Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isabel, a noiva 'gayega' de Carlos Gardel

viernes, 05 de febrero de 2016
Na capital da República Arxentina desembarcaron máis de medio millón de emigrantes galegos que atoparon nas beiras do Río da Prata un acolledor lugar onde construír un niño ao abeiro de vellas tempestades. Cruzaron o mar empurrados a afastarse do seu verde paraíso atlántico de castaños e carballos. A alegría chegoulles cando viron que no sur podían criar, educar e deixar algo en herdanza aos descendentes. Os nosos emigrantes labran o seu futuro con suor honrado.

Unha familia emigrante foi a que recibiu na súa casa porteña a Carlos Gardel [Carlos Escayola Oliva] un 12 de xaneiro de 1920. Os Martínez del Valle vivían na rúa Sarmiento entre Carlos Pellegrini e Esmeralda. Tiñan dúas fillas, Isabel e Concepción. Hai varias versión sobre quen era o acompañante de Gardel cando coñeceu a Isabel na esquina de Sarmiento e Pellegrini. Foi Isabel –falecida en 1990- a que manifestou nunha entrevista que se trataba dun secretario de Gardel que ademais era medio parente seu. Coido que podería ser Xosé Vázquez Vigo (1), músico e compositor nacido en Ferrol ao que Gardel lle gravou dúas cancións, Nena e Mariflor, en 1929.

A comezos do ano 1932 Gardel estaba de xira por Europa pero tamén a súa noiva Isabel andaba polo norte. Isabel estudaba canto en Milán. A investigadora arxentina Gaudalupe Rosa Aballe analiza estes anos de relación amorosa utilizando unha valiosa documentación epistolar propiedade do coleccionista Hamlet Peluso (2). Son unha serie de cartas con información de primeira man. Deste xeito é que podemos saber que Isabel estivo en Lugo na compaña da súa nai para visitar a avoa que estaba enferma (3). Alóxaronse no coñecido hotel Méndez Núñez do que era propietario un sobriño da nai de Isabel.

Desde o hotel enviou un telegrama a Carlos Gardel para informarlle do estado de saúde da avoa que nuns días ía cumprir 82 anos. Logo, escribiulle unha carta onde se desculpaba dos seus pedimentos de cartos. O seu comentario non ofrece dúbidas: es una pobre viejita que no la veré más, ya ves la edad y la enfermedad que tiene, vos sabés que si fuera para pasear estáte seguro que tu gorda no te pediría un centavo. Isabel desexaba atoparse co seu mozo xa que despois de 12 anos de relación era moi pouco o tempo que partillaban polos moitos compromisos artísticos do moi famoso cantor.

Na súa última carta desde Lugo (4) quéixase con resignación da súa relación: ya ves, estamos tan cerca y nos vemos cada año. Nos primeiros días de abril atópanse en Milán. A investigadora Aballe amósase bastante crítica coa actitude de Isabel con referencia ao tema dos cartos que lle pedía a Gardel. Creo sinceramente que Isabel era bastante comedida ou sensata nas súas solicitudes. Hai que comprender a súa preocupación xa que o romance íase estendendo e non se falaba de casamento.

Non acepto a imaxe negativa que quere trasmitir Armando Defino (o inmoral amigo que inventou a farsa do testamento ológrafo para apropiarse da herdanza de Gardel) que desprezaba a Isabel. Nun libro moi cativo que non merece ser citado escribiu: Atado a lo que creyó un gran amor y que no le dio el descanso espiritual anhelado, le resultaba difícil deshacerse de esa mujer. Non hai que ser un grande observador para afirmar que Gardel estaba namorado de Isabel. É evidente que non estaba atado nin era masoquista para sufrir durante máis dunha ducia de anos. Gardel era unha persoa fondamente xenerosa que axudaba a moita xente.

Teño a certeza de que pensaba casar con Isabel para ter a familia que nunca tivo. O seu pasado de fillo non recoñecido do tacuaremboense coronel Escayola foi o que o levou a buscar unha familia onde acubillarse. Gardel non quería unha moza do mundo artístico. Namorouse dunha filla da emigración galega e gozaba cos contos de aquelas persoas que cruzaron o mar na busca de novos horizontes. Para confirmar a súa xenerosidade quero informar que don Carlos deixou de propina, ao camareiro que o atendeu en Vigo no ano 1923, a cantidade de 200 pesetas. Supoño que escoitar a Isabel dicindo Querido Carlitos non tiña prezo.

NOTAS:
1. Para máis información sobre Vázquez Vigo pódese consultar “A emigración galega no tango riopratense” da miña autoría.
2. Artigo publicado na revista “Todo es historia” [Nº 431, xuño de 2003].
3. A avoa lucense nacera o 21 de febreiro de 1850 e levaba 20 anos sen ver a súa filla emigrante.
4. A carta é do 25 de febreiro de 1932.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania