Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Avespas velutinas

jueves, 31 de diciembre de 2015
Avespas velutinas É sorprendente como estes animaliños fóronse adaptando a nosa contorna unha vez chegados aquí procedentes de Francia a onde arribaron dende Asia en barco, ata o punto de crear colonias practicamente en todos os lados enchendo de inquedanza ao persoal.

Montan os seus niños en calquera sitio e tanto lles ten as copas dos árbores como os aleiros dos tellados; colocan esas estruturas do tamaño de balóns de baloncesto onde mellor lles cadra, organizándose en colectividades que aparentemente non interfiren unhas coas outras. E acendeuse a alarma porque estas avespas son depredadoras: atacan ás abellas produtoras de mel, quítanlles as ás e levan o corpo para alimentar as súas larvas, e ademais, malia que din non ser moi agresivas para o ser humano, hai que ter coidado coas picaduras que poden ser perigosas se temos alerxia ao seu veleno. Por todo iso organizouse un plan de exterminio.

Son dos que pensan que os seres viventes están aí por algo, non por casualidade. Forman parte da natureza e coa súa presenza manteñen o equilibrio tan necesario para que as cousas transcorran sen grandes traumas. Nós somos os únicos que rachamos ese orde universal porque as leis da evolución permitiron que nos erixiramos nos reis da creación, o que nos da poder absoluto para decidir sobre a sorte dos demais seres vivos. Non quero dicir con isto que diante dunha praga teñamos que permanecer impasibles e semella que no concernente ás avespas velutinas atopámonos cara a cara cunha praga e xa que logo puxémonos a actuar en consecuencia. Pero insisto, vendo eses niños por dentro, observando como están as celas dispostas, como se constitúen en unha colonia perfectamente organizada, como protexen as larvas, etc, penso que estamos diante duns animaliños organizados cuxos comportamentos non son froitos da improvisación.

Posiblemente estean fora de sitio, lonxe do seu hábitat natural que se situaba noutras latitudes e ao chegar algúns exemplares, posiblemente nas adegas dun barco, non tiveron outra alternativa que intentar abrirse camiño nun novo mundo. E abofé que o fixeron ben.

Polo momento só sabemos os prexuízos que nos causan e ignoramos os supostos beneficios que o mesmo tamén os hai, pero diante da alarma provocada pola proliferación de niños, decidiuse un plan de exterminio que non sei se dará o resultado desexado.

Hai uns días apareceu un equipo protexido con traxes especiais para desmantelar un que estaba nunha árbore próxima á miña casa. Inxectaron un insecticida na estrutura dese habitáculo cando a colonia estaba recollida alí, quizais invernando. Logo fóronse, esperando a que o veleno faga o seu efecto e volverán para desprendelo da árbore.

Cando estaban nesa manobra, por un momento pensei que pasaría se outra civilización máis avanzada ca a nosa decidira acabar connosco argumentando que somos un azoute para a natureza e procederan a gasear as nosas casas, vilas ou cidades. Pechei a fiestra e axiña púxenme a pensar noutra cousa porque non conduce a nada angustiarse facendo ciencia ficción sen necesidade, malia saber que estamos dándolle leña sen misericordia ao planeta onde vivimos todos a pesar de non ter outro como alternativa. Hai que ver o que deron de si as avespas velutinas! Abofé.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES