Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de orballo

jueves, 14 de enero de 2016
Campos petrolíferos a moreas. Cruzo as pernas. Esbirro. Pónseme o coiro de pita. Isto sempre. Cada vez que esbirro. No verán sempre esbirro cando miro cara ó sol. No inverno cando me colle o frío ou cando teño algo no nariz. Xa sabedes que. Non quero ser porco pero é o que hai. O que estea libre de pecado, que tire a primeira pedra. A mellor proba tédela nos semáforos. Parade, observade, contemplade e veredes campos petrolíferos a moreas. Poucos condutores se libran de furgar no nariz. Buscando petróleo. Ou o que sexa. Petróleo, home, petróleo; que van buscar! Non sexas mal pensado.

Hai tempo, anos xa, non sei onde lera unha pequena nova que me chamara a atención: resulta que cando esbirramos, todo o que sae de aí parte a unha velocidade incrible (entre 50 e 70 quilómetros por hora) e cobre unha distancia que non é cousa de rir (uns 7 metros cadrados). Resumindo; que cando alguén esbirra, e como non poña a man ou algo diante, o tal espirro sulfata todo o que pille neses metros. E aí vai máis ca petróleo.

Descruzo as pernas. Non volvo esbirrar. Non sulfatei a ninguén.

O SOFÁ E O SACHO

Agora si que é verdade que leva chovido de raio. E que? Aínda cómpre. Si; pero todo cansa. Tamén cansan outras cousas e máis facémolas. Outras. E facémolas con gusto. Algúns é certo que ata lles cansa o estar cansados. Pero é porque non teñen espírito. Unha persoa ten que ter espírito, sangue. E non ser un apoucado. O que ten espírito, o que ten cara atópase con moitas portas abertas. Ó que lle gusta o sofá, a nugalla aniña e acomódase de tal maneira que ata custa abrir a boca de aburrimento. O sofá só escaralla os ósos, alma cándida! O sacho ponos no seu sitio. Con dor, pero déixaos ben colocadiños.

Canta razón hai para dicir que é a mellor terapia para vencer o estrés. Tamén hai que ter o seu aquel para que algúns se queixen do estrés, ou o que é por, para que o cataloguen incluso como enfermidade. A eses curáballes eu o estrés nun alustro, nun chiscar de ollos. Moitos quéixanse de vicio. Queixámonos. Segue chovendo. Segue sendo necesaria. Segue cansando. Pero, xa sabedes, nunca choveu que non escampara. Escampará, oh, escampará. Que remedio lle queda. Tamén os nugalláns, aínda que lles custe, teñen que abrir a boca. Chove.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania