Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Manuela Rey, a muller lirio (e II)

lunes, 01 de febrero de 2016
Neste mesmo ano 1859, polo outono, Manuela Rey lidera unha reclamación polémica ao solicitar do Teatro Nacional un pago mensual de Manuela Rey, a muller lirio (e II)72 mil réis, unha nómina moi considerable para a época e para ela mesma, tendo en conta que tan só era unha promesa.
Tamén en 1859 recita por primeira vez, nunha sociedade dramática, unha poesía en portugués: 
Eu pobre donzella, na aurora da vida / já tenho tragado mil gotas de fel…
Aos poucos vai conquistando ao público en papeis menores, de “ingênua”, ata que a partir de 1864 van chegando outros máis importantes en obras como Os Fidalgos do Bois Doré, Fogo no convento, Vida de um rapaz pobre, Nobres e plebeus …  xunto a actores e actrices de moito renome na época: Rossa, Theodorico, Tasso, Emilia das Neves ou Soller.
 
Amores e desamores
Ao parecer era alta e elegante, de pé pequeno, ollos entre verde e azul, cabelo entre louro e castaño, fermosa –loura musa de escena-; un tipo de beleza e elegancia nunca visto. De ollar vivísimo, o leve encrespar da fronte, “a prega eloquente dos cantos da boca, o ar ora triste, ora inocentemente alegre, o aroma de juventude e de poesia, a força e a graça daquele talento peregrino”.
En 1865 o escritor dramático J.A. Correia de Barros e o xornalista Francisco Serra, bátense en duelo por ela.
Pero antes, moitos antes, en Lisboa prendeu insistente o rumor de que o rei Pedro V, antes de casar coa princesa  Estefanía de Hohenzollern-Sigmaringen,  sentíu grande debilidade pola actriz e mesmo a quixo condecorar coa medalla da Orde de Santiago.

Escritora, pensadora
Manuela, ademais de actriz, escribiu algunhas obras como a comedia titulada A actriz e a o proverbio Por este deixarás pae e mãe, disque nun estilo elegantísimo. Atopáronse capítulos truncados de romances da súa autoría; tamén cartas, escritos filosóficos e apuntamentos autobiográficos. Neles percíbese a sensibilidade dunha muller aflixida cando se lamenta de non ter gozado da infancia nin das alegrías do corazón. Ou cando bota en falta o afecto maternal, ou un namoramento fallido, e ata reflexións arredor do feito de ser muller e de que os homes non comprendan: “Cegos que a não consideram como metade da sua alma senão como precisa á sua vaidade e aos seus caprichos… Para ao outro dia se afastarem d’ella como se desviariam dun lamaçal, não se lembrando que días antes eran elles propios que jubilosos se engolphavam n’essa lama”
 
A morte
En decembro de 1865 aínda brillaba no escenario. A principios do 1866 intervén en Um cura de almas, e recita, coa palidez no rostro, o poema Primeiros Amores de E. Vidal. Xa ten febre. O 5 de febreiro dá un paseo polo Jardim da Estrela e ao regreso séntese peor. O día 8 encamou. O 26 de febreiro sobre as 6 e media da tarde morre na Praça da Figueira, 46, 3º andar. Acompañábana naquela hora amigos poetas e actores.
O funeral tivo lugar na igrexa de San Domingos, e o seu corpo  foi soterrado no Cemiterio dos Prazeres no espazo reservado pola Associação dos Socorros Mútuos dos Actores Portugueses.
Só os funerais do rei don Pedro V e os do gran orador José Estevão, desaparecidos cinco e catro anos antes, poderían comparárselle en número de acompañantes.
Elegancia, talento e graza singular; rara, encantadora actriz. Unha das mellores crónicas da súa morte, de alto contido literario, fíxoa o escritor Ramalho Ortigão para a Revista do Porto. No “Diccionario do theatro portuguez” dise que foi das máis ilustres artistas. Ernesto Marecos escribiulle unha sentida elexía fúnebre titulada Coroa de Perpétuas.

A muller lirio
Foise na tardiña do 26 de febreiro de 1866. Matouna o tifo e unha curta e intensa vida chea de penalidades e mala saúde. Manuela Rey, “notabilidade dramática”, a mellor actriz que tiña o teatro nacional portugués daquel entón contaba tan só 23 anos. Elegancia, talento e graza, xunto coa fermosura que se reitera en cada crónica, convertérona nun mito.
César Machado, o gran historiador do teatro portugués, dixo dela que era “mulher lírio” e o seu mal fado quixo que o seu derradeiro recitado diante o público (4 de xaneiro de 1866), un poema de E. Vidal, comezase sí: 
O lyrio desponta e cresce / á luz da manhã que assoma /tudo é viço e tudo aroma /n’aquella graciosa flor.
A súa carreira foi “rápida e brilhante”. O público adorábaa. 
Morreu? Non morreu; disipouse coma un relampo!

Antonio Reigosa é Cronista Oficial de Mondoñedo
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES