No Teatro D. María II de Lisboa brillou como ningunha a estrela rutilante desta actriz que naceu en Mondoñedo en 1842 e morreu, cando o éxito máis lle sorría, con tan só 23 anos.
De Mondoñedo a Lisboa
Nun libro titulado Manuela Lopes Rey, o nº 3 da colección Os Contemporaneos, editado en Lisboa probablemente

en 1867, dise que naceu en Mondoñedo o 24 de outubro de 1843. En realidade, e así consta no rexistro da parroquia de Santiago de Mondoñedo, chamábase María Manuela Ramona Rey González e naceu o 1 de outubro de 1842, tal e como xa nos descubrira D. Gamallo Fierros en 1960.
Segundo o texto de Os Contemporaneos, cando a pícara ten entre 4 e 5 anos pasa por Mondoñedo unha compañía dramática itinerante que se hospeda na fonda onde a nai de Manuela, unha viúva cercada de dez fillos, traballaba. A meniña conquistaría a estima dos comediantes, e estes propoñeríanlle á nai que llela cedese en adopción.
O apelido Lopes, ao entender da Grande Enciclopédia Portuguesa e Brasileira, era o da súa nai adoptiva.
A faranduleira
Puido comezar así a vida nómade de Manuela, a carón dunha familia postiza, cun pai cariñoso pero cunha nai desafecta. Só unha muller vella lle amosaba o cariño dunha auténtica avoa.
Dise que aos 6 anos xa recitaba versos no escenario e facía pequenos papeis. Aos 8 representa na cidade de León a obra O Gaiato de París, e aos 9, estando en Palencia, morre o pai adoptivo, e un fillo da vella que lle facía de avoa (ao que Manuela chamaba tío) casa coa viúva e convértese no seu titor.
A compañía entra en Portugal por Valença, Chaves, Bragança
máis seguen as desgrazas. Estando na Régoa morre a avoíña, D. Dolores. Logo viría o deambular por Viana, Ponte de Lima, indo e vindo, collendo oficio. A saúde éralle esquiva, agora por febres intermitentes.
No Porto non tiveron éxito e a compañía disólvese. O seu titor viaxa a Lisboa e leva a Manuela canda si.
Outra versión dos primeiros anos
Gamallo Fierros desmente en parte, en artigos publicados en El Progreso o 9 de outubro e o 19 de novembro de 1960, esta versión. Transcribe a partida de nacemento, que confirma que tivo lugar o 1 de outubro de 1842. Era filla de Andrés Rey Expósito e de Francisca González, entón solteiros, veciños de Pradela, na Rilleira de Trigás, un lugar que pertence hoxe á parroquia de San Vicente. O seus pais casan o 11 de febreiro de 1843, e de aí en adiante van nacendo ata 7 irmáns máis: Dominica (1844), Rosa (1846), Bernardo (1848), Filomena (1851), Manuel (1854), morto axiña, outro Manuel (1856) e María (1860).
Imaxina Gamallo que Manuela aínda andaría por Mondoñedo aos 10 anos, e que logo emigraría a Portugal. Supón que en 1856 xa estaría en Lisboa, fose cal fose a maneira ou o motivo polo que marcha de Mondoñedo. Apunta Gamallo que Cunqueiro (por tanto, Cunqueiro soubo da existencia de Manuela) lle expresara verbalmente a opinión de que puidera terse ido para Lisboa como asistenta con alguén da familia Barro de Viloalle. De momento, outra imaxinación, neste caso de Cunqueiro.
Manuela en Lisboa
Segundo o historiador J. César Machado, quen tivo a fortuna de asistir como espectador á súa estrea como actriz, Manuela Rey chega en 1856, con 14 anos, a Lisboa da man do seu pai, formando parte dunha compañía de teatro ambulante. En Lisboa comeza recitando en español no Teatro do Salitre no drama O Filho do Cego. Fai de menino e conquista xa entón o favor do público.
Actúa en Setúbal, fai probas para o Teatro de San Carlos, declama en español e portugués ata que membros do consello dramático consideran que a hespanhola ten algo; un don.
Duarte Cardoso de Sá dálle leccións de educación gramática e de lingua portuguesa, e axiña é contratada polo Theatro D. Maria II, onde estrea con éxito o 23 de novembro de 1857 a comedia A alegria traz o susto. O primeiro papel, sen embargo, ía ser o de María na obra Frei Luiz de Sousa, pero ao morrer o actor principal, houbo que suspender.
O pouco que gaña Manuela entrégallo á familia. Viste pobremente e peitéase peor. Cando representa a obra Os homens sérios tivo que empeñar o colar de ouro que lle deixara en herdo a avoa para poder mercar a roupa e os aderezos necesarios para as representacións.
Pouco a pouco vai gañando prestixio. En 1859 xa figura nunha listaxe de biografías de actores e actrices destacados de Portugal e Brasil que se ía publicar baixo o título Galería artística da autoría do propio Machado, Andrade e Ferreira.
Antonio Reigosa é Cronista Oficial de Mondoñedo.