Promoción turística comarcal
Fernández, Suso - lunes, 11 de enero de 2016
O intento de traballar unidos os concellos mariñáns a prol da promoción turística é cuestión que ven de vello. O 23 de novembro de 1968, hai preto de medio século, no pleno do concello focego dábase conta do escrito de O Vicedo, no nome dos alcaldes do litoral, interesando a constitución dun órgano para o fomento do turismo que o formarían Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo.
Os edís focegos aceptaron a proposta e a constitución da que se chamou Mancomunidad Turística de la Costa Lucensee designaron representante na mesma ó alcalde Pepe Beltrán, que logo sería elexido presidente.
Por aquelas datas este cronista cumpría funcións de corresponsal de prensa, o que facía que asistira ás reunións da mesma. Son moitos anos e pérdese a memoria dos feitos, pero aínda así lembramos cómo era imposible lograr que ás xuntanzas asistisen a totalidade dos membros; que maiormente carecían de ideas ou cómo afloraban a cada intre as actitudes localistas e irracionais, en contraposición co talante aberto, obxetivo e solidario que son premisas sine qua non para que as accións fructifiquen; e nesas estamos
¡nada novo hai baixo o sol!.
Digamos que os concellos vivían unha auténtica penuria económica con presupostos irrisorios, carentes de medios, o que moitas veces impedía materializar o proxecto mais modesto; e que tampouco os gobernantes, alcaldes e demais, percibían as xenerosas retribucións actuais xustificadas cos eufemismos de dedicación exclusiva, ou parcial, asistencia a comisións, dietas etc., cando a cotío se fala de altruismo, amor ó pobo, de transparencia e de tanta demagoxia incorporada á dialéctica dos políticos
Estaban entón de moda os slogans que, con marchamo publicitario, dalgún xeito definían as distintas zonas: Costa del Sol, Costa Brava, Costa Dorada
A nosa sería, en adiante, La Costa de Las Mil Playas. A acción divulgativa foi tan pobre que apenas chegou a coñecerse, igual que ocorre con Máxica por Natureza: o cronista soubo dela por adiantar pola estrada nalgunha ocasión o autocar de Morán que o lucía en senllos costados; non mais.
En tantos anos os políticos mariñáns, aparte dir a Fitur, en longa riola, como Curros Enriquez decía que os rapaces da escola seguían ó gaiteiro de Penalta, se pode decir que a laboura quedou reducida ós insistentes anuncios (foguetes) de iniciativas que endexamais se consumaron. A evidencia fixo que este cronista, o 13-5-15, publicara un comentario que titulou: ¿ Gobernantes ou fogueteiros?.¿Ata cando haberá que facerse a mesma pregunta?...
(Suso Fernández é Cronista Oficial de Foz).

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora