Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santos profilácticos e curativos (2)

jueves, 07 de enero de 2016
Santuarios vinculados á prevención e curación do Gando
A devoción popular tenta buscar unhas relacións simples co divino, directas e rendibles. Isto motiva o seu contacto coa plástica simbólica en contraposición ao abstracto. Polo tanto, as expresións relixioso-populares son a manifestación da emotividade persoal e responden ao desexo e á necesidade da intimidade co ser sagrado.

Este tipo de devoción implica a miúdo unha actitude antiintelectualista e, súa vez a creación doutras linguaxes máis achegadas ao seu mundo e á súa mentalidade.

Por outra banda, os devotos nas súas relacións co sagrado adoptan unha postura utilitarista, de tal xeito que a percura dunha serie de prestacións perante o divino segue a ser un dos trazos básicos da relixiosidade popular. De aí que non resulte estraño facer mención dos santuarios como un dos xeitos básicos de proxección deste tipo de relixiosidade.

Estes recintos de veneración quedan claramente reflectidos nunha capela, ermida ou igrexa parroquial aos que adoitan acudir devotos pertencentes a diversas comunidades Santos profilácticos e curativos (2)parroquiais, coa intención de pregar da entidade sagrada a concesión dunha serie de peticións de índole material:
a. Que os animais e persoas recuperen a saúde.
b. Que as terras teñan boas colleitas.
c. Que a casa esté ben protexida de influencias de carácter negativo.
Ademais, é mester aludir a outro tipo de rogacións de carácter puramente espiritual.

Polo tanto, estes espacios sagrados caracterízanse preferentemente pola devoción da xente e non por uns trazos artísticos e históricos inherentes ao edificio ou institución.

Deste xeito, cando as súas imaxes de devoción foron amosando un carácter propiciatorio ante diferentes rogos, foi o intre no que os santuarios adquiriron unha devoción popular.

Na actualidade, a perda de calquera animal, ligado dun xeito preferente co gando equino e vacún, segue sendo aínda un importante revés para a economía do campesino.

Polo tanto, non resulta estraño apreciar como os labregos no intre actual seguen acudindo á Virxe e a outras entidades sacras, como intermediarios ou mediadores perante Deus, para acadar por medio da súa intercesión a curación da doenza. Sen embargo, ás veces da a sensación que estes mediadores teñen un poder primario, é dicir autónomo e autosuficente para outorgar aquilo que se lles pide.

Por outra banda, as peticións ás diferentes deidades reproduce dun xeito claro o sistema social vixente, no que polo xeral se moven as relacións humanas en canto ao sentido de reciprocidade pragmática e na actuación de intermediarios que teñen como obxectivo primordial acceder a certas metas a cambio dunha posterior prestación cando chegue o intre axeitado. En consecuencia, mantense a idea do cumprimento xusto e proporcionado entre as partes dentro do estricto sentido xurídico que se lles concede ás transaccións do tipo «do ut des» («concedo para que me concedas»).

Este principio básico das interaccións sociais queda tamén reflectivo nun importante número de santuarios galegos. Un deles é o santuario de San Antonio de Agualada (Coristanco) (A Coruña), onde o trece de xuño se leva a cabo unha concentración de animais no adro do santuario pedindo os seus donos a bendición do gando. Polo que respecta á provincia lucense podemos aludir a unha serie de santuarios que teñen como un dos seus obxectivos primordiais a prevención e curación de doenzas de tipo animal. Así, podemos distinguir, entre outros, os seguintes:
O San Antón da Xestosa (Muras) e o da Rigueira (Xove). O San Cosme de Galgao (Abadín), o de Bretoña (A Pastoriza) e o do Cadramón (O Valadouro). O San Bernabé de Martín (Baleira), o de Castrillón (O Corgo), e o de Meilán (Riotorto). O Eccehomo de Arcos (Outeiro de Rei) e o de Cadoalla (Becerreá). O San Adriano de Lourenzá, de Goiriz (Vilalba) e de Pacios (Begonte). O San Bento Negro de Valdomar (Begonte) e de Carballo (Friol). O San Pedro Fiz de Vilarmide (A Pontenova). O da Nosa Señora da Leite (Sambreixo) (Palas de Rei). O San Alberte (San Breixo) (Guitiriz). O San Estevo da Balsa (Vilapedre) (Vilalba). O San Vitorio de Baralla, de Sáa (A Poboa de Brollón) e de Damil (Begonte). A Nosa Sra. do Faro (Requeixo) (Chantada), a Virxe do Ermo (Carlín) (Friol), a Nosa Señora dos Remedios (Oirán) (Mondoñedo), a Nosa Señora de Penarredonda (Paradela), a Nosa Señora do Leite (Sambreixo) (Palas de Rei), etc...

Nestes santuarios empréganse unha serie de rituais, dos que vou a reflectir aqueles, que teñen máis sona de cara aos romeiros, que adoitan vir case tódolos anos e, tamén, daqueles que aínda non habendo acudido teñen referencias claras do que ocorre nos mesmos.

Pois ben, os romeiros ao chegaren a algúns destes espacios sagrados recén nomeados adoitan efectuar unha serie de cerimonias ou rituais. Uns, acordes coa liturxia oficialista, como oír unha misa; participar na procesión; entregar esmola en metálico; confesar; comulgar etc. Outros, máis propios da devoción popular como «poñer o santo»; realizar o ritual de circunvalación ao redor do santuario; tocar o manto da entidade sagrada respectiva; nalgúns realizar ofrendas de exvotos de cera, que simbolizan ao animal atendido; levar a cabo o ritual da bendición do gando; tamen, levar auga da fonte da entidade sacra, así como outros obxectos ligados á mesma. Finalmente, nuns poucos, realizar «a poxa» de certos productos levados como ofrenda á divindade.

Estes rituais, que posibilitan o contacto entre o mundo cotiá e o relixioso, son acto de tipo comunitario que se levan a cabo en espacios comúns festivos e sagrados onde acoden fregueses de comunidades parroquiais máis ou menos lonxanas segundo o poder benefactor da respectivia deidade.

Por outra banda, unha das prácticas ritualísticas máis relevantes no mundo animal é, como xa vimos, o da bendición dos animais domésticos, que no ámbito rural refírese case sempre ao gando equino e vacún.

1. O Ritual da Bendición do Gando
En varios santuarios da provincia lucense preferentemente os ofrecidos ao San Antón, San Cosme, San Bento e San Adriano, celebrábanse, na véspera da festividade do santo, unha serie de rituais que ían destinados á cura e protección dos animais. Nese día, abondos campesiños, que vivían no ámbito de influencia do santuario, acudían con cadansúas reses para cumprircoas seguintes cerimonias:
1ª. Ao chegar ao santuario, levaban a cabo o ritual de circunvalación, consistente en percorrer cos animais o perímetro do recinto sacro unha ou máis veces.
2ª. Logo oían unha misa e ao seu remate participaban no ritual da bendición dos animais, que realizaba o crego encargado do santuario, usando a pregaria do Ritual roma«Benedictio animalium peste vel alio morbo laborantium» que di o seguinte:

Adjutórium nostrum in nómine Domini./ Qui fecit caelum et terram./ Dómine, nos secúndum/ peccáta nostra fácias nobis./ Neque, secúndum iniquitátes nostras retribuas nobis./ Hómines et juménta salvábis, Dómine./ Quemádmodum multipliscasti misericordiam tuam, Deus./ Aperis tu manum tuam./ Et imples omne ánimal benedictione./ Dómine, exáudi orationem meam./ Et clamor meus ad te véniat./ Dóminus vobiscum./ R) Et cum spíritu tuo./
Orémus
Deus, qui labóribus hóminum étiam de mutis animálibus solátia subrogásti; súpplices te rogámus; ut, sine quibus non álitur humána conditio, nostris fácias, úsibus non perire. Per Christum Dóminum nostrum. R) Amén.
Orémus
Misericórdiam tuam, Dómine, súpplices exorámus: ut haec animália, quae gravi infirmitáte vexántur, in nómine tuo, atque tuae benedictiónis virtúte sanéntur. Exstinguátur in eis omnis diabólica potéstas; et ne ultérius aegrótent, tu eis, Dómine, sis defensio vitae et remédium sanitátis. Per dóminum nostrum Jesum Christum filium tuum: Qui tecum vivit et regnat in unitáte Spiritus Sancti Deus, per ómnia saecula saeculorum R)Amén.
Orémus
Avérte, quaesumus, Dómine, a fidélibus tuis cuncta propitius flagélla: et morbórum in animália saeviéntium depélle perniciem; ut, quos mérito plectis, fóveas tua miseratióne corréctos. Per Christum Dóminum nostrum.R) Amén.

Tradución ao galego:
Axúdanos no nome do Señor./ Que fixo o ceo e a terra./ Señor, non nos xulgues segundo os nosos pecados./ Nin nos retribúas segundo as nosas iniquidades./ Ós homes e ós animais sálvanos, Señor./ Así como multiplicáche-la túa misericordia, Deus / Abres ti a túa man / e levas a todo animal a bendición./ Señor, escoita a miña pregaria e chegue a ti o meu clamor / O Señor estea convosco / E co teu espírito
Preguemos
Deus, que aliviáche-los traballos dos homes coa axuda de moitos animais, pregámosche humildemente que fagas que non perezan estes que coa súa axuda favorecen a condición humana. Por Cristo o Noso Señor. Amén.
Preguemos
Humildemente suplicamos da túa misericordia, Señor, que estes animais gravemente doentes sanden polo teu nome e en virtude desta bendición +. Que desapareza neles todo poder diabólico, e para que non volvan enfermar, se ti, Señor defensa da súa vida e remedio da súa saúde. Polo noso Señor Xesucristo, teu Fillo, que contigo vive e reina na unidade do Espírito Santo e é Deus polos séculos dos séculos. Amén.


Esta pregaria reflicte a orixe diabólica da doenza e a invocación que se fai a Deus pai e a Deus fillo para acadar a saúde.
Contra o 5 de Outono, festividade do San Froilán, celebrábase unha procesión en Ferreiros de Balboa (Becerreá), na que o santo levaba a cabo unha bendición do gando. Debido ao mal tempo a procesión suspendeuse, e nos tempos actuais adoitan sacar ao santo na procesión que se celebra o 15 de Agosto, acompañando á Virxe.
No santuario do San Alberte (San Breixo) (Guiritiz), a principios da década dos noventa do século pasado, aínda
contábase coa presencia física de animais de raza cabalar, malia que xa non se empregaba o ritual de bendición.
No último lustro do século pasado, os fregueses da parroquia do Cadramón (O Valadouro) adoitaban traer dunhas 40 a 50 reses de gando cabalar, caprino e vacún preferentemente ao santuario do San Cosme (O Cadramón) (O Valadouro), onde o párroco da freguesía impartía a bendición ao gando denantes de oficiar a misa solemne.
Hoxendía non pasan de dez as reses que os devotos traen para ser bendicidas.
O ritual de bendición do gando consta das seguintes fases:
1ª. Emprego da fórmula sagrada: «En el nombre del Padre, del Hijo y del E. Santo. Amén»
2ª. Cántico relixioso.
3ª. Pequena explicación sobre o siñificado da bendición dos animais.
4ª. Lectura e comentario breve sobre un aspecto do Xénese.
5ª. Preces de invocación e louvanza ao Señor.
6ª. Pregaria da bendición dos animais, segundo a normativa oficial da igrexa.
7ª. Bendición dos animais con auga bendita.
Por outra banda, no santuario do San Antón da Rigueira (Xove), o párroco segue levando a cabo a
bendición do gando os días doce de xuño e o segundo sábado de xullo ao remataren a misa do mediodía. Iníciase
este ritual coa saída en procesión da cruz parroquial, dos fieis, da imaxe de Santo Antón e do crego da comunidade.
Ó chegaren á altura do pórtico, os portadores da imaxe do santo detéñense e o crego adiántase uns metros ata se colocar fronte ó gando cabalar e aos seus donos. A continuación, cun hisopo bendice ao gando e reza a seguinte pregaria:
Oh Dios!, autor y dador de todos los bienes que has hecho. Que también los animales sirvan de ayuda al hombre en sus necesidades y en trabajo. Te pedimos, por intercesión de San Antonio, que utilicemos debidamente estos seres, necesarios para nuestra subsistencia. Por Jesucristo, Nuestro Señor. Amén.

Por outra banda, tanto nas casas da comunidade parroquial, como nas dos devotos do santo, cando se perde algún obxecto, ou se extravia ou enferma algún animal da facenda, adoitan recitar o ensalmo do santo tres veces, sen se equivocar. Este, empregado en moitas comunidades devotas do Santo, amosa a mesma reiteración tripla da estrofa de «El mar sosiega su ira...
V. Si buscas milagros, mira / Muerte y error desterrados,/
Miseria y demonio huídos,/ Leprosos y enfermos sanos.
R. El mar sosiega su ira, / Redímense encarcelados,/
Miembros y bienes perdidos / Recobran mozos y ancianos./
V. El peligro se retira / Los pobres van remediados,/
Cuéntenlo los socorridos. /Digánlo los Paduanos./
Santos profilácticos e curativos (2)R. El mar sosiega su ira...
V. Gloria al Padre, gloria al Hijo
Gloria al Espíritu Santo.
R. El mar sosiega su ira...
V. Ruega a Cristo por nosotros,
Antonio divino y santo.
R. Para que dignos así
De sus promesas seamos. Amén


Tamén adoita recitarse a seguinte oración, que xurdiu na propia comunidade da Rigueira.
S. Antonio venturoso,
seguidor de Xesucristo,
fuches sempre pobre e humilde
e dos máis pequenos amigo.
Axúdanos cada día,
nas labouras do campo.
Danos abundantes colleitas,
e protexe o noso gando.
Nas dificultades diarias
fortalece os nosos esforzos,
fai medra-la esperanza
e a colaboración entre todos.
Amparo dos máis pobres,
compañeiro dos que sofren,
bendice a toda a xente
dende a Rigueira de Xove.

O día 24 de maio celébrase en Oirán (Mondoñedo) a festividade da Virxe dos Milagres. Un dos rituais caracteristicos é o da «bendición dos animais» –gando equino e vacún-, que se celebra as 10, 30 da mañá no adro da igrexa. O párroco cun hisopo bendice aos animais, mentres recita a seguinte oración:

Oh Dios, que todo lo hiciste con sabiduría, y que después de crear al hombre a tu imagen, le diste con tu bendición el dominio sobre todos los animales. Extiende tu mano con benevolencia y concédenos que estos animales nos sirvan de ayuda y nosotros, tus servidores, ayudados con los bienes presentes busquemos con más confianza los frutos. Por Jesucristo Nuestro Señor. Amén.

Asi mesmo, na parroquia do San Adriano (Lourenzá), conmemórase o 16 de Xuño a festa do Santo Patrón. Dende primeiras horas da mañá acoden devotos de toda a comarca por mor de doenzas, tanto humanas como animais. Ao chegaren ao santuario oen unha misa e, logo, denantes do mediodía, participan na procesión que vai ata un cruceiro, situado nun pequeño outeiro. Alí, o párroco da comunidade reza un rosario cos devotos e fregueses que o acompañan, e leva a cabo unha bendición simbólica do gando. Algúns fregueses aínda seguen levando actualmente cabalos.
A bendición do gando era un ritual moi usual en bastantes santuarios da provincia de Lugo debido a que nos medios rurais se vivía nunha forte dependencia da terra, dos animais, da auga etc. Polo tanto as persoas que vivían nestes medios tentaban buscar resposta na fe e na relixión, cando algún destes elementos sufría algunha alteración de signo negativo.

III. Símbolos profilácticos do gando doméstico
Dende sempre o ser humano conscente da súa finitude veuse obrigado a usar símbolos protectores na súa doble variante de amuletos e talismans, para procurar os alimentos; acadar a saúde; e buscar solucións aos problemas de índole familiar e social. Aínda que ámbos os dous úsanse como sinónimos e, polo tanto, empréganse indistintamente, sen embargo dende unha óptica teórica amosan algunha diferencia. Así, segundo Calros Solla, o amuleto foi escolleito polo ser humano do medio natural, atribuíndolle a propiedade de presevar ao ser posuidor da doenza e de infortunios; pola contra o talismán foi elaborado polo ser humano utilizando materiais e rituais diversos, asignándolle a virtude de propiciar a fortuna, a saúde e a prosperidade do seu detentor. Finalmente, as pedras da fartura son amuletos de natureza pétrea aos que o ser humano lles atribuiu a propiedade de alonxar a escaseza e garantir a abastanza; en definitiva que houbese comida.
No ámbito da relixiosidade popular o uso e utilización dos diferentes elementos naturais -auga, lume, e terra- asi como de obxectos ligados en maior ou menor medida co sagrado foi algo constante. Estes elementos tiveron unha grande incidencia e proxección de cara á protección e sandación do gando bovino, caprino, equino e ovino.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES