Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha gran alegría seguida dunha fonda decepción

jueves, 04 de febrero de 2016
Cando un repara nas goteiras alleas, debe repasar as propias no vaia ser que lle aconteza como, pouco máis ou menos, lles dixo Xesús de Nazaré ós fariseos: “Vosoutos vedes o algaruxo no ollo alleo, pero non vedes o fungueiro no propio”.

E se un trata de manter unha certa capacidade crítica, non quedándose en simple criticón, debe mirar tamén de vez cando prá propia casa, por se vai acumulando lixo e teas de araña ou, mesmamente, goteiras, tratando de deixar ver algúnhas, a ver se se poñen os medios pra barrelas ou relousalas.

Nesa liña, escribo este artigo con certa xenreira e dubido de que sexa “politicamente correcto” dicir en voz alta algo do que vou dicir, pero cando me operaron da gorxa e, sabendo que duraría máis de cinco horas a operación, (durou sete e media), pedinlles ós cirurxáns que aproveitasen pra extirparme de vez os peliños que me nacían na lingua, porque ter que arrincalos cada semana cunhas pinzas fronte ó espello era un engorro moi grande, sobre todo agora que comeza a tremerme algo o pulso.

A algúns o non ter pelos na lingua sérvelles de desculpa pra cuspir, como mal educados que son, improperios maledicentes. Eu procuro que me sirva pra unha crítica, podendo ser, non mordaz e construtiva.

Feito este exordio, vou ó caso de que aínda á miña idade creo que os soños da leiteiriña a veces realízanse e tamén sei que, se esnaquizou a ola de leite que levaba na súa cabeciña e con ela as ilusións de futuro, non foi por culpa súa, por un inmaduro brinco de ledicia que deu a probiña antes tempo, senón polas pedras que lle poñía no camiño, un día si e outro tamén, un mal nacido da competencia.

O xoves 28 de xaneiro, difundiuse nalgún medios “relativamente bien informados”, que o venres 29 se faría público o nomeamento de Don Jesús Fernández, auxliar de Santiago, como Bispo de Mondoñedo-Ferrol. Eu tiven o sentimento de que se cumprirían os meus soños e que foran escoitados os meus rezos de que viñese el para ben da diocese e contento meu. Cara á noite foise deshinchando o globo; pero aínda así, deiteime coa dubidosa esperanza de que o venres podería facerse público o nomeamento. Ata tiña escrita unha cartiña pra dala á publicación. e que, como non me gusta perder tempo, mándoa igual. Se á fin ven el quédalle dito e, se ven outro que a repase se quere. Pero antes quero dicir que, ó non confirmarse a noticia, a primeira reacción supoño que é contra os informadores mal informados.

Pois, á miña maneira de ver, non é así. A culpa meirande é dun secretismo, disque diplomático, pero noxento dentro das institucións eclesiásticas. Non eclesiais. Comprendo que haxa que ser prudentes e que non se tiren os foguetes antes de saber de certo se vai haber festa, pero raposeiros non hai que selo.

Xesús dixo: “A verdade faravos libres”, o que non dixo foi: “A retorta e ampulosa diplomacia dalgúns eclesiásticos -que non eclesiais- faravos receosos, desconfiados e ata escépticos.

Dende logo, moito cambiaron as cousas desde a proclamación de bispos -ou o que fosen- das primeiras comunidades cristiás polos mesmos cristiáns da base, e os nomeamentos de hoxe, pasados por tantos coadores, con ternas e contraternas, con intrigas palaciegas e con “a ver si coloco a este que es de mi cuerda”.

Ese secretismo noxento e vomitivo é a causa de tantos bulos. Coñezo, ou iso me parece, a unha Dignidade eclesiástica, (os outros debemos ser Indignidades), que che conta ó oído un segredo, pedíndoche que non o contes a ninguén. Así pode ter el a satisfación de ser o único que o difunda e, ó cabo do día, están espallados douscentos segredos diferentes saídos da mesma cepa.
Secretismo de que? Sexamos serios e deixémonos de infantilismos e inmadureces usando en van o nome de Deus. Non hai moito nunha diocese que non vou dicir por non causar problemas a un bo amigo e compañeiro, este amigo faloulle ó seu bispo dunha actividade pra o mes seguinte e o bispo -suponse que tendo que gardar segredo- respondeulle: “Que no sea tal día, porque ese día tengo que ir a la toma de posesión del obispo de Tal que va destinado pra Cual” . Un mes antes! Vaia segredo! Manda narices! Isto é rigorosamente certo, palabra de honor.

Así nacen os bulos e non nos fai libre a verdade senón a que as mentiras completas ou as medias mentiras escravízannos.

Pero os que escriben nos xornais teñen que pescudar verdades e rumores e ata supoño que algunha vez inventalos, pra encher as páxinas e contentar a quen paga e pra poder comer e manter os fillos se os teñen. Así acontece que non sempre se escribe porque haxa que dicir, senón que se di, porque hai que escribir.

Pregúntome: “Como estará vivindo esta situación Don Jesús Fernández e quen será en última instancia o “monseñor” culpable das filtracións e dos insomnios de Don Jesús? Ata pode darse o caso que por mor desas filtracións, haxa un retraso no nomeamento ou un cambio de persoa. “Los caminos del Señor son inescrutables”. Perdón, del “señorito”. Vaia que ninguén se confesa diso!

Vai, logo a carta, porque aínda non me esnaquizaron definitivamente a ola dos soños. Aínda puidera ser que nomeen a Don José Fernández, e traballo feito non corre presa.


Querido Jesús Fernández, que sexas ben vido a Mondoñedo-Ferrol. Comezo así sen máis título, de momento, pero non por descaro, senón desde un fondo sentimento de fraternidade e filiación. Direi de entrada como no seu día lle dixen a Don Manuel Sánchez Monge que foi o meu Bispo amigo e agora é o meu Amigo bispo: “Sen renunciares á túa nai natural que te deu a luz á fe e te enxendrou no útero da Igrexa Universal desde a Igrexa Particular da Diocese de León, déixate adoptar como fillo e ó mesmo tempo como esposo, sen incestos nin complexos de Edipo freudianos, pola diocese de Mondoñedo-Ferrol, como segunda nai, xa que como auxiliar en Cospostela non eras fillo nin esposo de pleno dereito.

O mais probable é que che toque enterrarme, pero mentres tanto e poida conta coa miña axuda moi feble, pero reforzada pola oración que é a forza dos débiles. E non te preocupes, que non terás que pagarmo con ningún ascenso ou prebenda.

Que non che pareza mal que aproveite pra darlle as grazas a Toño Basanta, o que foi Administrador Diocesano en sede vacante e seguirá sendo, supoño, ata que tomes posesión, ou mellor dito, ata que nos deas opción a tomar posesión de ti. Atrévome a dicir que o labor de Toño foi máis difícil ca o dun bispo, porque tivo que facer de tal sen selo, ó mesmo tempo atender unha parroquia grande sen tempo, coordinar a revista diocesana Dumio e moitas cousas máis, e ser autoridade entre os compañeiros sen autoridade, ou sen que lle recoñecésemos a que o cargo lle confería. E con todas esas dificultades, non só se mantivo a nave a flote, senón que seguiu vogando mar a dentro. Graciñas Toño. Que Deus cho pague e tamén lle lo pague ós que che axudaron de preto.

O clero de Mondoñedo somos bastante vellos, moitos enfermos e algúns decepcionados; pero tamén os hai novos, pletóricos de vitalidade e cheos de ilusión. Ademais a diocese non somos só os curas, grazas a Deus aínda que custe recoñecelo a curas e comprometerse a non curas, e ademais, o Espírito é eternamente xove se non lle recortamos as ás e queremos enxaulalo (engaiolalo) no noso paticular ou colectivo poleiro.

Non es galego de nacencia, pero serache doado selo de adopción, porque te criaches nas montañas de León que intercambian sentimentos e saberes cos montes de Asturias e de Galicia grazas ó vento que conta os mesmos contos en tódalas montañas da cornixa cantábrica. Doutra banda, xa superaches os cursiños de iniciación en Compostela.

Así e todo, penso que se en toda Galicia non hai un cura que valla pra bispo de Mondoñedo, herdeiro de Maeloc, habería que ir pensando en pechar a empresa ou en presentar un ERE.

Que, en lugar do consabido: “E que tal será o novo bispo?” pensemos os seus colaboradores máis próximos e naturais, polo sacerdocio ministerial compartido: “A ver en que lle podo axudar a ser bo bispo ó que ven de novo no nome do Señor”.

Con todo respecto, Reverendísimo Sr. Bispo, Don Jesús, bica o seu anel de Pastor que “ule con naturalidade a ovella” como ben aconsellou o Papa Francisco, este achacoso curiña rural, por opción persoal, Xosé Manuel Carballo.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES