Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O centro e a periferia

lunes, 01 de febrero de 2016
Andei estes días ensarillado nun encontro internacional sobre xestión cultural que tivo lugar na "vila e corte", onde dis que conflúen tódolos camiños desta agora medio desnortada pel de touro que polo de agora aínda se chama España e que dentro dalgún tempo só o destino sabe o qué será.

Nel tiven ocasión de participar nuns coloquios certamente interesantes, así como na redacción das conclusións do mesmo, baixo o sino titular de "falsos dilemas" dirixidos por un xestor cultural de prestixio chamado José Francisco García, que foi, entre outras cousas director xeral de patrimonio cultural do Concello de Madrid e xerente do Patronato de Turismo de Zaragoza, e agora xestiona unha consultora sobre xestión cultural para cidades e patrimonio cultural, ademais de ser o director dunha Fundación Uncastillo (Zaragoza).

Confrontamos abondo os pareceres de xente moi diversa, tanto no tocante ó seu perfil dentro do ámbito da cultura, como da súa procedencia xeográfica, de aí que o debate se vise certamente enriquecido ó abordar a dualidade "centro-periferia" dende a perspectiva da xestión cultural.

Nese contexto, unido a outra das dualidades que foi abordada, é dicir, a de se a cultura debe ser xestionada polo sector público ou polo privado, eu tiven oportunidade de introducir un debate paralelo no sentido de que non se trataba tanto dunha cuestión xeográfica, canto unha cuestión xeosocial, entendendo que máis que centros e periferias o que hai é sociedades socialmente dinámicas e sociedades socialmente estáticas que en moitos casos -coma a nosa- a piques están de máis ca estáticas quedaren para sempre amortecidas.

Como dixen, foi certamente enriquecedor para todos cantos nos demos cita alí, ó podermos confluír nunhas conclusións e decatarnos de que incluso a dualidades pode ser moi difusa, pois unha participante que dixo ser da "ultraperiferia", por vir de Tenerife, nun momento sen querer chegou á conclusión de que na illa o seu establecemento cultural, non só non era ultraperiférico, senón que era considerado o centro por outros moitos pequenos espazos culturais do resto da illa.

En fin, que estas reflexións leváronme en tobogán a cavilar nun acontecemento cultural de primeira magnitude que terá lugar en Ourense no outono deste mesmo ano e que por certa lóxica ligada a isto do centro e da periferia, algúns pensaron ou deberon pensar que se cadra debería ter lugar no centro, é dicir, en Compostela.

Estou falando do congreso do Pen Clube de escritores, que da man de Luís González Tosar traerá á nosa cidade a 250 escritores de todo o mundo e converterá a vella e periférica Auria no centro literario mundial.

E isto é así porque outra das conclusións extraídas do encontro di que o centro do mundo está onde está alguén coma González Tosar, que cre firmemente no que fai e sabe tecer os fíos para, contra toda lóxica, mudar os polos da terra.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES