Burros de Foz
Fernández, Suso - martes, 26 de enero de 2016
Acábanse os burros. Din os expertos que, no curto prazo de dúas/tres décadas, non quedará un exemprar dos pacientes e sufridos asnos que, desde tempos inmemoriais, viñeron prestando importantes servicios á Humanidade.
Tempos houbo nos que en Foz o burro era moi apreciado e considerado; algúns acadaron popularidade e son moitas as anécdotas a que deron lugar. O burro foi, ademais, valioso auxiliar de todo un colectivo de fondas raíces na evolución económica e social do pobo: as pescantinas.
A vendedora que pregoaba o producto, azuzando a un tempo ó animal que o transportaba, era estampa cotiá polas rúas da vila e as corredoiras da bisbarra. O asno, para tal menester, debía ser de paso curto e miúdo para evitar o deterioro da mercaduría co violento vai-ven da marcha; daí que o burro da pescantina era sempre do xénero feminino.
Na memoria gardamos episodios que en certa medida refilcten o medio social, económico e cultural da época. Así se explica, por exemplo, que Emiliano da Cangalla, a quen roubaran o burro que gardaba na cuadra,tivera que desprenderse da prenda por él mais preciada: un fermoso acordeón, con artístico decorado e diseño de nácar, chegado de alén mar, que coidaba con todo esmero. Ante a dificultade de achegar recursos para mercar un novo burro, vendeu rifas para o sorteo do instrumento nun baile domingueiro no salón de Ramón María de Cao.
Un rucio popular fora Tilín, de anatomía émula de Platero; Antón de Carballido, o dono, asináralle un duro traballo: tirar da vagoneta que, da canteira do Rego de Foz, levaba a pedra para a construcción das Casas Baratas. Pero foi sen dúbida Pedro o colega mais popular: miúdo, arrogante, fiel cumpridor do cometido, pola visita diaria a certos establecementos, por razón de traballo, gañárase o afecto de moitos parroquianos. Mañoso para franquear o aposento, boa parte das noites as pasaba á luz da lúa, o que lle daba certa imaxe de romántico e mesmo de ligón. Pedro, o burro que, da feira de San Froilán de Lugo, chegara a Foz en 1944, foi elemento popular e querido. Pola onomástica (29 de xuño) tomaba as súas cañas de cervexa, adozaba o padal cun feixe de caramelos e na testa, no medio das orellas,lucía un fermoso penacho de flores
Os burros acábanse
¡qué magoa!.
(Suso Fernández é cronista oficial de Foz).

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora