Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ten un dente e chama pola xente

viernes, 29 de enero de 2016
"As campás da parroquia / brincan na alma do campo / coma puchos rebuldeiros / na esponxa dos toxos bravos” (Amado Carballo)

Na cultura popular do noso país hai unha adiviña que di así: “Ten un dente e chama pola xente ¿que é?” A resposta é a campá.

O dicionario define a campá coma: “Instrumento de metal, en forma de copa invertida, que soa por percusión dun badalo, e serve, principalmente nos templos, para convocar ós fieis”.

As campás eran xa coñecidas na China antes do ano 2000 antes de Cristo e o mesmo en Exipto, na India... A Europa chegaron a través de Bizancio e as primeiras noticias delas veñen da provincia italiana de Campania (de aí o seu nome), en concreto da cidade de Nola aló polo século IV. O uso das campás nas igrexas extendeuse por todo o continente europeo entre os séculos VI e XI.

As campás das igrexas teñen unha finalidade comunicativa: chaman á misa (xa di o refrán “Non oi misa a campana, e a todos á misa chama”), anuncian tristonas a morte dalgún veciño ou veciña, avisan dos incendios, os días das festas repican algareiras e tamén convocan ós veciños para as alarmas como pasou, por exemplo cando a invasión das tropas napoleónicas...

Nalgúns lugares, por exemplo Mondoñedo, as campás tocaban a parto, e á agonía, é dicir, tocaban en dous momentos importantes da vida: o nacemento e a morte. Así escribe Alvaro Cunqueiro: «Todavía en mi pueblo se dan las agonías por la campana ‘Petra’ de la Catedral, con señales que dicen si el moribundo es canónigo o simple clérigo, hombre o mujer, o niño. Varios toques han sido suprimidos; por ejemplo, el de parto. Se tocaba la ‘Petra’ para que los oyentes pidiesen que Dios concediese a la parturienta unha buena hora. Yo debo ser uno de los últimos mindonienses que a punto de salir del vientre de mi madre, le tocó la ‘Petra’ para que Dios me hiciese nacer sin dificultades. Llegó un obispo asturiano, don Juan José Solís, y suprimió este toque y se abrevió los de agonía».

No que se refire ós toques “a morto”, son distintos segundo se trate dun home, dunha muller, dun neno, dun cura. Tamén varían dunha parroquia a outra. Por exemplo, na miña parroquia –San Martiño de Belesar- cando se trata dun varón dánse tres badaladas coa seguinte secuencia: campá grande, campá pequena, campá grande, pausa e así sucesivamente. Se se trata dunha muller, dúas badaladas: campá grande, campá pequena, pausa. Se o defunto é un cura, catro badaladas: campá grande, campá pequena, campá grande, campá pequena, pausa. O toque polo pasamento dun neno, en Mondoñedo, é un toque alegre, mesmo festivo. A xente di que, cando as campás están tocando a difunto e “laian”, logo “vai outro”, é dicir, logo morre outra persoa naquela parroquia.

En canto ós toques para a Misa son variados. En Belesar, antes da Misa tócanse as tres folgas: un repique longo das dúas campás. Ó chegar a hora, a entrada longa: doce badaladas seguidas na campá grande. Daquela a xente, que está no adro, entra na igrexa. No momento de saír o sacerdote para o altar, tocan tres badaladas seguidas na campá grande.

O toque a incendio é un toque moi espectacular xa que se golpean as dúas campás ó mesmo tempo dun xeito reiterado e continuo.

Nalgúns lugares tamén se tocaban as campás para “desfacer o nubrado”. Segundo di a xente maior, non todas as campás eran efectivas e por iso, non se tocaban en todas as parroquias. Sendo neno lembro que se tocaban as de Santiago de Boizán e a da capela do Santo Anxo de Penarredonda na parroquia de San Martiño de Belesar.

Outra das funcións das campás era, ata fai ben poucos anos, cando os reloxos de pulsera eran escasos, marcar o tempo. Así o toque do Angelus ou o de Ánimas eran unha referencia horaria para a xente do rural galego.

Cómpre dicir tamén que na Semana Santa, despois do Gloria da Misa do Xoves Santo non se tocaban as campás ata o Gloria da Eucaristía do Sábado Santo. No canto usábase unha carraca. Na Catedral de Santiago aínda na actualidade a empregan. A da Catedral de Mondoñedo consérvase no Museo. Tamén nas igrexas do rural había unhas carracas pequenas.

En Galicia houbo varios obradoiros de campás. En Mondoñedo había un a finais do século XIX e comenzos do XX, o de Antonio Blanco. Aínda hoxe a súa casa é coñecida como a do Campaneiro. En Lugo, estaba o obradoiro de Juan María de la Sota. Agora, no noso país, só queda un en Arcos da Condesa en Caldas de Reis que segue a fundir as campás dun xeito artesanal. Trátase de Ocampo Campaneros, que funciona desde a ano 1630 cando Feliciano Blanco Ocampo comezou a fundir campás. Neste obradoiro fundiuse unha campá de 2,3 toneladas para a Catedral da Almudena de Madrid.

Na elaboración artesanal dunha campá, o primeiro paso é facer o molde, en realidade son tres moldes, que se colocan superpostos, un encima de outro. Para dous deles (ós que van por fóra) emprégase barro, estopa e arames. Para o que vai no medio destes dous moldes, úsase unha mestura de cera e brea. Unha vez que se secan os moldes, quéntanse ó lume para derreter a cera que ten o molde do medio quedando así un oco que será recheo co bronce fundido. Antes de enchelo de bronce, enterrase o molde para que aguante o peso do bronce fundido. Despois de encher o molde, deixan enfriar a campá durante tres días, pasados os cales se saca do chan e límpase do barro e da terra e púese cun cepillo metálico. Despois vén o labor de afinamento. O badalo da campá é de ferro brando e xugo ou cepo, de madeira de carballo.

As campás, segundo di a xente, falan. Así as da parroquia vilalbesa de Santiago de Boizán disque din: por dar, dan; por dar, dan; por dar, dan... E as de San Martiño de Belesar, pen sar, pen sar, pen sar...
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES