Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Teoría do lugar

sábado, 23 de enero de 2016
Hai anos que sigo con atención o transitar poético de Emma Pedreira. Teño comentado os seus versos en diversas ocasións e non deixo de Teoría do lugarsorprenderme, cadora, da súa capacidade camaleónica para reinventarse en cada nova entrega sen deixar de amosar os seus sinais de identidade con decidida transparencia.

Esta sensación de albura nova en redoma antiga é a que volve invadirme ante a lectura de s/t, volume de orfandades dende o propia cuberta, onde se declara a inexistencia de título ao tempo que se afirma o desposuimento da terra propia, do espazo matricial.

s/t é unha elexía ao lugar e o tempo que marcharon, á infancia que foi no Eume e que endexamais se perderá, pois habita no recordo, na lembranza dos versos, na víscera que a revisita de cor, pero que sabe que dese exilio nunca se retorna.

Polos poemas de s/t imos sabendo do outono da memoria, das certezas dos domingos da nenez, das ventás que se abrían á eira mundo, dos contos que viraban lendas. Tamén das avelaíñas suicidas, das vellas horas estantías de xeracións que viron nacer e murchar mil chorimas e, xaora, da morte coma un reino de sombras inesperado, as mazás nervadas cunha cartografía do ser e os migueliños como galano derradeiro da estación que marcha.

Pedreira instaura en s/t a súa xenuína Teoría do Lugar, dese umbilical Teoría do lugarEume que a trouxo á vida auténtica, profunda, sensocognitiva, por contraposición á urbe narcótica, o territorio da fuxida inútil. Como declara o verso de Eva Veiga co que se abre o poemario, foi o sangue o que veu procurala. As pantasmas dos devanceiros, a recordación dos proxenitores, o legado que cómpre cantar para que as fillas saiban onde habita o amor telúrico.

Nos poemas deste libro a árbore do ser fica coa raíz no lugar da primeira hora, mais as gallas xermolan no aire do deslugar. Hai un sentirse excluída, perdida, coa casa que foi piar e cimento xa devastada no neboeiro do tempo e que só a palabra ha manter viva: “Antes de marchar deixamos prendidos todos os espíritos,/ enraizados/ cravados no corazón da eira polos catro puntos cardinais,/ coa intención do seu cántico,/ coa promesa irta do retorno”. A casa última de Xulio Valcárcel vólvese aquí “herdo triste./ Colleita do silencio”. Esa Alicia que, como en Cociña, se perde entre os pétalos que marcan os libros, a nena que se sabe Tántalo, desexosa de volver onde nunca poderá e que vinga a perda escribindo: “Un ventre cru no que me inundo da tristura moi longa e gris da perla desbotada debuxoume esta culpa que eu cambio por poemas”.

Nese paradiso ido, nese locus amoenus irreversible ancora para Pedreira o inventario dos xoguetes humildes, de D. que levaba ás carranchas, do Eume limo orixinario, do Vilar que entalaba o medo “entre as costelas do oso e os cairos do xabaril”, dos cogomelos de sangue que abrollaron entre as dedas e “correron logo terra adentro/ por facerse telúricos,/ delatores”.

Mercé a ter sido distinguido s/t co III Premio de Poesía Gonzalo López Abente podemos ler agora este poemario que edita Xerais. Unha ocasión inmellorable para frecuentar unha escrita de pantasmas e cicatrices, de velenos doces e fríos caroais, diáfana voz a memoriar ese eu que con unha vai, cosido á entraña.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES