Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

China branquea a súa política africana

sábado, 09 de enero de 2016
Trala apertura do cume do Clima de París, o presidente chinés Xi Jinping viaxou ao continente africano nos primeiros días de decembro para participar no sexto encontro China-África (os anteriores celebráronse trianualmente desde 2000 en Beijing, Addis Abeba e Sharm O-sheik) nun contexto dobremente adverso, marcado pola redución dos investimentos nun 40 por cento e do intercambio comercial nun 18 por cento no primeiro semestre do ano e un repunte das críticas sobre a súa actuación na rexión por parte das potencias occidentais.

Xi, a ton coa mensaxe da viaxe do primeiro ministro Li Keqiang en 2014, esforzouse por reivindicar unha cooperación máis equilibrada con África, regada con promesas de xenerosos préstamos. Se Li prometeu 30 mil millóns de dólares, Xi elevou a cifra a 60 mil millóns, querendo así despexar dúbidas sobre o nivel de interese e de implicación de China nas expectativas de crecemento das economías africanas.

O equilibrio da relación sino-africana, ata agora especialmente centrada na adquisición de materias primas (supoñen o 56 por cento das compras de China no continente), viría dado por unha firme aposta pola modernización do tecido produtivo da rexión facilitando a deslocalización de industrias chinesas consideradas menos competitivas e a proliferación de parques industriais, a construción de infraestruturas de transporte e enerxía, a loita contra a pobreza ou a potenciación da educación tanto formación profesional como universitaria.

Xi enmarca este salto cualitativo na política africana de China -actualizando o documento estratéxico para a rexión de 2006- na implementación da ruta marítima da Seda e o favorecemento de esquemas de integración rexional, especialmente no económico e en mellorala conectividade, con singular atención a Ruanda, Burundi, Kenia, Uganda e Súan do Sur. Desta forma, Beijing respondería ás críticas occidentais que a acusan de “cinismo predador”, apostando por un novo modelo de relacións máis diversificado e incidindo en aspectos estruturaid coa potencialidade suficiente para operar unha transformación significativa da actual realidade africana.

A penetración chinesa en África estivo acompañada de conflitos de diversa natureza, tanto coas sociedades locais como con algúns gobernos, incluíndo a proliferación de tensións laborais ou ambientais, o fomento da corrupción ou a deficiente integración das novas comunidades chinesas. Agora, ademais, debe ter en conta as críticas internas respecto do que se cualifica de “gasto exterior excesivo” e as promesas crematísticas que acompañan as viaxes internacionais do tándem Li-Xi cando en China os problemas acumúlanse e agrávanse. “Tirar o diñeiro sen control por parte de ninguén”, desprezando os riscos destas operacións e sen garantías de retorno adecuado dos préstamos concedidos en iniciativas que parecen responder prioritariamente a grandes operacións de imaxe, suscita xa reservas na propia China.

Outro factor de preocupación presente nesta viraxe da política africana de China é a seguridade dos varios millóns de traballadores chineses presentes no continente. O asasinato en Bamako de tres altos responsables de China Railways nunha acción terrorista, recordou a Beijing que unha gran parte dos efectivos das tres mil empresas que operan no continente fano en zonas de risco, atopándose a mercé de grupos terroristas ou inmersos en tensións de diverso tipo (étnicas, relixiosas, etc.). Todo parece indicar que China terá máis presente a esixencia de seguridade, non só no marco das misións da ONU, nas que xa participa desde fai anos (Malí ou Sudán), senón tamén por conta propia e mediante acordos cos gobernos locais. Neste sentido, a base loxística a instalar en Djibuti, a primeira no exterior, supón unha novidade de alcance.

Outro aspecto sensible, o medio ambiente, incorpórase como dimensión específica da política africana de China. Acusada en numerosas ocasións de desprezar o impacto ambiental dos seus proxectos, Xi Jinping anunciou a intención de Beijing de implicarse na conservación de especies ameazadas de fauna e flora silvestres, no combate ao comercio ilegal de marfil ou, nun sentido máis amplo, na promoción de enerxías renovables -nas que Chinesa aspira a desempeñar unha posición líder- e na cooperación para frear o cambio climático. A ola industrializadora que suxire China debe incorporar a transferencia tecnolóxica precisa para asegurar un modelo de desenvolvemento racional e sostible e evitar un segundo desastre ambiental en África como consecuencia das súas prácticas industriais.

Para rematar, cabe prestar atención á cooperación en medios de comunicación co propósito de mellorar a súa imaxe na rexión. A difusión da “voz de China”, moi presente a través da proliferación de estacións locais dos medios oficiais, intensificarase con investimentos en medios nativos, penetración no mercado de telecomunicacións e televisión por satélite e multiplicación da presenza en todos os formatos.

Esta política verase reforzada na orde cultural cun novo impulso aos institutos Confucio (conta con 46 delegacións e 23 aulas no continente), a creación de cinco grandes centros culturais e un maior investimento en cuestións educativas, incluíndo a capacitación en China de miles de profesionais africanos. Igualmente, cabo resaltar a presenza nesta axenda do incremento da cooperación cos think tanks e grupos de expertos africanos.

Trala viaxe á rexión do primeiro ministro Li Keqiang en 2014, quen cominou ás empresas chinesas a cambiar o chip para elevar a calidade e mellorar a imaxe da presenza no continente tomando boa nota das críticas que lles foron dirixidas, este segundo impulso de Xi Jinping supón outra volta de rosca na política africana do xigante asiático. Ten a consistencia suficiente para representar un discurso alternativo, auspiciar un desenvolvemento equilibrado e frear así o impacto das críticas occidentais?

Beijing quere disipar dúbidas. As propostas son ambiciosas e Occidente, colonizador ata fai ben pouco e sustentador de políticas pouco edificantes, non está tampouco en situación de dar grandes leccións. Agora, está por ver que se cumpran as promesas. África, e especificamente as súas sociedades, necesítano.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES