Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A música é un dereito humano

viernes, 01 de enero de 2016
Israel Arranz non é un nome famoso. Aínda. É un rapaz novo, músico e compositor. E membro da Burela Marosa Jazz Project, grupo ser premiado no primeiro concurso de Jazz Fusion da Fundación Paideia e a cadea Fnac España.

Hai moitos Israel Arranz en Galicia. Son os que actúan nas big bands, nas bandas das nosas vilas. Son os bolseiros das orquestras de renome. Algúns, algunhas dan clases nas escolas de música. E cobran pouco. Suplen con entusiasmo e cun amor inmorrente á música e á terra o escaso aprecio oficial polo seu duro traballo. Mesmo hai políticos desnortados que expulsan a música das aulas.

Galicia gasta inxentes recursos en crear facultades de deseño nas cidades galegas. Ás veces con criterios máis políticos que racionais. Cada ano saen da universidade centos de rapaces co título debaixo do brazo. E a continuación son obrigados a saír de Galicia agora que nos percatamos que a emigración non está inscrita nos xenes galegos. Unha política miope e un empresariado que coloca a competitividade e a ganancia moi por riba das persoas obriga a marchar aos mellores. Cada ano, cando chega o verán centos de titulados andoriñas emprenden unha viaxe sen retorno. Cada un que marcha déixanos sen anacos privilexiados de cerebro. Por iso é noticia esperanzadora este premio nacional para Israel Arranz e o seu grupo.

Outras noticias chegan de máis lonxe. Por exemplo desde Venezuela. Xosé Antón Abreu iniciou en 1979 o Sistema Nacional de Orquestras Xuvenís. A música atopou así unha vía para que rapaces sen recursos gozaran da beleza da música convertíndoa nun dereito humán. É un modelo para o mundo enteiro de que a música non é un adorno social senón linguaxe universal que nos fai irmáns. A música está a conseguir un milagre en Venezuela: unha rede de orquestras acolle o mellor de miles de rapaces. Sácaos da intemperie da rúa e acubíllaos debaixo dun paraugas de beleza. Nada menos que cento cincuenta orquestras xuvenís e cincuenta orquestras infantís cun alto nivel de excelencia benefician a nenos e adolescentes e teñen un impacto formidable nas familias, nas comunidades, na sociedade venezolana. Futuros pandilleiros tentan ser colegas de Mozart, de Mahler, de Rachmaninov. Un previsible futuro de droga e violencia aparece agora blindado de violíns, clarinetes e fagots. A música éche unha vacina contra a falta de futuro.

O mesmo milagre, máis modesto, é o que inventan en cada actuación Israel Arranz e colegas músicos. Son a mostra dun traballo ben feito que honra a todos. Son os rostros novos da vella, da mellor Galicia. Son o noso futuro se algún irrresponsable non os condena ao exilio. Eles protagonizan o milagre de facer de carne e óso un dos máis fermosos dereitos humanos: o dereito á beleza. O dereito á música.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES