Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os dinosauros

jueves, 11 de febrero de 2016
Vaia por Deus...!. Eu que pensei que con oitenta e catro anos longos, fraco de memoria e intelectualmente minguado, vivindo nunha sociedade con tantos mozos dun evidente talento e envexable preparación, ben podía estar tranquilo, porque os vellos temos a fortuna de contar co apoio duns profesionais excelentes, e venme un alcaldiño andaluz – e para máis inri dun partido que programa os seus cargos políticos para que se ocupen principalmente de combater as desigualdades, primando a axuda os necesitados e a crítica democrática–, e... zóscanos ca adxectivación de dinosauros, algo a extinguir, por inadaptables, coa nosa supervivencia en perigo nun contexto social, que as novas xeracións van crear, segundo parece, tan sosegado, apracible e culto...?!.

odo isto lévame a reflexionar ata onde nosoutros, os vellos (nada de terceira idade: eufemismos fora!), somos responsables de que bastantes integrantes destas novas xeracións sexan tan desaliñados nas súas costumes e, nalgúns casos, tan pouco deferentes e agradecidos coas que lles precederon. E non dubido que algo fixemos mal para que a arrogancia e a soberbia afloren con esa frecuencia nestes cidadáns con tantas POSIBILIDADES (e resalto este termo porque penso ocuparme del), sempre acompañadas dun conato de agresividade verbal e ata, a veces, descoidada a xestual.

Permítanme que lles ofreza nestas modestas liñas algunhas opinións. As sociedades NECESARIAMENTE sempre estiveron, están e estarán, constituídas por dous grandes grupos de cidadáns: os integrantes das xeracións vellas e os das novas. Polo tanto, é mester pensar que papel ten cada grupo, así a groso modo, sen entrar a fondo nas complexas consideracións sociolóxicas acerca da dinámica social, dos cambios sociais, que son inevitables.

Empecemos por admitir que á xente de idade non nos entusiasman moito os cambios: vivimos máis ou menos conformes na situación que creamos, cun horizonte de vida moi reducido, e non descarto que valoremos demasiado o feito de que eses cambios xa non son para nosoutros. Polo contrario, as novas xeracións teñen proxectos máis ou menos axeitados, desexan realizalos e teñen dereito a facelo. Pero tampouco é menos inevitable a dialéctica dos dous grupos, que eu chamaría DUALÉCTICA, pola co–implicación dos mesmos.

Non obstante, esa “dualéctica” permite manter as sociedades en relativa calma e equilibrio, é dicir, facilita unha certa “homeostasis” social, unha auto– regulación, xustamente polo papel ESTABILIZADOR dos vellos, e o ACTIVADOR – AXITADOR dos novos. Pois ben; non é difícil comprender que como os cambios son inevitables, necesarios e ata naturais, é desexable que non se produzan a saltos, como tampouco se producen na natureza.

Pero os promotores dos cambios deberían ter sempre presente o que ensina Talcott Parson (xa o citei na colaboración anterior), que ocorren dentro dun sistema social, pero tamén poden afectar ao mesmo sistema, e non é fácil distinguilos, ao contrario, case sempre é difícil contestar, como escribe un ilustre político, a estas preguntas: que cambia?, como cambia?, en que dirección cambia?, a que ritmo cambia?, quen move o cambio?... Quen dubida, polo tanto, que non se pode introducir cambios ás toas?!.

Pero é conveniente traer a este lugar unhas consideracións acerca da historia, se queremos ampliar os elementos de xuízo para valorar os papeis de vellos e novos na dinámica social. Soamente unhas liñas, porque un tratamento profundo ten leria e nin é propio deste lugar nin quizabes da miña minguada intelixencia. Por isto mesmo vou botar man dun intelectual que, con outros máis, acabou dando a vida polas súas ideas, sen introducir convulsións sociais. Refírome ao xesuíta Dr. Ellacuría, asasinado na UCA (Universidade Centroamericana), polas Forzas Armadas de El Salvador, con outros cinco compañeiros tamén xesuítas, a señora do servizo da Residencia e a súa filla de 15 anos.

Define a historia Ellacuría como un “sistema de POSIBILIDADES, a onde deben volverse os homes que buscan humanizar a humanidade, que buscan que todos teñan unha vida máis plena; do sistema de posibilidades ofrecido dependerá en gran parte o tipo de humanidade que ós homes lles é apropiado desenrolar”. O home resolve os seus problemas non só mediante unha inmersión na realidade, como os outros animais, senón intentando adecuar a realidade as súas necesidades, é dicir, cambiando a realidade e, por suposto, tamén a social.

Quede, pois, ben claro: A historia é un conxunto de posibilidades que se apropian polo home, situado en cada contexto, para dispor a realidade ao seu servizo. Polo tanto, non deberíamos estudala só como un divertido anecdotario: A dimensión histórica do home non se plasma, esencialmente, nun mero relato de entretidos eventos, a súa hermenéutica debe integrar elementos pragmáticos.

E para que esa apropiación sexa frutífera, necesítase, polo menos, que existan posibilidades, escollelas ben e facer un uso adecuado delas. Poño un exemplo: No século XVIII non se podía viaxar en avión, porque non se contaba coas posibilidades diso, e as que había non se sabía como facer uso delas a tal fin; tampouco se facían transplantes de riles, pola mesmas razóns.

Pero tamén ocorre ao revés: Contar coas posibilidades nun momento histórico determinado, e non poñelas a disposición do pobo, por intereses particulares ou ideolóxicos. Xustamente por isto, Ellacuría fálanos dun exercicio negativo da ideoloxía, que chama IDEOLOGIZACIÓN, nestes termos: “A “ideologización” delimita o horizonte ontolóxico do sistema social e non segundo a satisfacción das necesidades colectivas, (senón) facendo irrepresentables para os individuos e colectivos posibilidades que o seu grao de capacitación lles permitiría iluminar”.
Dito noutros termos: Sempre adoitan cubrir as inxustizas os políticos con teorizacións ideolóxicas, porque a ideoloxía compre a función de darlle seguridade aos sistemas sociais, e se, por exemplo, existen inxustizas e flagrantes desigualdades, hai que disimulalas con argumentos xustificativos para evitar rupturas nas estruturas, como moi ben explica un comentarista de Ellacuría.

Só quería chegar aquí para encontrarme de novo con ese alcaldiño andaluz, que non representa, afortunadamente, ás novas xeracións, aínda que non é descartable que haxa quen o siga, ignorando, ou simulando esta ignorancia por perversidade, que a opinión dos dinosauros ten unha función social, que unha persoa de valía non pode pasala por alto, porque as novas xeracións están onde están polas POSIBILIDADES que, neste contexto, integran a historia, e cando os dinosauros se molestan en advertir ós integrantes das mesmas dos que consideran erros, non están facendo outra cousa que desempeñando o rol que lles corresponde na sociedade: tratar de frear os impulsos que teñen asento nos fondos da irracionalidade ou na mediocridade irresponsable daqueles que se afanan en asumir responsabilidades, contando coas capacidades doutros e sen presupoñer a indixencia das propias.

Non se oufane vostede, señor alcalde, porque o seu candidato prometa un goberno “progresista, transformista e de cambio”, algo que poden asumilo e aplaudilo perfectamente os vellos, os seus dinosauros; pero a experiencia aconséllalles termar da comprensión e extensión dos conceptos. E como do “progreso” xa dixemos algo nunha colaboración anterior, e tamén do cambio nos ocupamos aquí, permítame que lle engada dúas cousiñas máis.

Eu, ideoloxicamente, no me considero conservador, pero iso no que o seu secretario xeral, D. Pedro Sánchez, pon tanto énfase, e que expresa co termo “reformista”, élle propio dos conservadores. Vostede tente que grandes reformistas, e algún deles moi vello, foi o mesmo Churchill, que encargou a Beveridge un plan de seguridade social; o reformismo de Konrad Adenauer tivo unha importante repercusión en Europa; o inglés Disraeli reformou o sistema do sufraxio inglés; Bismarck introduciu en Europa os seguros sociais; etc., etc.
Reformar – repare que llo di un dinosauro – é dar nova forma a unha cousa, a unha institución, por exemplo, sempre respectando o sistema, o que equivale afirmar que os anti–sistema non son reformistas, quebran o sistema e desencadean desaxustes institucionais de consecuencias imprevisibles. A tarefa sensata das novas xeracións é asumir o presente e con el o pasado, no que se formaron, e co caudal das POSIBILIDADES que abriron na sociedade as xeracións que as precederon, actuar para o futuro, limpando o malo, poñendo ao día o bo e, sobre todo, esforzándose por conseguir SINERXIAS, o que xamais se logrará manténdose nos niveis das constantes contradicións – campo de xogo da incompetencia e das respostas instintivas, “more ferarum” –, sen recursos intelectuais nin vontade para acadar os niveis de superación.

Os dinosauros, non o dubide, tamén sabemos xulgar a labor realizada por un goberno conservador que, aínda recoñecendo que herdou moitos problemas do pasado, incluso de gobernos do mesmo signo, non soubo darlles solución a algúns decisivos. Sempre quedan cousas mal feitas e hai que enderezalas con axilidade e alturas de mira, non deixando pasar os “momentos oportunos” (KAIRÓS), esperando que o tempo as resolva por disolución nunha esgotadora temporalidade, e hai así mesmo que enfrontarse ao inhumano depauperamento – evitando que a situación social das clases necesitadas adquira niveis dunha mendicidade disimulada e desintegradora da persoa – , mediante a articulación dunha honesta e eficaz información acerca das ostentosas dilapidacións doutras, privilexiadas incluso en contextos de crise non poucas veces ao amparo da perniciosa corrupción.

Velaquí a modesta opinión dun dinosauro que admira CRITICAMENTE ás novas xeracións, procura ver con ollos obxectivos a labor da propia e venera con apaixonado agradecemento e respecto ás que lle precederon, e todo sen descubrir a pólvora.

Ah...! e non esqueza, señora Cospedal, que canto máis tolea o adversario, moito máis fácil é responderlle con intelixente xenerosidade (cando a hai!), ou... pensan representar, superándoo e superándose en ridiculeces, esas 17 ocasións de NON É NON?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES