Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outro berro de luz

miércoles, 30 de diciembre de 2015
Hai anos Antón Seoane compuxo un fermoso himno que tiña como primeira estrofa:

Obreiro é hora xa
Labrego pra ti tamén
Que pide a patria
todas as mans

Era un himno potente que chegaba ao corazón e impulsaba á solidariedade. Trátase dunha das moitas cancións que no noso idioma se escribiron pola liberdade e polo benestar.

Tantos anos despois sigue sendo imprescindible sementar as rúas de berros de luz. Coido que no noso país o berro de luz máis importante deste 2015 produciuse no bruar dos tractores ao ritmo reivindicativo das súas sereas. Estas mobilizacións veñen visibilizar a situación crítica do sector agrogandeiro, vítima da desvalorización continua e paulatina do seu produto, froito dun mercado inxusto e quizais dun consumidor inconsciente que debería aprender a facer país. O caso é que boa parte da nosa xente viuse obrigada a comer o turrón nun tractor; fano por pura necesidade, porque creen no seu traballo, porque queren vivir na súa terra e da súa terra e porque non deixan esmorecer as esencias dun país que ten necesariamente que volver á súa orixe para recoñecerse e enfocar o porvir coa bagaxe da propia historia.

Sobra dicir que ninguén come o turrón nun tractor por gusto, senón que o fai por unha situación límite que o afoga. Esta situación límite prodúcese cando industria e distribución son incapaces de poñerlle ao leite un prezo digno pero tamén cando os gobernantes non son capaces de defender o seu país en Europa e axeónllanse ante o seu amo para manter escuros privilexios. Xa o dicía Benedetti: “ustedes duros con nuestra gente, ¿por qué con otros son tan serviles?”. Unha boa pregunta que algún día xente con altura de miras terá que resolver. Mentres tanto os nosos gandeiros seguen a loitar para que os seus fillos estudien, para vivir nunha vivenda digna, para manter o monte nunhas condicións axeitadas e evitar incendios, para xerar oportunidades de benestar e vida nun rural cada vez máis despoboado e para mellorar xeneticamente producindo un leite de mellor calidade.

De novo reitérome en que o agro nos últimos anos avanzou máis que o mundo urbano. O que pasa é que cando toca recoñecelo todo o mundo recúa e un par de céntimos vólvese un conflito para o que ninguén é capaz de elaborar un compromiso firme e de consenso.

De momento certas cadeas de alimentación como Eroski, LIDL, GADISA, Carrefour, DIA ou Leclerc comprométense á suba de dous céntimos o litro. Fica plasmalo por escrito xa que, como ben sabemos, as palabras lévaas o vento e só pesa o negro sobre branco.

Ante todo isto teño a necesidade de dicir que son o orgulloso fillo dun gandeiro e que gracias ao leite tiven a oportunidade de estudar e ser eu mesmo. Escribo na mañá de Noiteboa lembrándome de cantos andarán pola noite na Ronda da Muralla. Ogallá cando este artigo se publique o mércores 30 estea desactualizado. Nese caso estareino celebrando co sector agrogandeiro que xa ten merecido o premio do ano (por tantos anos) á Dignidade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES