Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parlamento das Letras: Alfredo Conde

lunes, 08 de febrero de 2016
Impredicible. Inclasificable. Indócil. Mariño mercante das palabras. Xornalista profuso. Opinador de cuestión palpitante e verbo rápido. Narrador de alento incansable. Escritor de lingua bífida: pola banda de Laíño, Rosalía; pola banda de Lestrove, Valle. Profeta en terras alleas, cuña rebelde na madeira propia. En tempos, pastor do ben cultural público. Hoxe, eterno candidato ao Nobel por universidades lonxincuas que o len e estudan. Poeta cando lle peta. Lector impenitente. Alfredo Conde, tout court.Parlamento das Letras: Alfredo Conde
¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?
O meu primeiro libro, Mencer de lúas, presentouse o 2 de maio do 1968 no Ateneo de Pontevedra, editado por Galaxia. Comprendía un feixe de poemas escolmados por Carballo Calero, que foi quen o levou da súa man á editorial e a quen lle teño que agradecer que fosen publicados, tarefa esta da que se encargou Paco Fernández del Riego, que foi o meu primeiro editor. El era quen realmente traballaba en Galaxia.

Daquela eu era mariño nun transatlántico que facía escala en Vigo. Entón aínda existían. O que hai agora son cruceiros, non correos, que levan a bordo xente que vai de vacacións. Entón levabamos pasaxeiros e correspondencia dun lado a outro do océano. Asistín, pois, a un xeito de vivir que se extinguiu. Cada vez que recalabamos en Vigo, fuxía do barco, cruzaba a correr a Estación Marítima pasando por diante dos murais de Lugrís, seguía a correr cara á Alameda e plantábame en Galaxia para preguntarlle a del Riego polo meu libro. Aparecíalle vestido de uniforme e iso causáballe unha intranquilidade que sempre me recordou mentres viviu e que, pasado o tempo, nos fixo rir aos dous non pouco. A diferenza entre o uniforme dun mariño militar e o dun civil Parlamento das Letras: Alfredo Condecomo era eu estribaba nos galóns. Pero conste que houbo máis poetas galegos que foron mariños; Manuel Antonio, por exemplo.

O segundo libro, Mementos de vivos, xa foi cousa que dependeu directamente de Paco del Riego. Daquela eu xa non navegaba, senón que casara e traballaba nun banco. O novo libro xa non contiña poemas, senón narracións e contos. Levaba un prólogo de Torrente Ballester, o seu primeiro texto en galego; logo, xa seguiron novelas.

¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?
Todas as miñas obras foron ben tratadas pola crítica… e todas maltratadas por ela; sucedeu así, de xeito que parecía que a última era unha trapallada literaria e que a que realmente era boa era a anterior publicada. Así que cando levaba dez libros editados non sabía moi ben se escribira dez textos importantes… ou dez textos totalmente prescindibles. Unanimidade nunca a houbo comigo.

Puiden ler como, en Moscova, Kiril Korkonosenco comparaba Xa vai o griffon no vento con O mestre e Margarida e a min con Bulgakov, mentres que El País titulaba a crónica que me dedicou como “Un silencio ensordecedor”. Con Breixo lin verdadeiras atrocidades, mentres que no Voice Literary Suplement de Nova York Gregory Rabassa o incluía nunha escolma feita polos oito críticos máis importantes dos EE.UU. das oito obras mestras contemporáneas (na súa opinión, claro) que aínda estaban sen editar alí.

En xeral, pódese dicir que sempre fun mellor tratado fóra que por eiquí e que valoro as críticas das que aprendo e ignoro as que non me din nada que me axude a mellorar un pouquiño máis a miña escrita.

En todo caso, isto que digo non supón unha queixa, senón a constatación dun feito. Eiquí tamén fun moi ben tratado… ao tempo que moi maltratado. Refírome ao trato dispensado polo sistema literario, non pola xente normal. Cando vou pola rúa hai xente que me saúda e que fai que me sinta querido. O outro son cousas do oficio. Acéptoas. E, se son sincero, logo do episodio vivido hai un par de anos, impórtame tanto unha cousa coma outra. O único ao que lle teño real querenza é á vida. Nin á miña biblioteca nin aos meus libros, case que nin aos meus cans. Se tivese morto, mira ti o que me importaría a min todo iso e mais as glorias e os servidumes derivados do oficio de escribir.

¿O por que dese trato desigual? Pois coido que porque afortunadamente hai liberdade de expresión e opinións distintas. Os estados de unanimidade nunca me gustaron, nin sequera a min aplicados. Cando todos concordamos en algo, mal asunto.

¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
Se non che parece pouco hábito o de escribir todos os días, pódese dicir que teño ese. As teimas van cambiando. O contubernio foi escrita escoitando o “Carmina Burana” sen descanso. Escribín Breixo escoitando a “Sinfonía da fin do mundo” de Dvorak. Logo deixei de escoitar música mentres escribía. Primeiro escribín navegando, logo só en vacacións, despois pola noite, máis tarde só pola mañá, outros anos só polas tardes. Nalgún tempo íame escribir para un barquiño que teño. Agora escribo mañá e tarde, leo a última hora e, para rematar, adormezo vendo unha película na tele.

Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?
Non se trata de preferencias persoais, así que é inútil que cite preferencias. Ademais, síntome unha especie de verso solto e sei que non serei moi antoloxizado, senón máis ben esquecido. Fun o autor máis novo que publicou en Galaxia, na colección llla Nova, e nunca se me incluíu na xeración de Casares e Ferrín, que son algo maiores ca min e andaban por Compostela mentres eu andaba no mar. A seguinte, a de Freixanes, é máis nova e xa non me relacionei moito con eles; algo si, pero non moito.

A miña tendencia á soidade tampouco non axuda moito neste sentido e o meu carácter aínda menos. Non andei nunca en capelas nin en grupos nin en faladoiros nin en nada. O que me gusta é estar na casa lendo ou escribindo. Son moi independente. Un can sen dono. Fun independente ata dos independentes; un exemplo, cando a investidura do primeiro presidente de Galicia os galeguistas independentes que formabamos parte dos escanos socialistas votamos que si; todos agás eu, que dixen que cunha abstención era máis que abondo e significativo, mentres que os socialistas votaron que non. A miña postura non foi perdoada nin por uns nin por outros e aseguro que non o fixen por chamar e atención, senón porque o pensaba así.

Volvendo á literatura. Isto non quere dicir que non haxa escritores galegos aos que admire fondamente. Aos que admiro, admíroos realmente, pero non dende o idioma ou dende o patriotismo, tampouco dende o sentido de pertenza ou grupo, senón dende a universalidade da súa obra. Cando fago un eloxio dunha obra escrita en galego, e debo ser o autor que máis leva loubado por escrito a obra dos seus iguais, fágoo co mesmo ánimo e acollido a idéntico sentido de valores que se estivese escrita en inglés ou en ruso.

Unha obra escrita en galego é importante se unha vez traducida di algo noutros ámbitos. Se só o di no noso, mal asunto. O que se dicía de Ulf Roam tiña sentido. Tiña, digamos, certa graza eiquí. Por aí fóra iso non dicía nada e a obra víñase embaixo. Esas chiscadelas de ollo pretendida e pretensiosamente literarias non me interesan nada, digo por poñer un exemplo. Para non ser inxusto, porei outro: direi que en “Amor de Artur” xa non sucede iso, malia o tiro na tempa dun adversario político do autor, case que todo cristo neste país, por certo. Dígoo porque hai tiros nas tempas carentes do sentido literario, que só teñen un sentido político eiquí.

Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?
Entre unhas cousas e outras, levo escritos uns corenta libros. Como a maioría deles os traducín eu mesmo ao castelán, poderiamos dicir que levo escrito medio cento deles. Se temos en conta que as miñas novelas teñen certo número de páxinas -trescentas e máis, pois hai varias de seiscentas- e se consideramos que durante vinte anos escribín un artigo diario en galego -agora altérnoos cos escritos en castelán- e os sumamos cos escritos antes e despois deses vinte anos, podería dicir de min mesmo que son traballador e serio e constante no meu traballo, incluso que son talvez o escritor galego con maior número de páxinas escritas na nosa lingua. Isto non quere dicir nada, pero tamén pode dicir moito.

Se ademais se len con calma as miñas novelas e se considera de xeito desapaixonado o papel que nelas xoga a nosa cultura, o noso xeito de habitar o mundo, mesmo o concepto de Galicia como nación, igual se chega a conclusións que non serei eu quen valore.

Houbo un período da miña vida no que desexei que isto sucedese e que, ao tempo, se valorase e comparase o labor de estruturación da nosa cultura levado a cabo na consellería do ramo cando eu fun o seu responsable e deseguido se comparase con calquera outro; agora tal posibilidade xa me trae ao pairo. A miña conciencia dime que, como escritor e como cidadán, xa cumprín co meu país e que que tales valoracións se fagan impórtame tanto coma me importaría hoxe se tivese morto hai dous anos cando pasei un mes na UCI.

¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?
Hai moitos. Son de fóra e tamén da casa. Pero sempre fuxín de dar nomes para non caer na inxustiza da omisión. Van e veñen como as teimas polas que preguntabas. Unhas veces son uns, logo esquézoos, veñen outros, marchan, recupero aqueles, saio dun souto e métome noutro, máis cando se trata de poetas.

¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
Ás nosas letras, en tanto que tales, e na miña opinión, non lles falta nada. Temos una literatura tan actual e válida coma calquera outra. Deveceu un pouco a tensión poética vivida ata os oitenta e noventa do século pasado, pero levedou a prosa. O problema non é literario. Á nosa literatura estalle case a suceder, case, o que lle sucedeu á latina: unha gran literatura cun pequeno número de lectores que han ir das mirras para as encollas pouco e pouco. O problema é estrutural. Logo de trinta anos debemos considerar en qué errou a política lingüística. Non vale seguir dando a versión optimista de que isto vai coma deus para que o persoal non se nos deprima e se manteña cheo de ilusións. Iso só vale para que unha caste intelectual siga muxindo os orzamentos públicos.

Tamén fallan as industrias culturais. Non temos unha industria editorial consolidada, carecemos dun amplo número de lectores de xeito que un xornal tan ben feito e dirixido como foi Galicia Hoxe non sobreviviu, pois nin mil persoas ao día eran quen de gastar un peso para lle dar vida. ¿Que dicir dos libros? Temos centos de poetas e non se vende, falando en xeral, nin medio cento de volumes dun poemario. Cando nos finais dos oitenta quixen emendar o asunto das subvencións, un excelso caricaturista pintábame co lombo ardendo. Desgraciadamente o tempo deume a razón e iso non me contenta nada.

Ás nosas letras, entendo eu, aínda lles sobran funcionarios. Permítome dicilo porque xa lle sobraron máis. Nelas, durante moitos anos, houbo demasiados profesores, demasiados lingüistas, corporativismo profesoral excesivo. Cando hai anos escribín un artigo no que botaba contas e dicía que entre docentes, empregados públicos e de fundacións, funcionarios das deputacións, dos concellos e da Xunta, concelleiros e asesores habería unhas cinco persoas vivindo dignamente do seu traballo pero nin unha ducia de creadores vivindo do seu, aos poucos días La Voz de Galicia publicou unha reportaxe na que o numero daqueles era elevado a vinte e nove mil, mentres que non se incrementaba o de creadores.

Quizais se nos foi un pouco a man. O plenario do Consello da Cultura ten vinte e tantos membros. ¿Cantos funcionarios para atendelos? ¿Cantos ten a RAG e cantos membros? E así todo.

Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?
Coido que dalgún xeito xa respondín anteriormente. Aínda teño novelas na cabeza e xa sei que non disporei de tempo para escribilas todas elas. Pero xa non me importa nada. Antes adoitaba dicir que non tiña vocación de pataca, que para dar flores ten de ser enterrada, pero agora xa nin iso. O mundo ha seguir xirando igual. Por iso publicarei outra novela que xa foi entregada hai meses e agora metinme a escribir as memorias que en principio só quero que lean os meus netos, despois xa veremos e igual as publico, senón dáme igual. Logo, se me dá tempo, escribirei algunha noveliña máis, porque é o que me gusta e mellor sei facer. Mentres, o que pido é seguir tendo lucidez para escribir os meus artigos, porque é do que como e necesito chegar á fin dos meus días escribíndoos un tras outro. O demais sonche lerias, polo menos á altura dos meus anos.

¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
Hai novelistas novos e non todos son xa profesores e iso é un síntoma que entendo como moi positivo. Non é malo que nun goberno haxa un electricista, como foi o caso dun composto por socialistas. O problema sería que naquel goberno o fosen todos os seus membros. Sería demasiado enchufe. Cando nunha literatura todos son eléctricos, esta padece cambras de xeito sistemático e acaba tolleita. Quero dicir que, nivelada a cota, véxoa máis áxil e lizgaira. Que lle dure e teña longa vida.

Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
Xa levo falado abondo e mesmo descargado algo, coido eu. Só me gustaría deixar claro que non todo está perdido, senón que todo depende de nós e que o peor nemigo co que contamos é a nosa propia compracencia. Non debemos seguir sendo tan obsecuentes e manter agachada a realidade. Por iso entendo que é preciso que falemos dunha bendita vez daquilo no que temos podido equivocarnos, se o que queremos é seguir andando. É estatisticamente imposible que todo o fixeramos ben e oíndonos daría a impresión de que teña sido así. E non o é.

Antes dixen que xa só lle teño querenza á vida. Non mentín. Sucede que a literatura é, senón toda ela, si parte importante e substancial da miña e que ha durar tanto coma dure ela, ou iso desexo ferventemente. A miña muller, as miñas fillas, os meus netos xunto coa literatura son a miña vida. ¡Ah, e tamén os catro cans que teño!
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES