Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Perdendo o Norte

sábado, 02 de enero de 2016
Leo no xornal de hoxe (onte, para vostede) dúas informacións desas que de cando en vez nos semellan acendernos perante dos nosos ollos unha luz vermelliña que nos indica algo así como ¡perigo!, non vaia ser que esteamos perdendo o norte.

A primeira delas ten que ver coa morte (non co falecemento, que é verbo que identifica a deceso das persoas e non dos animais) dun pavo real branco, que seica levaba máis de dúas décadas "adornando" o parque do Posío.

É certo que o Nadal é data axeitada para este tipo de novas intranscendentes, sobre todo pola carencia doutras informacións de actualidade con máis enxundia ou de meirande interese público, pero se un se detén a examinar a cobertura que lle foi dada en distintos medios de comunicación (neste, afortunadamente non pasou dunha "fotonoticia"), decatarase de que a sociedade que construímos cada día comeza a ter algunha interferencia no noso campo magnético, que fai que a brúxula se nos desvíe por veces do norte que nos marca.

E digo isto porque, máis alá da cobertura mediática que esixe a desaparición física dun pavo, por moito que sexa real, o que realmente chamou a miña atención e me moveu á reflexión foi a nota de prensa que remitiu ós medios o Concello de Ourense, que non é cuestión de transcribir aquí, pero que se alguén a le e se lle dá por mudar a identificación do devandito pavo real polo nome dunha persoa, a mesma estaría igual de contextualizada no tocante ás adxectivacións que sustentan o "lamento" co que o responsable de medio ambiente municipal lle transmitiu ós medios "a perda dun dos símbolos máis queridos do Posío".

Non sei. Se cadra ten que ser así e eu ando un pouco polos arrabaldes da sociedade e con frecuencia non me vexo representado nela, porque continúo pensando que as cousas cobran valor na súa propia dimensión e pérdeno completamente se ó cuantificalas se peca, tanto por defecto como por exceso.

A segunda foi ese "dilema ecolóxico" ó que seica se acaban de ver abocados os veciños dunha aldea de Maside, que dis que non poden "curar" un carballo que corre o risco de secar porque seica foi atacado por un escaravello que está protexido, nada máis e nada menos ca no "Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial y Catálogo Español de Especies Amenazadas" publicado polo Ministerio de Medio Ambiente.

En fin, que se por veces non perdemos a orientación, na miña humilde opinión con frecuencia andámoslle moi preto. Tan é así que calquera día a alguén se lle ocorrerá outorgarlle rango de "especie protexida" a unha variante vella do virus da gripe e teremos que encamar por non poder atacalo co mel e co coñac quente co que se lle fixo fronte toda a vida.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES