Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembranzas dunha vida (94)

miércoles, 13 de enero de 2016
Cando se cataban as abellas

Na metade do século pasado, sendo nena, recordo cando meu pai sacaba o mel. Os nenos estabamos contentos, pois tiñamos mel fresco. Meu pai cunha tixola vella, enchíaa de carolos. Poñíalle lume e facía moito fume. Tamén lle botaba herba por enriba. Así, fumeaba máis. Non tiña careta nin luvas. Levantaba o covo, poñía a tixola debaixo, e ía sacando os panais para potas grandes. Os covos, polo medio, tiñan unha cruz, feita de madeira. Un ano sacábanlles o mel por debaixo da cruz, e, ao ano seguinte, pola parte de arriba. Así, renovábase a cera, e ás abellas quedáballes que comer para o inverno.

Para comer mel, eses días, sempre escollían o que tiña a cera máis branca. Logo, á noite, poñían unha pota ao lume, e desfacían os panais en pedazos pequenos. Quintábanos algo, non moito, pois derretíase a cera, e o mel perdería propiedades. Logo, nun trozo de saco, ben lavado, íano apretando. Saía o mel; a cera quedaba en bolos. O mel poñíano en cacharros, para envasar despois.

Mel había pouco. Era para os remedios. Mamá, cando daba algún tarro, dicíalles que llo devolveran. Eran pucheiros de barro. Naqueles tempos, todo se aproveitaba.

Os bolos de cera que quedaban de escurrir, lavábanse en auga, igual que todos os cacharros que andaran con mel. Esta auga coábana e fervíana. De aí saía a melacha, que tiña unha color escura. Poñíana nunha pota, no vertedeiro, e bebiámola como se fora auga. Sabía moito.

Cos panais que non tiñan mel, cos bolos que quedaran de espremer, levábanos a Betanzos. Como era cousa lixeira, case sempre a levaban os rapaces. Mamá levábaa a unha cereira que había na Nosa Señora dos Remedios. Nunca collía cartos. Sempre velas, a cambio.

O día de Xoves Santo, levábamola aos oficios a Ambroa, pois era festivo, pola tarde; poñiámoslle un lazo ou o nome, alumaban ao Santísimo. E, o Venres Santo, pola mañá, iamos á misa. Ata pola tarde, era festivo. Logo do mediodía, xa podías traballar. Así, xa coas velas benditas, acendíanse cando tronaba, cando morría alguén. Era unha crenza que había nas casas.

Cando empezaba abril, e tamén en maio, saían os enxames. A min, de pequena, mandábanme reparar as abellas para cando saíran os enxames. Case sempre levantaban o voo pola mañá. Tocábamos unha azada, para que pousaran. Diciamos: “Pousa, pousa”. Para que non se foran para moi lonxe, pois, ás veces, perdíanse.

Cando xa se pousaban, case sempre nunha árbore, papá untaba o covo con follas de limoeiro. Poñíano ao lado.

Cubríano cunha saba branca e, de noite, subían para o covo. Outras veces, íanse e pousábanse lonxe. E igual as collía outro veciño. Din que as abellas son moi importantes para que haxa froita. Levan o pole de flor en flor e polinizan as árbores.

Recordo, de pequena, se che doía a barriga, dábanche mel. Se viña alguén especial tamén llo poñían para comer. Cando viñan meus irmáns de permiso, da guerra, de noite, ceaban con el. Antes, era moi apreciado, pois non estaba nas tendas como agora.

Recordo, papá poñerlle, enriba dos covos, unha caveira de animal, dunha vaca ou cabalo; non sei para que sería. Un ritual, probablemente. O día que sacaban o mel era unha festa para os nenos.

Un recordo para aquela xente que, co seu facer diario, obtiñan os mellores produtos.
Lembranzas dunha vida (94)
Remata o meu primeiro caderno

Non sei que suporá para vós a lectura destas miñas lembranzas. Se non vos resultan de interese, pídovos desculpas. Tamén pola escritura e redacción. Fun pouco tempo á escola. Desde os sete aos catorce anos. Gracias a meus pais e máis ao meu profesor, Don Segundo Alonso Romero.

Esta foi unha maneira de revivir o meu tempo pasado. Non parecerá bo, pero eu non me sentín infeliz, despois dos momentos duros da miña vida. Vivín querida e apreciada. Iso é o máis importante.

Só desexo,
que cando non estea,
me recordedes
cun sorriso.
Rodríguez Cabanas, M. Francisca
Rodríguez Cabanas, M. Francisca


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES