Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Santos profilácticos e curativos (1)

jueves, 31 de diciembre de 2015
Santos profilácticos e curativos de diferentes doenzas do gando na provincia lucense

Neste artigo distingo duas partes:
Na primeira fago alusión a aqueles santos abogosos do gando domestico como San Anton Abade, San Antón de Padua, San Cidre, San Cosme e San Damian, San Adriano etc; a sua influencia queda reflectida en rituais ligados coa bendición do gando e noutras promesas.

Na segunda analizo unha serie de símbolos profilacticos, que teñen como finalidade afastar as influencias maléficas da facenda. Así fago mención a unha serie de símbolos naturais, relacionados coa agua, co lume e coa terra; ademais aludo a un conxunto de obxectos relixiosos, como escritos e estampas, e, tamen, a outros que están ligados ao sagrado como os ex-votos de cera.

Dende sempre, no medio rural viviuse nunha forte dependencia dos animais, da auga, da terra, etc. Polo tanto, non resulta estraño apreciarmos como as persoas que viven neste medio tentan buscar unha resposta na relixión, cando algún destes elementos sufre unha alteración de índole negativa.

Esta relixiosidade baséase en boa medida nun mutuo intercambio de favores materiais, a saber, protección, boas colleitas, saúde etc., a cambio dunha serie de rituais e ofrendas, que poden levarse a cabo no intre do pedimento ou logo de ser concedida.

Este traballo pretende ser unha resposta a esta actitude que, aínda no momento actual, realiza o campesiño lucense. Isto motiva que analicemos unha serie de contidos ligados con todo aquilo que contribue dalgunha maneira á profilaxe e sandación de todo tipo de males vencellados ao gando desta provincia.

I. ENTIDADES SAGRADAS PROTECTORAS E SANDADORAS DO GANDO.
Na provincia lucense encontramos diferentes divindades vencelladas a igrexas parroquiais e santuarios que levan a cabo o seu poder benefactor e curativo sobre un bo número de doenzas animais.

As máis importantes son:
O San Antón Abade, que conmemora a súa festividade o 17 de xaneiro, e o San Antón de Padua, que a celebra o 13 de xuño.

A coincidencia de nome entre ámbolos dous santos deu lugar a que, malia a distancia no tempo, -San Antón Abade (séculos III e IV d.d.C.) e San Antón de Padua (séculos XII e XIII d.d. C.)- houbese unha mestura entre ambos, que propiciou que algunhas actitudes do San Antón Abade fosen atribuídas tamén ao San Antón de Padua, como é o caso do costume do «porco do San Antón», atribuido en moitos lugares a San Anton de Padua.

Este costume, que aínda se leva a cabo en Espasante (Ortigueira) (A Coruña), consiste en que os ramistas da festa do próximo ano mercan un cocho que será alimentado pola comunidade susodita ata os meses de marzo ou abril, intre no que se vende a un prezo estipulado, empregándose o seu importe na festa adicada o 13 de xullo a San Antón de Padua. Segundo José Luís Ponga este costume celebrouse en Mayorga de Campos (Valladolid), en San Román de Hornija (Valladolid), e na Comarca de los Oteros (León).
A interferencia de actitudes dámbolos dous santos a expresa Vicente Risco do seguinte xeito: «Tamén hai trabucamento entre San Antón Abade e San Antón de Padua. A xente di que o San Antón verdadeiro é o dazaseite de xaneiro, e o San Antón mintirán o día trece de San Xoán, mailo certo é que o portugués herdou do exipcio o ser abogoso dos porcos e do gando, que lle levan a bendicir o mesmo ó aun máis que ó outro».

Noutrora a festividade do San Antón Abade celebrábase en tódalas freguesías da provincia lucense o 17 de xaneiro. Os rituais básicos baseábanse nunha misa solemne; nunha ofrenda en especie,consistente dun xeito preferente en partes do cocho; e, como remate, «nunha poxa» dos productos ofrecidos. Esta ofrenda en especie tiña e segue tendo un gran valor simbólico na subasta xa que, ao estar en contacto co sagrado, quedaba impregnada de sacralidade, de aí que os devotos ao San amosasen un gran intérese en mercala.

O dezasete de Xaneiro se celebra na cidade de Lugo a festividade do San Antón Abade, máis coñecido como «San Antón lacoeiro». Os actos relixiosos son organizados na grexa da Soidade pola Orde seglar franciscana. Nese recinto sacro un monxe franciscano oficia unha misa ás oito da tarde á que asisten bastantes
devotos, algúns deles con animais de compañía: cans, gatos, páxaros..., que van a ser bendecidos individualmente polo monxe franciscano ao rematar a función relixiosa. Logo, o viceministro da Orde seglar - Ubaldo Urbano- «impón a imaxe do Santo» aos devotos que o estiman axeitado. A pregaria que usa, mentres cunha imaxe pequena do Santo fai o sinal da cruz por riba da cabeza do devoto, é a seguinte:

«Por intercesión de San Antonio Abad,
el Señor te bendiga.
En el nombre del Padre
del Hijo y del Espíritu Santo. Amén».

Paralelamente a estes actos a «Asociación Protectora de animais», organiza no interior da Praza de Abastos, ou no Palco da música da praza de España «un novo ritual de bendición de animais de compañía a cargo do mesmo monxe e, logo, leva a cabo «unha poxa» de diferentes productos alimenticios doados por algunhas empresas comerciais da cidade. Tamén o mesmo día, o comendador da Orde Mercedaria en Sarria (Lugo), Ricardo Sanlés Olivares, realiza no mosteiro da Madalena, sito nesta vila, o ritual da bendición dos animais domésticos: cans, patos, páxaros, años etc. Acoden un bo número de devotos, que participan dunha rifa para acadar «o porquiño do San Antón».

Entre algúns lugares de culto a ámbolos dous santos distinguimos os seguintes:
O San Antón de Vilabexe (As Nogais); festividade: o 17 de xaneiro e o 13 de xuño. O San Antón de Corvelle (A Pastoriza). O San Antón de Denune (Felmil) (Begonte); festividade: o domingo máis próximo ao 13 de xuño. O San Antón do Padornelo (Pedrafita); festividade: o 13 de xuño. O San Antón de Cortapezas (Portomarín); festividade: o 17de xaneiro. O San Antón de Hospital (Quiroga); festividade: o sábado posterior ao 17 de xaneiro. O San Antón de Caspedro (Quiroga); festividade: o 17 de xaneiro. O San Antón da Cubela (Torbeo) (Ribas de Sil); festividade: o 17 de xaneiro. O San Antón de Trabada; festividade: o 13 de xuño. O San Antón da Rigueira (Xove); festividade: o 13 de xuño. O San Antón de Abeledo (Abadín); festividade: o 13 de xuño . O San Antón da Xestosa (Muras); festividade: o sábado e domingo non posteriores ao 13 de xuño etc. Preto da capela de San Antón da Xestosa encontramos un libro metalizado, colocado por riba dunha pena de cantería. Nel, aparece un romance adicadoXestosa, realizado por José María Núñez o 13-6-2000. Dí o seguinte:

A S. Antón da Xestosa
anxo, patrón, vixía.
Nesta parroquia nosa
alumas y eres guía.

Non te esquezas de nós.
Tampouco das colleitas.
Os gandos serán bós.
Non haberá desfeitas.

No lado esquerdo do devandito libro figura en partitura a muiñeira de San Antonio da Xestosa coa seguinte inscrición:
Honoris causa Antonio Pereira. 3-6-97. Xosé Lois Foxo.

Ademais do San Antón, na súa dobre variante, hai outros santos abogosos de doenzas animais, como o San Cosme e o San Damián de Galgao (Abadín); do Cadramón (O Valadouro); de Bretoña (A Pastoriza) etc... O San Bento de Palermo (Carballo) (Friol); de Valdomar (Begonte); de Francos (Outeiro de Rei) etc... O San Vitorio de Damil (Begonte); de Baralla; de Sáa (Poboa de Brollón) etc. O San Bernabé de Martín (Baleira); de Queizán (O Corgo); de Paradavella (Fonsagrada), de Meilán (Riotorto), etc... O San Urbano (Goá) (Cospeito). O San Wuintila (Carballedo). O San Cidre de Seixosmil (Meira); de Saldaxe (A Pastoriza); da Milagrosa (Lugo), de Paradela; de Sarria...

Tamén encontramos algunhas advocacións de Cristo, como os Eccehomos de Arcos (Outeiro de Rei) e o de Cadoalla (Becerreá).

Finalmente, hai algunhas advocacións marianas, como a Nosa Señora do Leite (Sambreixo) (Palas de Rei); a Virxe do Faro (Requeixo) (Chantada); a Virxe do Ermo (Carlín) (Friol); a Nosa Señora dos Remedios (Paradela); a Virxe do Cebreiro...
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania