la gestión, ponemos a tu disposición, bla, bla,bla…

Cambio solicitado realizado
Viesgo Área Cliente
feb.15 a las4, 53 PM
Para xosmanuel@......
Estimado cliente. Te informamos de que tu solicitud de cambio asociado al contrato de suministro eléctrico nº 4201------ situado en XESTA…. ABADIN se ha realizado con éxito.
Por ello, en los próximos días recibirás una última factura con las condiciones que tenías contratadas anteriormente y será a partir de entonces cuando comenzarás a recibir facturas que reflejen el cambio solicitado.
Por último, agradeciendo tu confianza te recordamos que estamos a tu disposición en bla, bla bla.
Atentamente, Servicio al Cliente de VIESGO.
……………………………………………………………………………

Cambio solicitado realizado
XOSÉ MANUEL CARBALLO FERREIRO xosmanuel@......
Feb 15 a las 6,43 PM
Para Viesgo Área Clientes

A quen corresponda de Viesgo S.A.
Son Xosé Manuel Carballo Ferreiro, cura párroco, con administrador parroquial, por motivos de enfermidade, de Azúmara, Balmonte, Castro de Rei, Goberno, Ramil e Santa Locaia, parroquias todas do Concello de Castro de Rei.

Na parroquia de Castro de Rei mesmo veño (vimos) pagando pola igrexa e por dúas casas non habitadas. Como en ningún momento dimos orde a ABANCA, nas oficinas de Muimenta ou de Castro de Ribeiras de Lea, onde están domiciliadas as contas destas oito entidades, de que deixasen de pagar, non me parei a cotexar se os avisos de impago que me chegaron por este mesmo medio os días cinco e doce deste mes de febreiro correspondían ou non a pólizas que teñan que ver comigo. Tampouco solicitamos ningún cambio de titularidade ó que se refire este último correo que me chegou hoxe mesmo, coa miña dirección de correo electrónico inequivocamente ben posta.

Como a miña memoria xa non é o que foi, non lembro haberlle dado nunca a Viesgo S.A o meu mail, como din os que non son de aquí e nolo fan dicir tamén a nós que non somos de alí. ¿Faríanme o favor de refrescarme esta fráxil memoria miña amosándome cando me pediron esa dirección e lle la mandei? Ou, no caso de que non haxa constancia deses trámites, ¿serían tan amables de dicirme de onde a sacaron? ¿Qué hai de certo niso da protección de datos? ¿Ë certo que por medio do teléfono móbil poden saber se dormen na mesma cama o home e a súa muller, e cambio non poden saber onde se acubillan os terroristas?

E mais estou pensando que, se cadra, isto vostedes non o saben, porque non é competencia súa. Sospeito que nisto vostedes, se non teñen competencia, son incompetentes. ¿Só nisto?. Non se preocupen de contestar esta última preguntiña. Xa mirarei por outro lado.

As anomalías apuntadas máis arriba lévanme a cavilar que algún dedo en Santander ou en Madrid premeu no PC nalgunha tecla que non debía, ou que se foi a luz no medio da función e esmendrellouse o choio. Aquí pasa bastante iso, ¿saben? e cada vez que se vai de súpeto, xiríngase algún aparato eléctrico. A culpa ha de levala o PC, pero ser é do dedo, e detrás do dedo haberá unha persoa e detrás da persoa con nome e apelidos unha Sociedade ANÓNIMA corresponsable. ¿Ou vostedes son dos irresponsables?

Comprendo e desculpo os erros das persoas con nome e apelido; pero tamén teño experiencia de abusos das empresas sen rostro, por exemplo: as eléctricas, empezando pos Barras Eléctricas Galaico-Asturianas coa que me tocou pelexar pola reelectrificación de catro parroquias rurais en tempos do temido Don Marino Peláez que acadou merecida sona en toda a provincia de Lugo. Disque foi el quen ergueu a BEGASA. Non me estraña. Tivemos que mercar nós os camións do transporte, ou sexa: pagar o tendido e ceder “voluntariamente” os pasos; e logo, regalarllos á empresa, pero coa condición de seguirmos pagando os portes; porque, prá súa conservación, revisións, e esas cousas, era mellor que os camións fosen de BEGASA ca nosos.

Creo que nada lle debo a Begasa, a Eón, nin a Viesgo, nin a ningunha outra S.A. das que trafican con quilovatios e coas persoas que os consumimos baixo o amparo do ministerio de industria.

En consecuencia: ¿Onde debo e como debo reclamar a Viesgo o tempo que tiven que estar dedicando a abrir e ler correos que non son pra min e o que dediquei á redacción desta resposta? Ben sei que podía aforrar tempo respondendo telegraficamente. Alargueime intencionadamente. Con todo, e por tratarse de vostedes, que son os que máis e mellor me aluman, vóullelo deixar a prezo de nota necrolóxica de só tres columnas no xornal que vostedes prefiran e non me vou poñer a calcular o que me correspondería por amortización do PC desde o que escribo, nin pola electricidade que vostedes non me regalan e que me fai falta pra que funciones estas maquiniñas ata que un corte súpeto ou un golpe de luz ¡zas! Esmendrellen outra impresora.

O que pido, pra vostedes non é nada ben o sei, pero eu son así de xeneroso. Aprendín de Begasa que foi a primeira vendedora de electricidade que coñecín e que me dicía por boca de Don Marino, que sen ser moi alto falaba desde moi arriba: “Señor cura, los labriegos solo tienen derecho a luz para alumbrar. No para ordeñadoras, ni tanques de frío, ni neveras. ¿No ve que se están yendo a vicio?”. Eu respondinlle: “Pra alumarlles é pró que non lles fai falta pagar a electricidade. Xa lles aluman abondo de balde”

Outra cousiña: ¿Se teño que desprazarme á capital, a Lugo, pra facer algunha das anteriores xestións -30 quilómetros para ir e outros tantos para volver- podo levar taxi ou a como me pagan o quilómetro se vou no meu coche? Algúns outros pequenos detalliños, coma o dos intereses por demora, xa os negociaremos persoalmente, que non quero cansalos máis agora. Han ter que facer, ben seguro.

Nin pola cabeza se me pasa que pensen en tomar represalias por este correo, porque xa teño reparado na inmensa amabilidade de Viesgo cando me quere vender algunha anovación que me vai favorecer moitísimo, coma iso de saber canto consumo en cada minuto de cada hora de cada un dos 365, ou 66, días de cada ano. ¡Que marabilla!. Con este invento xa aforrei por riba de 3 euros e medio por trimestre.

Confío en que me respondan por este mesmo conduto e coa mesma premura que usan pra notificar cortes por impago. Pero non se preocupen, que se se esquecen, mandareilles un avisiño-recordatorio pola prensa escrita. De momento só o estou facendo pola dixital.

Atentamente un cliente máis, coñecido por vostedes como oito números de oito pólizas, de non sei cantos guarismos cada unha, nin me vou parar agora a miralo pra non facerlles agardar. Non obstante, nalgunhas casas ás vacas, aínda que pola administración sexan coñecidas polos crotais das orellas, póñenlles nome. Pois a min tamén me puxeron José Manuel Carballo Ferreiro, porque hai setenta e un anos aínda non había crotais nin pólizas coma as de vostedes e nin tarxetas numeradas coma as da Inseguridade Insocial, nin aldeas globais.

O que non me gusta nada é que por teléfono ou por mail, como din os que son de fóra, me digan: "Gracias por confiar en Viesgo". "Gracias por confiar en telefónica". ¡Iso é tratarme de parvo! ¿Como vou confiar despois de tantos anos amolándonos?

P.D. Non os molestaría con este correo electrónico, como dicimos os de aquí, se non fose porque os avisos que me mandan a min deixan de chegarlle ó seu verdadeiro destinatario; pero en todo caso, mantéñome en todo o dito e non se trata dunha entroidada, que o tempo de cada un, aínda que estea xubilado, cando outros llo expropian sen máis nin máis, tamén se taxa en cartos. Iso, sí avéñome a unha conciliación pra aforrarlles as taxas xudiciais.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES