Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Progreso en negativo

viernes, 29 de enero de 2016
Tradicionalmente, en política, os partidos considerados de dereitas son cualificados como CONSERVADORES, e os de esquerdas como PROGRESISTAS. Quero supoñer que os líderes dun e doutro lado saben moi ben que estes cualificativos teñen nestes tempos unha semántica que evolucionou en función dos cambios socio–político–económicos e, por conseguinte, non responden aos seus significados orixinais. Cabe, pois, preguntarse por que os utilizan como xustificación de actitudes que corresponden a outros motivos.

A modo dun sinxelo exemplo, digamos algo da idea de PROGRESO, da que deriva o cualificativo “progresista”. Segundo os estudosos, ven a ser a que mellor define a Ilustración, fronte a antigüidade greco–romana e a Idade Media. Curiosamente esta idea xerou grandes esperanzas; pero se lembramos as desventuras da Humanidade até os nosos días, podemos afirmar que o optimismo da Ilustración queda máis ou menos esvaecido polo ambiente de pesimismo e desacougo que reina nestes nosos tempos, principalmente no ámbito da política.

Talvez sexa conveniente recordar que o mesmo enciclopedista Diderot admiraba a forma de vida salvaxe fronte ao cúmulo de imposicións que arrastrou consigo a civilización, e tamén Voltaire vacilaba entre a esperanza e a loita contra un excesivo optimismo progresista; pero dende Fontanelle até Condorcet, contando cos enciclopedista e fisiócratas, apélase sen vacilacións á idea de progreso. Sen embargo, hai intelectuais que nos falan de que a Ilustración se preocupou máis de destruír errores e prexuízos que de ofrecer alternativas. E fíxense aquí como xa estamos en presenza dun incipiente “progresismo negativo”: sábese mellor o
que dificulta o progreso que o que o propicia adecuadamente.

Outro aspecto bastante discutible son tamén os límites dunha razón instrumental e absorbente (contra a que se pronunciou máis tarde a Escola de Frankfurt), á que se entregan algúns intelectuais ilustrados, aínda que non eran alleos ao empirismo, que a limitaba en función do percibido polos nosos sentidos; pero é que, ademais, Condorcet chegou a dicir que a Ilustración estaba máis ocupada en propagar a verdade que en descubrila e profundala. Reparen, pois, amigos lectores, en que por estes nosos lares tamén contamos con semellanzas abondo: promesas, insostibles na realidade económica, saen da boca de quen non conta máis que con imaxinativas virtualidades.

Sigamos andando un pouco máis por este camiño do sobado PROGRESO, profusamente cantado fora da partitura, con frases tópicas de escolares, como cando nos falan dun “goberno de progreso e cambio”, esquecendo que a idea de progreso é controvertida, pola súa propia esencia, que así o esixe, constituída co carozo dos constantes avances. Pero...que se entende por avanzar?. Cando menos é mester sinalar que se pode contestar dentro, polo menos, de dúas tendencias, segundo se entenda o progreso como o perfeccionamento do saber en xeral (coñecementos técnicos, artísticos, científicos, etc.) ou se entenda como acadar a maior felicidade posible, nesta vida, evitando na medida do posible os tormentos e desacougos que nos impón a propia natureza, e non
poucos a sociedade.

Non obstante, o progreso sigue sendo un dogma, etimoloxicamente (do grego) unha opinión, unha boa crenza, que xera a esperanza nun mellor futuro. É dicir, hai unha ideoloxía do progreso. Spencer sostén que o home desenvólvese até un estado loxicamente ideal; os neo–evolucionistas poñen a énfase non tanto no progreso de Humanidade como no “acrecentamento da capacidade de adaptación da sociedade”, como así o indica Talcott Parson, sociólogo estadounidense, ou no “acrecentamento da cultura”, como sosteñen Sahlins y Service, que traballaron a temática de “evolución e cultura”, e cren que a evolución do progreso humano é investigable cientificamente. Sen embargo, admiten que estas ideas poden estar en contraposición co que desexan as persoas, porque a capacidade de adaptación da sociedade non garante valores que aquelas prefiren, como cultura, benestar orgánico, solución dos problemas ecolóxicos, etc.

E xa para terminar esta modesta referencia, supoño que é evidente que non se pode xogar á lixeira co “progreso”, porque, incluso, non hai que descartar certos prexuízos, como afirma o tamén sociólogo e economista estadounidense, Neil J. Smelzer, estudoso, no campo da psico–socioloxía, da conduta colectiva, cando di que o desenrolo produce estes CAMBIOS: Desarticulación de estruturas tradicionais, integración nunha nova sociedade e disturbios sociais causados pola integración desigual (os disturbios sociais pasan por histeria masiva, brotes de violencia, movementos relixiosos e políticos...).

E non se entenda un rexeitamento aos cambios, marcado por unha teimosa estupidez, traducida a un “NON É NON”. É mester clarificar elementos de alcance cuestionable : QUE cambios, POR QUE, COMO, por QUEN, de que MATIZ (IDEOLÓXICO, con NECESIDADE OBXECTIVADA, ETC..)...

Pois ben; ese posible goberno de “progreso e cambio”, tan cacarexado, esixe un programa que debe ser ben explicado aos cidadáns, EN POSITIVO, non como de progreso en NEGATIVO, porque os contidos do mesmo non se inducen TANTO da derrogación e cambios do que fixo o goberno precedente – algo habitual na nosa dinámica política, por carencias positivas de ideas que non saen da negación do que hai –, COMO da superación obxectivada do mesmo.

E sobre todo a confianza quebrarase nun futuro goberno que ande con trivialidades e lixeirezas nos cambios que se documentan en Smelzer, que, certamente, parecen advertencias moi pertinentes ao caso de España, e que, para levarse a cabo, requiren uns acordes contextuais escasamente garantidos nun ambiente de heteroxeneidades e xordeiras irracionais e moi afastadas da cordura e competencia que comporta unha boa praxe política.

Pero que a esquerda manexe termos que sempre formaron parte dos seus recursos propagandísticos é unha proba da indixencia de integrantes positivos , como, igualmente, a dereita (especialmente a actual española) cursa cunha defensa implícita do neoliberalismo e outros tópicos que corresponden a súa tradición ideolóxica, manténdose na ambigüidade mediante expresións estereotipadas que sementan imprecisións e monotonías á esgalla.

Por isto, hoxe en día prima a constatación de que España está sacando, á palestra dos liderados políticos, mediocridades que, para facerse valer, teñen que berrar, xesticular e tomar estrañas decisións ou manterse nos cargos distribuíndo prebendas, furtando a verdade ao cidadán, falseando a hermenéutica electoral, silenciando corrupcións ata o límite do cinismo e despreocupándose do alcance dos seus propios límites, obsesionados e enfeitizados polas cadeiras da Moncloa; pero posúen unha certa intuición da inseguridade que os acompaña, máis ou menos borrosa, debido aos habituais aplausos aduladores, que os inducen a ofrecer verdadeiras escenas circenses, para disimular e esvaecer as relacións (incluso con teocracias?!), de dubidosa fidelidade ás estruturas españolas.

Por conseguinte, nestas circunstancias, nas que os líderes políticos seguen mareando a pava, o mellor servizo que lle poderían facer a España sería dimitir e marcharse dos foros políticos, e os mesmos españois non o faríamos moi mal se respondéramos cunha pouca de máis cordura e intelixencia, enervando as nosas pintorescas tendencias a atomizar a realidade social, que adoitamos catalizar incluso con ademáns folclóricos, cando a ocasión se nos presenta, esquecendo as dolorosas consecuencias das que os nosos ancestrais foron vítimas.

É vergonzoso que uns imberbes e extravagantes ideólogos intenten romper, como primeira providencia, estruturas nas que empregaron tanto esforzo en mantelas sensatos políticos, as cales aínda renderían servizos en mans prudentes e honestas (e fano con non menos descarada arrogancia que inmatura personalidade, ensaiando, cunha certa retranca demagóxica, uns tópicos atavismos propagandísticos) e se presenten como o único remedio para salvarnos das inxustizas, cuxa existencia non pode tampouco desbotarse, consentidas polas actitudes perversas, nuns casos, e indolentes, noutros, dos que hoxe reclaman un aprecio cidadán ao que tampouco se fixeron acredores.
Pero non parece que este sexa o camiño correcto (que non o é con corrección xa o sabemos), senón da azorada convulsión e superlativa irracionalidade: falta o nobelo de Ariadna nas mans dalgún inspirado Teseo !.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES