Mando conxunto nas forzas de seguridade
Editorial - lunes, 11 de septiembre de 2006
Estaba cantado desde hai moito tempo pero fora adiado por quen sabe que problemas de orde interno. Por fin o Goberno decidiu unificar os mandos operativos da Policía Nacional e a Garda Civil, co fin de que cun mando único se eviten problemas de descoordinación das forzas de orde público.
Se nunha gran cidade o tema é moi importante, nun país como Galicia moito máis.
A Policía Nacional en Galicia intervén somente nos grandes núcleos, mentras que a Garda Civil o fai en tódolos demáis. A Garda Civil ten un cuartel en cada pobo, controla o territorio e as persoas, coñece perfectamente todo o que pasa no recanto máis escondido. Unha acción de investigación ou de control en Galicia ou se fai conxuntamente ou non se fai.
O paso previo a esta xuntanza operativa foi a asignación da dirección das dúas agrupacións a sendas persoas civís, para ir arredando o corporativismo, pero mantendo unha individualidade que na Garda Civil se ven poñendo de manifesto nas denuncias que algúns colectivos veñen formulando pedindo a desaparición do seu carácter militar.
O sistema de dous corpos policiais veu funcionando moito tempo, pero non ten porque ser eterno, porque o país non ten nada que ver co de hai medio século e as forzas de seguridade teñen que servir ó País segundo as necesidades de cada momento.
A unificación de forzas, comezando polo mando conxunto, ten que redundar en melloras nos servicios prestados e na seguridade colectiva. Entendendo que é un paso previo para a unificación futura que garanta por igual a seguridade no rural e no urbano, cos mesmos medios, as mesmas persoas, o mesmo espírito.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora