Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Persecución actual dos cristiáns (VI)

lunes, 15 de febrero de 2016
Persecución relixiosa en Corea do Norte


“O libro negro da condición dos cristiáns no mundo” danos tamén un breve resumo da situación dos cristiáns en Corea do Norte. Ofrécenos dous testemuños: unha exposición do representante da ONG “Christian Solidarity Worldwide” (Solidariedade Mundial Cristiá), Ben Rogers, e a conmovedora biografía dunha muller norcoreana, Hea Woo, que despois dunha serie de penurias acabou converténdose en cristiá evanxelista, acollida en Corea do Sur.

Unha visita oficialmente tolerada
Ben Rogers logrou en 2010 visitar Corea do Norte acompañando a dous parlamentarios ingleses, Lord Alton e a Baronesa Carolina Cox, defensores británicos dos dereitos humáns. Sabían de antemán por diversos informes da ONU e dalgunhas ONGs que nese país había unha prohibición total da relixión; pero que o poder estatal e culto á dinastía dos Kim tiña montada unha gran mascarada; isto é, o réxime montou unhas igrexas oficiais, evanxélica e católica, para ensinalas os visitantes estranxeiros como se foran auténticas igrexas desas confesións cristiás. Parece ciencia ficción, mais ó parecer así é a realidade concreta. Os auténticos cristiáns desas e doutras confesións practican a súa fe en centos de comunidades clandestinas.

Os tres ingleses de alto rango foron recibidos por varios dirixentes, entre eles por un alto maxistrado do Tribunal Supremo. E os visitantes entraron deseguida en materia: neste país os tribunais, por principio, non supoñen inocente ó acusado?
Non, supóñeno culpable, dixo o maxistrado sen máis rodeos nin comentarios.
Que nos di dos campos de concentración, especialmente do de Yodok?
Enfadouse moito o maxistrado e negou todo. Quen lles falou diso, os americanos?
Non, os fuxidos dese campo de concentración e escapados do país.
Eses son uns criminais, uns mentireiros, respondeu o maxistrado, e non houbo máis conversa; e a visita ó Tribunal deuse por concluída.

Os parlamentarios visitantes, defensores dos Dereitos Humáns, sabían que todo estaba dominado polo culto a dinastía dos gobernantes Kim que xa conta cunha trindade: avó, pai e fillo actualmente no poder. Sabían que, a pesar da persecución relixiosa, existían unhas igrexas oficiais sostidas polo réxime e que multitude de cristiáns reuníanse en secreto; mais todo iso querían verificalo dalgún modo. O culto ós líderes supremos Kim era visible por todas partes, pero querían aclarar o significado da existencia dunhas igrexas oficiais. Un domingo leváronos a visitar tres dos catro establecementos relixiosos existentes na capital Pyongyang, unha catedral católica construída en 1927, dous templos protestantes e unha Igrexa rusa ortodoxa. Nesta última igrexa atopáronse cun sacerdote norcoreano e unha asemblea de fieis de diplomáticos rusos. No templo protestante de Bongsu, construído en 1988, dixéronlles que habían imprimido 20.000 biblias e libros, que había uns 13.000 protestantes no país; mais resultoulles imposible verificar estes datos. A Federación Cristiá Norcoreana, escaparate oficial do réxime, díxolles que existían unhas 500 igrexas clandestinas. Esta Federación Oficial ten un seminario de recente construción con doce ensinantes e doce estudantes, estes últimos preparándose para ser “pastores” desa igrexa oficial do réxime.

Unha pantomima estatal a gran escala
Todos estes escaparates de suposta fe cristiá non son máis que máscaras creadas polo réxime para enganar os visitantes internacionais. Toda actividade relixiosa está controlada polo Departamento do Fronte do Partido Norcoreano dos Traballadores. Os visitantes ingleses dinnos que a mascarada parece convincente no caso do templo protestante de Bongsu; mais quedou ó descuberto na Catedral Católica, onde non hai nin cura nin misa, tan só tres oficiantes que celebraban un simulacro de liturxia. Alí foron recibidos polo Presidente do Consello das Relixións Norcoreanas, un cadro do Partido vestido ó estilo Mao. Sorprendentemente deixou ós visitantes estranxeiros dirixirse ós fieis congregados; todo un acto de delicadeza, interpretaron estes.

As tres igrexas visitadas estaban cheas de fieis. Algúns xornalistas din que a masa de xente destas asembleas son simplemente de persoas leais ó Partido ou de cidadáns temerosos e submisos que son transportados en coches para ser mostrados ós visitantes estranxeiros; mais ós visitantes ingleses este extremo resultoulles imposible de verificar. Todo é posible, desde unha mascarada total ata unha posible boa fe sincera dalgúns fieis atrapados nese falso montaxe feito polo réxime do Presidente Kim. Mais non hai que deixarse enganar por esta gran montaxe, pois fóra destes santuarios totalmente controlados, hai miles de cristiáns que practican a súa fe no máis estrito secreto posible de clandestinidade. Os cristiáns son considerados como a “clase hostil” que ven determinada pola filiación, pola ascendencia histórica, pola profesión ou polas crenzas incluso supostas. Unha situación que recorda ó apartheid de Suráfrica ou o sistema de castas da India. Hai campos de concentración especificamente destinados ós “homes de fe”, os cristiáns.

Un enredo contraditorio, exportable?
A liberdade relixiosa en Corea do Norte é un auténtico enguedello contraditorio. O artigo 68 da Constitución garante a liberdade de crenzas, sempre que non permitan mesturar estranxeiros ós asuntos do País. Moitas ONG americanas visitaron o país e bastantes delas desenvolven traballos sociais, incluída a Cáritas Católica Internacional. A Universidade de Ciencias e Tecnoloxía fundada por un cristián surcoreano, é un centro de ensino privado dirixido por profesores cristiáns chegados de América e de Inglaterra; e todo isto nun país que trata ós cristiáns como inimigos do Estado. Os cristiáns de a pé teñen que selo en secreto, con perigo de morte no país máis sombrío do mundo.

Cando estaba redactando estas notas, lin na prensa a noticia de que algúns concellos españois non só facían “bautismos civís”, iniciados xa en tempos de Zapatero, senón que estendían esa liturxia laica a comuñóns civís, a vodas de prata dos matrimonios e outras celebracións familiares significativas. E a pregunta é obrigada: estas novas liturxias laicas en España, teñen algo que ver coas ocorrencias da dinastía norcoreana dos Kim? A ideoloxía dos promotores desas prácticas aproxímase á norcoreana, mais o contexto español actual converte esas iniciativas en esperpentos exóticos. Como é posible que a estas alturas do século XXI se cultiven en España estas pantomimas? Difícil de comprender, mesmo que se interpreten como residuos obsoletos na Europa do século XXI.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES