Palabra calada
Cabada Castro, Manuel - domingo, 03 de enero de 2016
Dentro de só tres días, o próximo mércores, é tamén día santo, un día fermoso e cheo de ilusións como o é tódolos anos a entrañábel festa dos Reis Magos a pouco de comezar o novo ano. Antonte celebramos ademais a festividade de Santa María Nai de Deus co que comezou tamén unha vez máis o novo ano, que agora se chama 2016. Por todo isto procurarei hoxe ser algo máis breve, porque o que importa non é o moito oír e falar, aínda que se trate de temas tan importantes e instrutivos, senón o moito darlle voltas no noso interior, no noso corazón, ás grandezas que Deus fixo e segue a facer entre nós.
Temos que abrirlle a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos por medio do seu Fillo, que é tal como nos di Xoán no evanxeo de hoxe- a Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, á humanidade toda.
Por medio desa palabra de Deus convertémonos en fillos de Deus, asemellándonos ó fillo benquerido de Deus, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrarnos naquilo que é o esencial, o máis fundamental, da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que non pode ser só teórica, senón que ha ser sobre todo viva e práctica. Nestas festas que estamos a celebrar no tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde aparece a nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial con Deus Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é desde sempre o misterioso proxecto de Deus Pai con todos nós.
Paulo dínolo na súa carta ós Efesios da segunda Lectura de hoxe. En Xesús, comenta el, estamos todos benditos. Pois foi nel e por medio del, por medio de Xesús, cómo Deus Pai nos escolleu e predestinou a todos nós, antes da creación do mundo, para sermos fillos adoptivos seus. Isto é algo que ningún pensamento humano podería sospeitar desde si mesmo, se non nos fose revelado por medio de Xesús. Un Xesús que coñece a seu Pai Deus como fillo benquerido, que se relaciona polo tanto con el de maneira intimamente familiar, única.
Como este Deus Pai é para nós absolutamente infinito e resúltanos, en consecuencia, totalmente imposíbel entendelo e comprendelo directamente, por iso se nos comunica a través do seu Fillo humanizado, feito home. A un neno, a un coma nós, si que os podemos en certa medida entender, porque participan da nosa común humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo ó mesmo tempo, esta mesma Palabra, tan divina coma o Pai que a pronuncia, que a dirixe a nós. Por iso é tan fondo, tan sublime e -por estraño que poida parecer- tan doado tamén de entender o que se nos di neste, tan famoso, comezo do evanxeo de Xoán, que acabamos de proclamar e escoitar.
Xesús é a palabra de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nos dirixe a súa palabra. Con iso quedamos automaticamente dignificados. Cando un grande, e non pode haber ninguén meirande ca Deus, lle dirixe a un a palabra, queda un ipso facto transformado. Entra un nunha relación insospeitada. Pasamos de ser un ninguén, unha nada, algo totalmente insignificante, á dignidade e grandeza de vérmonos convertidos en fillos de Deus. Podemos dicir que nacemos de novo. Xoán dinos que nacemos así da vontade de Deus. Ó nacermos deste xeito divino, recibimos continúa a proclamar Xoán- o poder de sermos fillos de Deus. Tal e como soa. Non desvaloricemos esta gran mensaxe cristiá: fillos de Deus, adoptivos, mais verdadeiros, auténticos.
Por iso, esa gran mensaxe de Xesús como Palabra de Deus a nós que nos converte en fillos de Deus Pai, ten unha inconcibíbel capacidade vivificadora e iluminadora. Nesa palabra, dísenos no evanxeo de hoxe, está a vida. Xesús diranos: Eu son o camiño, a verdade e A VIDA. Unha vida que, ó mesmo tempo, é luz dos homes, luz contra a que nada poden facer as tebras. A Palabra dinos Xoán- era a verdadeira luz que aluma a todo home que vén a este mundo. Eu son diranos Xesús- a LUZ do mundo. Xesús, palabra de Deus Pai ó mundo, é para Xoán ese novo sol que espalla vida, calor e luminosidade fronte a calquera clase de morte ou escuridade.
Por todo isto, Xesús como palabra non é unha palabra oca, baleira, abstracta. É, polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con carne. A Palabra fíxose carne, dísenos no evanxeo de Xoán. Da mesma maneira que Deus Pai é en si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa Palabra. Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber cómo é Deus. Este é o resumo e a conclusión da reflexión de Xoán: A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Deámoslle grazas a Deus por ter querido manifestársenos no seu fillo Xesús, aparecendo entre nós, como nos di tamén Xoán, cheo de graza e de verdade.
Para rematar, léovos un poema de Merlo: Mercedes Losada Espinosa, irmá de Xaquín Losada e filla de Antón Losada Diéguez. Mandoumo, escrito a man por ela, como felicitación de Nadal:
Calémonos todos!
Naceu a PALABRA
e nace calada,
nun Neno sen fala.
PALABRA DIVINA
que queima e abrasa.
PALABRA que é fonte
do AMAR e da GRAZA.
Mirando a Deus Neno
o silencio fala,
e... di tantas cousas...!
Aínda sen ter son
fala ao corazón.

Cabada Castro, Manuel