Nova viñoteca en Lugo
Xiz, Xulio - miércoles, 04 de octubre de 2006
Ven de estrearse en Lugo unha nova viñoteca, e alí acudimos en familia para comprobar se é do noso gosto.
Parte dos que imos piden Veigadares, que non o hai en moitos sitios, e gostan del como un dos mellores albariños. Non pode ser, respóstannos, porque só o vendemos por botella, non por vaso.
Se viñoteca é concepto parello a biblioteca, sentímonos como se nunha casa dos libros pedimos consultar o tomo X do Espasa e nos respostan que temos que coller tódolos tomos, porque esa é norma da casa.
O resto pedimos un mencía dos de Lugo, porque queremos facer patria. Tampouco pode ser porque -dinnos- traballan con pequenos colleiteiros e rotan os viños, servindo cada día un diferente.
De novo sentímonos como se nunha Biblioteca pedimos ler A bisneta lercha, a última obra de Paco Martín, e nos din que non pode ser, que os libros de narrativa préstanos de forma rotativa e hoxe tócalle a unha de Darío Xohán Cabana, mañán de Carlos Reigosa, logo de Agustín Fernández Paz.... e as de Paco, a ver se lles toca despois de San Froilán.
En fin... Que un, bebedor moderado de viño do país á antiga usanza, toma a mal estes métodos novos de marear ó persoal e por agora vai seguir indo ós establecementos habituais onde xa saben o que un quere e non lle toman o pelo que xa non ten.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora