Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ciclo do Maio na vila de Portomarín (Lugo) (II)

viernes, 06 de octubre de 2006
V. A FESTA DO MAIO EN PORTOMARÍN
Nesta vila segue celebrándose desde hai moito tempo esta festa que tenta simbolizar o renacemento da natureza. "Nosoutros intentamos conservar a naturaleza con estas flores, con esta vestimenta do maio" (38). Hai bastantes anos algúns barrios da antiga vila de Portomarín, como o da Ruanova, o da Sta. Isabel, o da Ponte e o de Riotorto tiñan o seu maio, que percorría ó comezo o seu territorio. Logo xuntábanse e ían polas distintas rúas da vila, acompañados de rapaces. O maio levaba na man un longo pao para defenderse e non deixar coller a mozos doutros grupos as castañas, noces, doces e cartos, que lles tiraban desde as ventás.
Ó inicio dos cincuenta o profesor Gonzalo Paz descríbenos esta festa do seguinte xeito: "Entre las fiestas de carácter profano se celebra todavía en Portomarín la tradicional Festa d'os Maios (fiesta primaveral), que simboliza la llegada del buen tiempo. Con arreglo a esta antiquísima costumbre, el primer día del mes de mayo aparece un joven totalmente cubierto con ramas de "xestas" por las calles de la villa, rodeado de un número variable de niños que van cantando canciones tradicionales y pidiendo las "maias" (castañas pilongas):

Tírenos as maias
señora María;
tírenos as maias
que bailan n'a criba.
As maias podres
e o pan valorento
denos un gotiño
pra que nos corra adrento.

Los vecinos tiran las castañas desde las ventanas y las recogen los acompañantes del maio, que lleva una vara para impedir a otros niños que se apoderen de ellas (39).
A tradición do maio seguiuse conservando no novo Portomarín impulsada case sempre polo propio concello. Así no ano 1986 saíron varios maios, vestidos con xestas de flor amarela e branca, e dous cubertos co colmo de centeo, que suxetaron ó corpo facendo un nó sobre a cabeza (40). No ano 1998 saíu polas rúas da vila un maio, acompañado non só de rapaces, como era antes, senón tamén de rapazas. Tirábanlle dende algunhas ventás da vila doces, cartos e maiolas (castañas secas). A castaña remata neste tempo coa súa función simbólica e alimentaria xa que é vencellada ó inverno, á escuridade e ós defuntos (41). Este maio constaba dos elementos, que seguindo unha orde descendente eran os seguintes:
1º. O capuchón ou capuchino, feito de xestas de flor branca, remata nunca cruz vexetal sobre a cabeza, construída coa mesma materia prima.
2º. Os brazos e o xersei, realizados tamén con xestas de flor branca.
3º. Finalmente o faldón, construído con xestas de flor amarela.
Algunhas veces o maio en vez de faldón levaba perneiras, realizados con xestas de flores brancas ou amarelas.
Na realización do maio do 98 interviron as seguintes persoas:
D. José Vázquez Rodríguez, D. Ramón Vázquez Rodríguez, D. David Rivas e D. Eloi, alcalde da vila, preocupado por manter e recuperar todo tipo de tradicións.

Os maios desta vila sempre cantaron unha cantiga tradicional, que se limitaba a reflectir a data de celebración e a solicitar un donativo simbolizado polas maias (castañas secas). Na actualidade ademais das maias ou maiolas, bótanlle ó maio doces e cartos. A cantiga conservase completa de dous xeitos:

1º. Ahí ven o maio,
maíño e;
este é o maio
que anda d'a pé.
Tírenos as maias
señora María;
tírenos as maias
que bailan na criba.
As maias podres
e o pan balorento,
denos un gotiño
pra que nos corra adrento (42).

2º. Aí vén o maio,
maiño é;
este é o maio
que anda de pé.
Tíreno-las maias
señora María,
tíreno-las maias
que bailan na criba.
As maias podres
e o pan balorento,
déanos un gotiño
pra que corran pra adentro (43).

Na actualidade algunhas persoas da vila recórdanse dos seguintes versos desta cantiga e introducen novos elementos nalgúns deles. Podemos establecer as seguintes variantes:

1ª variante:
Aí vén, aí vén,
o maio, maiño;
tira as castañas
señora María.
As castañas podres
e o pan balorento,
un trago de viño
pra que vaian pa adentro.

2ª variante:
Aí vén, aí vén,
o maio, maiño;
tire castañas
señora María.
As castañas podres
e o pan balorento,
tire un gotiño
pra que vaian dentro.

3ª variante:
Aí vén, aí vén,
o maio, maiño;
tire castañas
señora María.
As castañas podres
e o pan balorento,
bote un pouquiño de viño
pra que corran pra adentro

4ª variante:
Tire castañas
señora María,
tire castañas
que bailan na criba.
Co trigo podre
e o pan balorento,
déanos un gotiño
pra que corra dentro.

VI.- A FESTIVIDADE DA SANTA ISABEL
O primeiro domingo de xullo remata o ciclo do maio nesta vila coa celebración da Sta. Isabel. Esta festa foi descrita tamén por Gonzalo Paz da seguinte maneira: "Una fiesta un tanto curiosa es la de Sta.Isabel, por la tradicional costumbre de adornar las puertas y ventanas de la planta baja de las viviendas con grandes ramas de árboles, sin que hayamos podido averiguar el origen de esta vieja costumbre, que no hemos observado en otros lugares de Galicia, y probablemente se trate de la cristianización del remoto culto al árbol practicado por los celtas, ya que este día es también conocido por el de "a festa do follato" (44). No novo Portomarín esta tradición foi recuperada polo concello no século pasado, a comezos da década dos setenta. O día da festividade, moi cedo, un importante número de veciños da vila vai recoller as ramas de diferentes árbores: abidueiro, ameneiro, chopo e salgueiro, coas que adornan as portas e ventás da planta baixa das vivendas, que están situadas ó longo da praza do concello e rúa principal. Tamén colleitan o fiúncho e as espadanas para enfeitar o pavimento da praza e rúa máis importante por onde vai pasar a procesión. Esta, logo da misa do mediodía, sae da igrexa parroquial, vai ata o remate da rúa principal e volve ó punto de partida. A distribución dos diferentes elementos, que interveñen nela, lévase a cabo do seguinte xeito:
1º. Tres rapaces da comunidade parroquial portan a cruz parroquial e dous ciriais.
2º. Catro mulleres da vila levan en andas a imaxe da Sta. Isabel.
3º. O crego concelebrante e os devotos, colocados sen distinción de idade e sexo.
Atendendo a disposición da procesión Álvarez Gastón manifesta: "se trata de manifestaciones más multitudinarias, no sólo por los participantes activos sino también por los numerosos espectadores. Dentro de la comunidad local, es algo que llega vitalmente a los feligreses. Los elementos fundamentales de toda procesión son: las imagenes, la forma de llevarlas, el pueblo que participa y el que mira, el espíritu de la celebración - cantos, rezos, silencio..." (45).
Ó final da rúa hai un pequeno altar, que contén unha pequena imaxe de Cristo e algunhas flores de diferentes cores. Alí o crego da freguesía leva a cabo a bendición dos campos, rezando algunhas estrofas da seguinte oración (46):

Deus providente/ pai de todos/ preocúpase garimosamente/ polos seus fillos/ mantenos e protexeos/ bendicindo a terra/ para que dea os froitos/ que sustentan ó home./ Invoquémolo/ con espírito filial/ dicindo:/ Escoitamos Señor.//

Ti, que polo/ apóstolo Paulo/ nos chamaches campo teu/ fai que cumpran/ en todo momento/ a túa vontade/ vivamos sempre/ unidos a ti/ Escoitamos Señor//.

Ti que nos ensinaches/ que somos sarmentos/ daquela vide/ que é Cristo/ fai que permanecendo/ no teu fillo/ déanos froito abondoso/ Escoitamos Señor//.

Ti que bendíce-la terra/ e a enriqueces sen medida/ fai que os nosos campos/ coa túa bendición/ produzan alimento/ que precisamos/ Escoitamos Señor//.

Ti que multiplica-lo trigo/ co que nos da-lo/ noso pan de cada día/ e o alimento da Eucaristía/ concédenos colleitas abondosas/ co rocío do ceo/ e a fertilidade da terra/ Escoitamos Señor//.

Ti que alimenta-los paxaros do ceo/ e vestes os lirios do campo/ ensínanos a non estarmos angustiados/ pensando no que imos a comer/ ou no que imos vestir/ senón a buscar sobre todo o teu reino/ e a túa xusticia/ Escoitamos Señor/. (47)


BIBLIOGRAFÍA
38.- Informante de Portomarín, José Vázquez Rodríguez.
39.- Paz López, Gonzalo.: Portomarín. Monografía geográfica de una villa medieval, Premio Menéndez y Pelayo, 1953, Zaragoza, 1961, páxs. 147-148.
40.- González Pérez, Clodio.: Obr. cit., 1989, páxs. 47-48.
González Pérez, Clodio.: Obr. cit., 1991, p. 87.
González Reboredo, X.M.: A festa de S. Xoán, Ir Indo, Vigo, 1989, p. 18.
41.- González Reboredo, X.M.: Obr. cit., 1989, p. 19.
42.- Paz López, Gonzalo.: Obr.cit., p. 148.
43.- González Pérez, Clodio.: Obr. cit., 1989, p. 49.
44.- Paz López, Gonzalo.: Obr. cit., p. 146.
45.- Álvarez Gastón, Rosendo.: La religiosidad popular, Cuadernos B.A.C, Madrid, 1981.
46- Crego da parroquia de Portomarín.
47.- O mapa foi realizado por D. José Cancio Fernández, tomando como modelo o que diseñou Antón León para o libro Cancioneiro da Terra Chá (Pol) de Isaac Rielo Carballo.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania