Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Facenda somos todos?

jueves, 28 de enero de 2016
Facenda somos todos?Confésolles que a min sempre me embargou a dúbida porque esta frase e outras por un estilo quedan moi ben, pero certamente afastadas da realidade. O outro día no inicio do xuízo do caso Nóos no que está imputada a infanta Cristina, unha avogada que representa ao Estado manifestou sen rubor algún que iso de que Facenda somos todos non era máis que un slogan publicitario e quedouse tan pancha, engadindo que se o defraudado é o Estado e este non denuncia, pois non hai caso. Postos a enumerar slogans pásolles outro: Todos somos iguais ante a Lei, un slogan que, dito sexa de paso, figura na nosa Constitución o mesmo que outro que di: todo español ten dereito a unha vivenda e a un traballo digno. E o caso é que á hora de pagar a Facenda a equidade brilla pola súa ausencia, que todos somos iguais diante da Lei ven de ser unha entelequia e que todo español polo feito de selo ten dereito a unha vivenda e a un traballo digno, pois vostedes dirán que pensan ao respecto sobre este e outros parágrafos que figuran na nosa Carta Magna convertidos en propaganda publicitaria segundo conveña a que intereses.

Así as cousas un non deixa de manifestar asombro diante dalgúns comportamentos relacionados con estes asuntos. Por exemplo, e referíndose ao tema da Facenda, semella que a escritura está rifada coa vellez; os vellos non deben namorarse, dicía Castelao na súa emblemática peza teatral, e agora para máis afondamento non deben escribir, e se o fan que sexa gratis porque toda remuneración que exceda da cantidade de 9.000€ ao ano non é compatible coa pensión pola que cotizaron perante toda a súa vida laboral. Ai,ai,ai!... que me estou acendendo pensando como compatibilizan salarios e pensións certos personaxes vinculados ao mundo da política e das portas xiratorias que cobran, abofé, moito máis que eses 9.000€ anuais. Deus que vergoña e que descaro!

E o mesmo que lles pasa aos escritores maiores de 65 anos que cobran algunha pensión e que non poden recibir premios en metálico, royalties pola venda dos seus libros, cobrar por impartir conferencias, etc... porque corren o risco de perder a pensión, lles pasará aos músicos, artista plásticos, etc... que noutrora traballaron como funcionarios, mariñeiros, empregados da banca ou doutra empresa calquera. Facenda somos case todos, porque algúns vanse de rosiñas compatibilizando soldos e pensións de máis de tres díxitos e aquí non pasa nada. Abstéñanse pois novelistas, poetas e escritores que cobran algunha pensión, de non percibir por outros conceptos máis de 9.000€ ao ano pois a perderán logo de cotizar por ela perante décadas. Escriban, fagan música, pinten cadros pero non cobren por iso se teñen algunha pensión, non vaia a ser que incorran en delito fraudulento de lesa humanidade.

É tremendo arremeter contra os pensionistas escritores esgrimindo unha lei de incompatibilidades tendo en conta que, neste país a porcentaxe de escritores que viven só de escribir (e que cotizan so por iso) é moi baixa, son moi poucos. A maioría teñen outras ocupacións.

E que pasaría se a un escritor pensionista lle conceden o Planeta (600.000€); logo de pagar o 20% do premio perde as prestacións polas que cotizou 35 anos? Quédase Facenda coa súa pensión perante o resto da súa vida? Ao novo goberno saído dos posibles pactos ou dunhas próximas eleccións, quédanlle moitas cousas que arranxar e resolver. Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES