Premios "Manuel Gómez Román"
González Martínez, Xosé - martes, 26 de enero de 2016
Duns anos para acó estase a notar unha maior sensibilidade de moitos propietarios de casas no rural galego que queren devolverlle ás súas vivendas o feitío orixinal. Na nosa paisaxe comezan a agromar aldeas cos seus hábitats recuperados e habilitados coas mellores comodidades interiores. E nesta tarefa teñen un papel decisivo os profesionais que saben ver nos vellos muros de cachotería das nosas casas aldeás, elementos arquitectónicos que debidamente tratados embelecen a construción en harmonía coa contorna xeográfica.
Máis dunha vez temos afirmado que os concellos tiveron moita responsabilidade na desfeita das nosas construción populares, outorgando licenzas de restauración que alteraron a tipoloxía de casas e construción adxectivas. Deste nefasto proceder foron, e seguen a ser responsables todos os partidos políticos sen excepcións. Son os culpables de que a nosa paisaxe rural fora degradada, ao tempo que promovendo a falta de autoestima dos galegos polo propio.
A asociación cultural Setestrelo que preside e dirixe Francisco Nóvoa Rodríguez, Paco da Postal, convócanos ao acto público da quinta edición dos premios Manuel Gómez Román, que terá lugar no Castelo de Maceda o próximo día 30. O premio, por ser o único destas características en Galicia, ten contribuído a motivar o interese pola recuperación e restauracións da nosa tradicional arquitectura popular, que non é pouco.
Hai anos premiou a Manuel Caamaño Suárez, arquitecto e profesor da Escola Tecnica Superior de Arquitectura, pola súa obra As construcións da Arquitectura Popular, Patrimonio Etnográfico de Galicia, un estudo sobre o que se deu en denominar a arquitectura sen arquitectos. Certo, o noso patrimonio arquitectónico popular foi construido por mestres canteiros no que se poden observar os gustos estéticos e a funcionalidade nas construcións adaptadas ás necesidades peculiares dos seus moradores, creando fermosos núcleos rurais.
Os premios Manuel Gómez Román fóronlles concedidos este ano a Sabín-Blanco, Arquitectos SLP, pola restauración da vivenda para casa do parque das Fragas do Eume, en Montefero, e a Abalo Alonso Arquitectos, pola restauración das hortas de Caramoniña, en Santiago de Compostela. E a medalla de prata outórgaselle ao arquitecto, Manuel Seoane Feijóo, director das obras de restauración da catedral de Ourense, recoñecendo o seu labor profesional como arquitecto e polo labor de investigación e difusión da cultura e historia da comarcarca de A Limia da que é natural, labores que compatibiliza coa docencia na Escola de Artes Antonio Faílde Ourense. Un recoñecemento xusto para un profesional que ten tras de sí unha inxente e coidada obra, respectuosa sempre coa paisaxe e as distintas tipoloxías arquitectónicas.
Este ano celebraranse en Galicia ben actos para conmemorar o centenario da fundación das Irmandades da Fala, que foron as primeiras en declarar na súa primeira asemblea de 1918 a soberanía estética de Galicia, que se tería que exercer: a) Sobre as construción urbás e rurais, ditándose unha lei que obrigue aos propietarios a axeitare o estilo das súas construción ao estilo xeral de cada vila galega; e b) Na expropiación de monumentos e paisaxes. Unha proclama que ten aínda vixencia hoxendía. Por iso é de agradecer o esforzo que fai a asociación Setestrelo por manter vivo un premio destas características, malia a indeferenza das institucións públicas, máis dispostas a poiaren outras iniciativas de menor incidencia social. Iniciativas para facermos País.
(Xosé Gonzalez Martíbez é Presidente do Foro E. Peinador).

González Martínez, Xosé
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora