Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Ano Manuel María

martes, 12 de enero de 2016
O vindeiro sábado as Terras de Parga e Guitiriz principian o Ano Manuel María, despois da experiencia emocionante do recoñecemento de Díaz Castro alongado arestora no tempo por unha verdadeira paixón polas artes.

Aquela Festa das Nosas Letras segue inzando en actividade creativa a eito. Acertouse na teima de converter a creación nun agasallo que axuda a arrequecer a vida cotiá do comunal, e con esta mesma enerxía honran ao poeta de Outeiro de Rei, amigo e valedor de Xermolos, que coa asociación de hosteleiros De Bares, e a colaboración do Concello de Guitiriz e a empresa Muíños, lideran este proxecto. Xa brindaron na Cabalgata de Reis con panxoliñas de Manuel María, recollidas da escolla que publicou no seu día Xermolos.

O sábado escolleuse o espazo máis feiticeiro para comezar as celebracións deste ano: o muíño do Campo da Feira de Parga, un recanto ben coñecido polo poeta, que sentía paixón por este universo, e así intitulou o seu primeiro libro: Muiñeiro de brétemas (1950), e alí imos encetar a primeira muiñada dunha tarde-noite máxica coa poesía cantada por Mini e Mero de A Quenlla, a canle do muíño, e despois de escoitar o canto da pedra de moer, xa no CIT, vai ter lugar, co fondo da música do Río Parga, un concerto da Coral de Xermolos, para a que Manuel María compuxo o seu himno, e dende alí, sen deter o rodicio da moa ata a treboada da alborada, moita máis música e poesía a cargo de nenas e nenos, nunha noite alumeada polas foulas da moenda envolvendonos co seu manto cintilleante ao compás dos sons de grupos coma Caivanca e Sons da Aldea, e os cantos de taberna de varios grupos que van ateigar de festa e luz as tabernas e as ruas de Parga.

Xermolos herdou do poeta este asombro polos ríos e muíños, e xunto coa Irmandade Manuel María está a celebrar a beleza do Río e o Muíño do Rañego en Vilalba, con hectómetros literarios, erguidos con saloucos de arte e fidelidade ao pobo, seguindo un roteiro soñado polo poeta, emporiso este muíño que segue producindo vida e pan, está a achegar colleitas de libros como “As foulas do Rañego” e “Pedra Albeira”, algúns dos primeiros libros de escritores da Terra Chá, a primeira fornada de pantrigo, como adoitaba facer Manuel María nas súas edicións de Xistral.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES