Este 2015 que se nos vai foi ano de sinaladas efemérides. Entre elas, a do centenario de Ramón Piñeiro, a quen se lembrou en actos e xornadas, homenaxes e recordatorios e, sobre todo, en publicacións que axudaron a actualizar a súa figura.

Préstame hoxe salientar un deses volumes que entendo imprescindible para mellor coñecer a traxectoria vital e autorial do intelectual de Láncara. Estou a me referir a Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía (1915-1990), obra da que se responsabilizou Henrique Monteagudo e que publicou, con primor, Galaxia.
A Monteagudo debiámoslle xa traballos de mérito arredor da obra de Piñeiro; poño por caso, a súa edición de A linguaxe e as linguas ou o compilatorio O espertar da conciencia galega, mais é sen dúbida neste libro onde mellor espella o fondo coñecemento que atesoura da andaina do escritor.
A presente fotobiografía de Piñeiro constitúe non só un relato visual ben completo dos seus días, senón, sobre todo, un testemuño precioso dos seus pasos, das decisións tomadas en momentos ben complexos, das opinións defendidas en transos transcendentais. Porque cómpre saber que un dos maiores acertos de Monteagudo foi o de ceder a palabra ao propio Piñeiro para, a partir dun habelencioso cosido de entrevistas e declaracións, facer que sexa o lancarao quen nos vai contando da infancia e adolescencia (1915-1931), da etapa na que agromou o seu compromiso galeguista (1931-1936), dos duros anos da Guerra, a clandestinidade e o cárcere (1936-1949), dos lustros escuros da resistencia (1950-1962), da etapa na que tocou fender muros a prol da causa de Galicia (1963-1976), tamén dos tempos nos que todo foi camiño aberto, agra por sementar ata o derradeiro alento (1977-1990).
Quen se achegue a este Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía (1915-1990), descubrirá pronto o fino labor do editor pespuntando nas fías onde as palabras do intelectual eran escasas ou inexistentes, anotando aquí e acolá esclarecedores pés de foto que iluminan contextos e desvelan personalidades, tamén, xaora, complementando con acaídas citas un discurso ben vizoso, que pon o foco nunha realidade reveladora: Piñeiro foi facendo o camiño cun norte claro, Galicia, mais as xeiras que tivo de andar foron reconfigurando, a cada canto, a maneira na que afrontar tal reto, non houbo no seu proceder, como erroneamente algúns pensan, predeterminacións cegas nin follas de ruta inamovibles.
Especialmente agradecidas son aquelas páxinas nas que Monteagudo recupera entrevistas onde Piñeiro se define verbo de

temas moi sensibles, como o da súa aposta polo nacionalismo/federalismo, asunto sobre o que lle falou abertamente a Eugenio Ibarzabal nunha interview para a revista vasca Muga en 1981.
O volume engade, como complemento á espléndida colección de instantáneas, a transcrición de textos históricos como o Documento dos 29 (marzo de 1977) ou o Manifesto de Realidade Galega (marzo de 1980) e remata coa escolleita reprodución dalgúns ensaios epistolares do autor: a Carta a Álvaro Cunqueiro (1951), Carta a Luís Seoane (1958), Carta a Celestino de la Vega (1960), Carta a Manuel Rodrigues Lapa (1973) e a Carta a Rodolfo Prada (1976). Por remate, unha Bibliografía esencial de Ramón Piñeiro, unha nota exhaustiva dos epistolarios publicados nos que figurou como correspondente, unha Bibliografía orientativa arredor da súa figura e unha extensa nómina de Entrevistas extractadas ou citadas.
Valiosa achega a publicación de Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia. Unha fotobiografía (1915-1990), un volume no que Henrique Monteagudo consegue trasladarnos, si, a vera effigies dun pensador incomparable que Salvador García-Bodaño definiu liricamente no poema co que se abre o libro: Na voz/ que flúe maina/ unha humilde/ firmeza/ e a patria/ na ollada longa/ do futuro/ que comeza
.