Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As cousas do correr

lunes, 25 de enero de 2016
Coido non ser capaz de adiviñar o futuro. Deus me libre!. Tendo esa capacidade só me quedaría agardar sentado a que a vida discorrese ao meu xeito e criterio.
Pobres humanos, soamente lles faltaba iso! A min co presente chégame, e máis dunha vez abondame.

Agora mesmo o presente móvese a unha velocidade abraiante. Son cousas da historia. Durante periodos nos que as cousas marchan algo ben (polo menos a gusto dalgúns) o tempo da historia se ralentiza. Como a vida: As penas duran máis que as alegrías. Ou iso pensamos cando miramos cara atrás.

Agora, pasados estes catro anos de dominio absoluto dun goberno con trazas absolutistas, onde ata a crise coas súas consecuencias máis desastrosas e a espada da troika achegándose á nosa garganta, nos dicían e nos din que todo estaba e está en vías de solución ou case solucionado. A verdade é que coa disposición destes gobernantes a quitarlle importancia ao que o pobo vivía e vive con desesperación, a realidade se semellaba e aseméllase a unha liña continua sen altibaixos. Para nós, esa liña eran e son as púas que marca un terremoto no papel onde se grava a escala richter.

Pero o que lles importa e o que pretenden é que permaneza unha verdade, a verdade oficial, e nela todo estaba moi mal e eles solucionárono de tal xeito que pobriños de nós que intentemos modificar algo dese plan de ruta perfectamente deseñado.

Xorden imprevistos, claro. Estes días Oxfam Intermon botoulles un xerro desta auga tan fría do inverno que por fin veu. Datos, malditos datos. As matemáticas da estatística que todo o enturba coas súas cifras. Agora resulta que descubrimos varias cousas: Existe a desigualdade malia que repetían a toda trompeta que a crise repartiríase entre todos en igual medida. Houbo crecemento, desde logo, pero resulta que os ricos creceron en riqueza e os pobres creceron en pobreza. Ata se atreven a dicir porcentaxes: 20% para os primeiros, 80% para os outros. Tamén nisto hai xerarquías, e a élite tende a ser minoritaria.

Pero falaba da velocidade e do tempo da historia. Quen se acorda xa daqueles anos, ainda recentes, nos que criticabamos a sanidade, a educación e tantas outras cousas criticables. Porque a crítica é a axuda necesaria para intentar achegarse á perfección; sabendo que isto é inalcanzable. Aqueles tempos cos seus sobresaltos parécennos agora unha balsa de aceite na que todo transcorría coa medida do calendario: un día detrás doutro.

Espertamos vendo como nos quitaban o chan baixo os pés e aínda coas lagañas nos ollos xa temos lembranza dese tempo, porque ao noso arredor iso que criticabamos estragábano sen o noso permiso, ou co permiso que se outorgaron nunha noite escura cando decidiron modificar ese artigo da constitución de número 135 e de cuxa existencia, eu que son bastante parvo, nin me decataba.

Estas cousas do querer: vives anos con alguén e un bo ou mal día descobres que descoñeces tanto a ese alguén que xa nin recordas como e porqué estaba aí, pero botas a man á outra banda da cama e notas un baleiro. Algo que era importante, pero que, agora desaparecido, colle meirande importancia. Aínda que neste caso, ese artigo de marras, a min paréceme que era máis un asunto de fontanería: Quitaron ese tapón que atascaba o que nos quitasen dereitos e estes fóronse polo desagüe.

Os fontaneiros son xente de moita importancia na política e xa teñen un posto ben gañado na historia. Quen non recorda aqueles do Watergate? É bo lembrar o final daquel asunto. Quen sabe o que nos depara o futuro xa que vén desbocado ao noso encontro?.

Porque logo daquilo, e outras cousas máis de idéntica índole e por reacción, os tempos excitáronse, xurdiron os que o critican todo e nunca están satisfeitos e xuntáronse un bo ou mal día con data 15 M e entón o presente adiantou ao futuro de tanta velocidade como corría.

E nestas estamos. De tanto correr chegaron á carreira de San Jerónimo e sentáronse alí estes días e agora eles, pero xa acompañados de todos os demais, seguen axitando o tempo para que corra pero que non se desboque.
¡Atentos! Á beira do acelerador está o freo. Non nos equivoquemos de pedal.
Catoira Rey, Rafael
Catoira Rey, Rafael


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES