Feliz aninovo!
Xiz, Xulio - miércoles, 30 de diciembre de 2015
Nestas datas, síntome raro se falo dos problemas que nos aqueixan, porque parece como se o longo tempo de Nadal tivese que ser dedicado a temas amables, de irmandade, de familia, de xuntarse para evidenciar que aínda nos quedan raíces e atumes, que aínda é posible comprobar que o que o tempo foi forxando non o poden separar nin as crises, nin as distancias, nin a política, nin o paro, nin a atmosfera social.
Sería de mal gusto falar de política, a pesar das taquicardias que produciron os resultados das últimas eleccións. Sería de mal gusto falar de prima de risco, de baixadas na bolsa, das ganancias dos bancos, do precio do barril de petróleo que non encaixa co que logo pagamos nós polo refinado
sería de mal gusto falar do concello, da Deputación ou da Xunta, de que vai haber eleccións autonómicas, que o Bloque está desaparecido, que Podemos-Mareas están na gloria
. Hai que falar de paz, de xuntanzas familiares, de chegada de parentes da emigración, de que por fin nos envolve o frío, de que chove, de que os nenos están de vacacións e polo tanto hai máis que facer na casa
De que hai que ser felices porque si.
En Lugo vivimos coa muralla abrazada por centos de tractores, o que me fai lembrar o que afirman os especialistas cando indican que este muro de pedra servía para defenderse do invasor, pero tamén, e de que xeito, para conter os habitantes da cidade, controlalos, e impedir a súa saída cando se estimaba que non era oportuna.
As institucións, en cadro, de festa
incluído o Hula. E toda a animación está no sector da hostelería, e naturalmente no comercio, que está tendo un Feliz Nadal no sentido máis económico da palabra.
Estamos rematando un ano duro que vaia Deus con el. Así que, se non poido non debo- abordar temas espiñosos, axeitareime á ortodoxia e despedireime ata o ano que ven, desexando a todos unha boa saída e entrada de ano. (Un amigo dime que nestes casos é mellor poner año, en castelán, para evitar malas intepretacións). E desexar que o ano que se anuncia sexa un pouquiño mellor ca o que remata. E que os Reis Magos, aparte de conservarnos baixos os precios do petróleo, nos traigan un goberno xeitoso para seguir tendo a festa en paz e progresar axeitadamente. Amén.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora