Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Asemblea celestial da emigración riopratense

jueves, 14 de enero de 2016
A recente sesión da ACER foi trasmitida en direto pola “Radio do Ceo” xa que o coordinador de Comunicación, don Luís Seoane, considerou que un tema tan importante coma a quebra do Centro Galego de Bos Aires debe de ter a máxima difusión. Non quere escoitar aos merendiñas de sempre coas queixas de que non foron informados. Antes do comezo da sesión, tivo lugar un sorteo para escoller a tres asembleístas de entre os moitos que se ofreceron para intervir. A sorte determinou que sexan tres persoeiros de calidade fondamente galeguista e con coñecementos sobre a crítica situación na esquina porteña de Belgrano e Pasco. Trátase de Antonio Pérez Prado, Rodolfo Prada Chamocín e Xosé Neira Vilas.

Antonio: Semella que teño que falar e o certo é que fervía por facelo. Estou quente. Ben sabedes que a miña vida profesional foi no seo do Centro Galego. Aquel hospital foi a miña casa. Moitos anos tiven quendas dunha ducia de horas. Non me queixo. Fun moi feliz e aprendín moito sobre o estilo de vida dos emigrantes en Bos Aires. Non había alegría maior que falar con doentes orixinarios das terras lucenses de Parga. Atendín a moitos que coñecían aos meus avós e iso enchíame de orgullo. Eran tempos de crecemento nunha Arxentina que estoupaba de vitalidade. Estou moi desilusionado coa xeración que herdou o noso gran fogar de cultura e saúde.

Rodolfo: A min dóeme no corazón. Ben me coñecedes, así que podedes supoñer o que levo sufrido desque renunciou o presidente Vello Pombo. Os dous pés fundamentais da miña vida foron a colaboración co irmán Castelao e o labor galeguista no glorioso Centro Galego. Houbo moitos presidentes, con máis ou menos sentimento galeguista, pero a nosa entidade mantívose firme no seu compromiso coa identidade propia. Aquel acolledor fogar emigrado prestaba servizos de calidade para beneficio dos socios.

Xosé: Eu son o que menos sabe dos asuntos internos do Centro Galego. Aqueles meus marabillosos anos porteños [1949-1961] foron fondamente emotivos xa que foi onde escribín os primeiros artigos en galego e publiquei os primeiros versos (Dende Lonxe, 1960) e a primeira novela (Memorias dun neno labrego, 1961). A capital arxentina era o lugar do mundo onde se concentraban máis emigrantes. Ir ata o Centro Galego era unha festa. Alí foi onde o neno Balbino comprobou que os galegos riopratenses medraban tanto que podían tocar o ceo coas mans.

Antonio: Moi certo, compañeiros. Tivemos o privilexio de vivir en galego fóra de Galicia. Había auténticos galeguistas cos que se podía falar de Franco, Perón ou de Leopoldo Marechal. Eran xente honrada. Non esquecían a orixe pero eran moi agradecidos cos anfitrións da República Arxentina. Non sei, quizais a quebra do Centro Galego teña máis relación coa perda de valores que coa política vixente en cada momento na Arxentina. Non teño autorización para impartir fundamentos de ética. Son médico. Só podo asinar un par de receitas que vaian ben para combatir os esquecementos interesados.

Rodolfo: O asunto é complicado. Non é doada a administración dun hospital. Hai que ser moi coidadoso cos investimentos en equipamento. Recoméndase ir renovando pero sen endebedarse. Quero pensar que a culpa do afondimento son os tempos actuais nos que o sistema mutual está pasado de moda. Poida que non soubemos reducir o exceso e que agora non hai maneira de pagarlle o soldo a máis de 1400 empregados. Se 30 anos atrás se houbese optado pola concentración de especialidades médicas –con atención de calidade e a mellor teconoloxía--- quizais hoxe a entidade non estaría tan estragada.

Xosé: O Centro Galego dos meus tempos era unha gran potencia. Movía máis cartos que moitas cidades de Galicia. Pensemos que 100.000 socios son moitos socios. Non había problema de cartos para edicións e actividades culturais. Poida que parte da responsabilidade sexa nosa xa que cando comezaron os problemas non houbo análise técnico imparcial para buscarlle algunha boa solución. Pediron axuda e a Xunta de Galicia achegou millóns de euros. O erro foi non fiscalizar onde ían parar as axudas. Case non houbo investimento e só serviron para ir tapando buratos.

Antonio: Agora pode ser tarde para atopar unha saída pero non hai máis cego que o que non quere ver. Quero dicir que houbo tempo de atallar a enfermidade. Os cartos da Xunta foron para aqueles monicreques empregados nunha Fundación que non cumpría ningún labor. Era o lugar de acollida para os recomendados do poder político que estivese de quenda en Galicia. Hai moitos anos que sobran empregados. Así o comentaban nas reunións das “Agrupacións Pro Centro Galego” pero seguían medrando. Foron baixando os ingresos e aumentando os gastos. A consecuencia foi o endebedamento.

Rodolfo: Poida tamén ser axeitado o facer unha crítica dun gran erro que tivemos os directivos do noso tempo. Estou falando da recomendación do irmán Xesús Canabal de Montevideo cando propuxo a idea de separar xurídicamente o sector da Saúde do sector da Cultura. A maioría dos membros das Agrupacións estaban de acordo pero logo o tempo foi pasando e quedou sen tratarse nunha asemblea. Hoxe estaría intervido o hospital pero sen problemas no Instituto Arxentino de Cultura Galega que sería o titular da valiosa pinacoteca, do Teatro Castelao e do Panteón na Chacarita. Eu asumo a miña cota de responsabilidade e pido perdón aos asociados.

Xosé: Penso que os nosos descendentes non sinten a mesma paixón que os seus pais e avós. O cal é lóxico. Eles non cruzaron o mar. Son da opinión de que cumpren de abondo con seguir mantendo as nosas tradicións. Non esquezamos que aínda temos moita presenza na Arxentina con galegos e galegas en altos cargos no goberno e nas empresas e nas universidades. Non se lle pode pedir que a paixón da súa vida sexa a defensa da nosa cultura. Non podemos cargarlle toda a culpa. Algo fixemos mal.

Antonio: Non teño definida a nosa parte de responsabilidade na quebra do Centro Galego. Hai familias que trasmitiron identidade e outras que non. Eu, medio anarquista e moi namoradizo desculpo a Aixa, a miña filla que vive nos Estados Unidos. Estou orgulloso dela xa que foi ata Parga para escoitar as voces dos avós. Outros herdeiros non saben cal é o nome castelán do carballo. Non lle podemos pedir nada se antes non sementamos. Os típicos porteños son xente de contrastes. Coido que resultado da maior presenza de calabreses e napolitanos. Os calabreses e os napolitanos son moi diferentes entre eles aínda que en Bos Aires todos sexan “tanos”. Nós, en comparanza somos doutra galaxia. Así se explica que o novo goberno --presidido por un calabrés-- sexa inimigo do creativo esforzo dos emigrantes.

Rodolfo: O que di Antonio sobre os “tanos” é moi interesante. Eu falei moito con Víctor Luis Molinari sobre a razón do seu namoramento galaico que o afastou do sangue itálico. Dicía que a culpable da nova paixón foi unha muller: Rosalía de Castro. Se falamos de variedades. Son dos Peares e non mamei a mesma cultura que un de Rianxo. Así é que os porteños leven dentro unha chea de sentimentos que viven en constante enfrontamento. Nas recentes eleccións levei unha forte decepción co meu partido, a UCR. Hai que ser suicida para ir de actor secundario nun reparto onde o cabeza de cartel non ten traxectoria histórica. A explicación está na perda da orixe. Esquecen a nobres persoeiros para ir detrás da merenda que poida compartir o candidato dun partido nacido no eido local. Unha trapallada que deixa na indefensión a millóns de cidadáns que non comungan con políticas que destrúen a convivencia facendo máis ricos aos que máis teñen.

Xosé: Non sei, amigos. Agora os cambios son de un día para outro. As novas tecnoloxías da comunicación fan líder a calquera monifate pero permiten tamén espazos para a crítica fóra do círculo dominante de medios de prensa lavadores de cerebros. Son optimista. Quero moito aos arxentinos e sei que teñen bo corazón. O problema témolo cando sae o ramallazo que os fai escoller a opción máis negativa para a maioría. Os nosos paisanos –a maioría votou ao novo presidente-- acabarán berrando contra do elixido e recoñecendo que se deixaron levar por unha marea que non levaba peixe, era só escuma. O Centro Galego de Bos Aires seguirá adiante xa que herdanza sentimental fortalecerá aos que agora están abatidos pola tristeza. Se Balbino foi quen de facerse un home de proveito desde a súa pequena aldea, non dubido do compromiso das ducias de “Balbinos” que protexerán o valioso patrimonio suado polos seus devanceiros.
Suárez Suárez, Manuel
Suárez Suárez, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania