Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Loquios versais

sábado, 16 de enero de 2016
Teño querenza de vello polo Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas por razóns doadas de explicar: é un certame único pola singularidade da temática a concurso e, amais, sostense co entusiasmo e bo quefacer da modesta Asociación Cultural Caldeirón e o apoio do entregue Concello de Malpica, sinerxía feliz que os ten levado xa ata esta novena edición, agardemos que simple preludio de moitas outras nonas eróticas que han de vir.
E escribo isto agora tendo diante un novo libramento afortunado como é o poemario A outra voz, elaborado a catro mans por Verónica Martínez e Alberte Momán, lírica colaborativa que fai converxer aquí os camiños que ambos creadores andaron de par estes últimos tempos, pois Momán ten sido editor de Martínez nalgún libro anterior (así en Lusocuria, aparecido no 2012 baixo o selo de O Figurante Edicións) e teñen participado por xunto en diversos proxectos colectivos.

Dáse a circunstancia, ademais, de que Martínez recunca no certame, pois fora xa finalista no 2013 con Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter e tanto ela como Momán publicaron con anterioridade textos poéticos e narrativos nos que a Eros todo se debía.

A outra voz é, por tanto, un volume que nace da especial complicidade creativa dos que o asinan e que ten na violencia obstétrica e xinecolóxica o seu principal esteo temático. A partir deste eixe vertebrador, os poemas van tecendo unha rede de sentido na que esta difícil e desagradable realidade se percibe nidia na súa crúa dureza en comparación co sexo delicuescente e o desexo procurado ou se volve aínda máis tráxica cando do que se trata é de poetizar sobre o aborto e a orfandade que produce nos, finalmente, non pais.

A visión da vulva como un territorio vulnerado, como imo profanado, percorre estas páxinas que queren ser un canto á recuperación do corpóreo non obxectualizado, do físico non protocolariamente degradado, na procura de que “a miña cona deixe de ser un centro comercial,/ ese non lugar observado, manipulado, mancado, seco, oco, furna,/ funeraria e estéril” tras pasar polas mans de certos obstetras maquinais, de determinadas xinecólogas asépticas que cumpren, con desgana, unha profesión que viven allea a calquera loaira de humanidade, de compaixón ou tenrura, de identificación empática.

Estes poemas, (d)enunciativos, poboados polo inzo de tecnicismos cousificadores, espellan a complexidade do sentimento amoroso, sexual e procreativo, a deshumanización dos círculos de atención médica, a derrota e a desprotección aos que arrastran os abortos, baleiros no corazón peores que os propios legrados, témeras dexeccións de morte.

Había na nosa literatura última precedentes dunha estética que reflexiona versalmente sobre a centralidade do corpo, mais, ata onde sei, nada onde monograficamente o obstétrico e xinecolóxico todo o ocupase, agás algún avance dos propios autores (velaí “Test de embarazo positivo”, premiado no Certame Literario Rosalía de Castro en Cornellá no 2014). Neste sentido, Martínez e Momán reclaman o seu corpo eléctrico, fanse castigadores beatniks, desangran o útero Plath e chegan a este limes médico-erótico onde a metáfora telúrica de Berger tamén comparece.

Alén os espéculos, ecógrafos, lubricantes, luvas de látex, espátulas, anciños exocérvicos, xeles e padiolas resiste Amor e unha sombra luminosa confirma a rúbrica da paixón curativa: “Cómesme,/ ti que podes,/ cómesme,/ louva-a-deus,/ a carne toda até lamberme os periósteos./ Ábresme/ até partirme a pube e a pelve,/ e tentar facer dúas de min/ para gozarme de novo./ Até desbordar as miserias e as covardías,/ os medos e os traumas./ Ate o final,/ co orgasmo por meta,/ como indicativo da curación”.

Sandados polo verso, así ficamos os que lemos A outra voz de Verónica Martínez e Alberte Momán, un libro non amable do que tirar partido en tempos de loquios que extenúan.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania