Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un aire novo

martes, 02 de febrero de 2016
Un aire novo sopra nas Hespañas, un vento mareiro e da estepa castelá meteuse polas fendas e as fisgoas das portas, desenferrollou as fallebas das ventás e ingresou cunhas refoladas demócratas nos corredores do Congreso, subiu os chanzos das escaleiras un a un e rematou apalpando os veludos das poltronas que se repartían dous partidos políticos, limpando o po amoreado desde a transición e metendo a aspiradora do pobo que os votantes lles mandaron.

Esta nova empresa á que lle encargaron a limpeza chámase “Podemos”. Fíxense vostedes “Po” polo da limpeza necesaria dos ácaros que fan irrespirábel este parlamento que converteu aos seus votantes en alérxicos que necesitan unha urxente vacina democrática coa agulla da esperanza que o Partido Político anterior lles suprimiu como medida de recorte constituída e construída para a sanidade privada, mais privada só para uns poucos que teñen a habelencia de poder poñer enriba da mesa os billetes necesarios aínda que non os xustos.

Este aire novo que leva a airexa das nosas rías cando cambia a marea, non soamente trata de aspirar o po depositado durante tantos anos e que fai irrespirábel a estancia, senón que tamén nos traerán, segundo din, o “demos” tan necesario na nosa podre e ridícula democracia, aínda que para algúns sexan demos entendidos como diaños bolivarianos, iranianos . . . e non como o “demos” grego que remata a palabra podemos, e que ten o significado de “pobo”; de aí que este novo partido político teña a urxente e perentoria necesidade de aspirar o po da transición coa súa maquinaria axeitada e levarnos ao “demos”; é dicir, despois de ben varrido o Congreso, situarse nel como pobo e lexislar “sen acritude” para os cidadáns do común.

Un aire novo, digo, sopra nas Hespañas, está levando as gravatas e converténdoas en rastas e coletas, está despelexando as chaquetas dos que mamaron os cartos que nos roubaron mentres este novo vento leva a mamar ao Congreso aos fillos dunha nova forma de entender o mundo e a política.

Paso! . . . . que entra xente nova para quedarse.

O seu sempre afectísimo. Xosé Otero Canto
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES