O día 1 de febreiro, Criticalia chegou ao ser primeiro lustro de vida e, para celebralo, muda a súa faciana incorporando unha nova cabeceira deseñada por Caxigueiro, artista que hibrida con habelencia o escultórico, fotográfico, poético e pictórico en orixinais e singulares instalacións, que fan del un dos máis recoñecidos creadores galegos deste tempo.

Nesta ocasión o novo deseño xoga tamén coa mestura de tipos en moldura con outros elementos non tipográficos pero que funcionan como tal, abrindo un diálogo entre o gráfico e que está alén deste pero orbita arredor del implementádoo.
Caxigueiro dá, así, relevo a Xosé Vizoso -quen creou a imaxe do ano pasado-, Héitor Picallo, quen o fixo no 2014, e Baldo Ramos -quen se encargou de renovar as cabeceiras os primeiros anos-. A todos eles debe Criticalia agradecemento por crearen magníficos atrios para esta casa dixital.

Como noutras ocasións, tamén desta volta o artista xogou con varios modelos posibles ata dar con un que o convencía por igual a el e a quen isto escribe. Algúns deses deseños alternativos figuran como ilustracións destas liñas.
Benia a Caxigueiro, mindoniense xeneroso, por ter enfeitado con tanto ben esta bitácora, que loce coruscante mercé ao seu talento. ¡Que o gocedes!